sábado, 13 de marzo de 2021

Melaleuca


Paseando polo Campus atopei, o outro día, un fascinante exemplar botánico que merece ser inscrito no Catálogo Galego das Árbores Senlleiras.


I
Nome exótico (ou non?): Melaleuca armillaris

Orixe grecolatino -of course-: Melas –negro-; Leukos –branco- (a oposición de cores da casca: negra no toro, branca nas pólas); armillaris: anel, braceira -pola disposición dos froitos-.


II
Dendrometría

Un grosor excepcional, para unha árbore de porte pequeno (usada nas sebes polo seu verde perenne, e facilidade de poda).


III
Bioloxía

Non hai ningún outro exemplar, de  semellante tamaño e beleza, na capital de Galicia.


IV
Estética

Marabillosa, e conmovedora, esa procura da luz nacente no leste....

(Valiosos, e discretos, eses dous soportes artificiais, que axudan -imprescindibles- na supervivencia).


V
Situación

No corazón do Campus da Universidade de Santiago, unha das grandes xoias botánicas galegas.



En Compostela. No undécimo mes da peste

mércores, 24 de febreiro de 2021

Rosalia


Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar...”

(“Miña casiña, meu lar”. Follas Novas. 1880)




Tal día coma hoxe, naceu Rosalía.

Cumpre cento oitenta e catro anos... inmortal!

Así que, para celebralo, nada mellor que lembrala con dous poemas clásicos:

Curros Enríquez:  ... Ai dos que levan no bico un cantar 

Ramón Cabanillas: “...Dúas nais me bican e me dan arrolo”



No derradeiro mércores de febreiro...
...apertas rosalianas.


domingo, 13 de decembro de 2020

Camiñar pode cambiar a vida

“É a única persoa coa que se pode falar -(W.H.)- sobre o aspecto
sacramental do paseo. Os dous compartimos a idea de que é non só
terapéutico, senón tamén unha actividade poética que pode curar ó
mundo dos seus males...”
 
(Bruce Chatwin. Que fago eu aquí?.1991)





Lembrades como chegamos, no seu día, a Santo André de Teixido?

Foi grazas ao libro de Santiago Lamas e Alfonso Mato.

Un profundo e ameno ensaio sobre o andar, que compre ter sempre canda nós pois alimenta, axuda, informa... e resolve.

É atemporal.

(Se o vedes agora, está como imaxinades: subliñados, marca páxinas, notas ao pé...)

A cita que encabeza a bitácora de hoxe está na páx.104.

................

Werner Herzog forma parte da miña educación sentimental, polas súas películas (protagonizadas, case sempre, polo admirable Klaus Kinski: eu seguía máis -daquela- ós actores e actrices que ós directores)

Así que cando lin no xornal a reportaxe sobre a estrea dun documental que recrea a camiñada de Herzog, desde Múnic a París, en novembro do 1974, fiquei abraiado e volvín ao meu libro de cabeceira (páx.103)

“Cando lle avisaron que Lotte Eisner estaba moi enferma e temía pola súa vida, meteu nunha mochila as mínimas cousas precisas para a viaxe e, cun tempo duro de invernía, fixo a pé en vinte e seis días o camiño ata a capital francesa,durmindo en cortellos, pousadas ou casas de descoñecidos...”

.......

A fascinación vital, no século XXI, é esa.

Un rapaz, Pablo Maqueda, descobre un tesouro (ocorrido hai corenta e seis anos !) e fai un filme extraordinario... 

...coa portentosa voz do xenio -hoxe, sabemos do seu talento creativo máis aló de dirixir películas- como fío condutor.

......

E, sí, xa ando a procurar ese libro : VOM GEHEN IM EIS (Do camiñar sobre o xeo)

Paga a pena !

P.S. “... Lotte morreu unha década despois,aos 90 anos(...)

sentíase apreixada polo feitizo en que a andaina de Herzog a envolvera,que non lle permitía morrer malia a estar cansa da vida. Pediulle a Werner que tirase o feitizo para poder morrer,e dúas semanas despois de que Herzog estivese de acordo en retiralo, faleceu...”

( páx.103)


Por santa Lucía: cando mingua a noite e medra o día.
Compostela, 2020.




xoves, 26 de novembro de 2020

TURIBULUM MAGNUM

(“Fálase de péndulo simple cando o obxecto que colga é pequeno
en comparanza coa distancia ao punto de suspensión” 
 -A singular física do Botafumeiro-
 Juan R. Sanmartín
Universidade Politécnica de Madrid)




I
Introito


Cando souben que pechaba a Catedral fun correndo a tirar un par de fotos no seu interior.

Quería ilustrar unha publicación moitas veces adiada, e que -coa peste que nos invade- agora sí, ten a súa razón de ser.

Todo comezou -para min- no pasado século. Non había arañeira, nin redes sociais, nin novas tecnoloxías. Estaban os libros... e mesmo aquelas clásicas guías de Everest, alimento de turistas e viaxeiros. Información e detalles básicos para viaxar e coñecer lugares e monumentos.



II
Curiosidade

A fortuna de vivir en Compostela foi decisiva para visitar, pescudar e comprobar, in situ, o que dicían os libros.

A Catedral abre ás 7.30  e pecha ás 20.30. É unha Igrexa dedicada ao culto, polo que ten horarios de misas e actos litúrxicos... coas portas abertas.

( Non, non hai que pagar entrada)

Así que alí  me tendes -si, houbo algún día que madruguei para entrar cediño: impagable!- esculcando polo deambulatorio, parándome no cruceiro ... e saíndo pola porta da Acibechería.



III
Achado

O achado foi -coma sempre- casual, complementario e indescritible.

Ollade: hai dous grande nomes que aparecen -con razón- nas guías de Compostela: O  Mestre Mateo e Domingos de Andrade.

O Pórtico da Gloria, A “Catedral Vella”, A Berenguela, O Baldaquino... son fitos únicos na arquitectura compostelá, que conforman e danlle xeito á nosa Catedral

(Non prometo nada, máis tentarei facer cadansúa publicación...paga a pena !)

Ocorre que, lendo a letra pequena, sempre atopaba un terceiro nome que, curiosamente, traballa no período renacentista da Catedral de Santiago...

Púlpitos no cruceiro da nave central ?
Sepulcro de dona Mencía de Andrade?
Mecanismo do Botafumeiro ?


IV
JOANES BAUTISTA CELMA

"Joannes Bautista Celma aragonensis pictor, anno Domini MDLXXXIII Compostellae faciebat"


Esta é a súa sinatura, no alicerce do púlpito do Evanxeo.
Parádevos e ollade.
Non hai presa.

Moldeados en bronce -un material escaso e difícil de traballar- uns atlantes  soportan todo o peso da liturxia católica... con elegancia.
...........

Na capela da Azucena atopamos o sepulcro de dona Mencía de Andrade.
Fascinante.
Dona Mencía, deitada,durme coa cabeza reclinada nos coxíns.
O cadelo, vixiante, agarda que esperte a súa dona.
Puro granito, tallado, feito obra de arte intemporal.
...........

Catro anos antes de morrer (1608) púxose co mecanismo do Botafumeiro... que segue ata hoxe!

 “Xa con anterioridade o incensario atopábase bastante deteriorado,ata o punto de que, nun texto capitular de  1602 considerábanse os dispositivos para o seu movemento (polea,argola...)como antigualla .
Entón encárgase a Juan Bautista Celma a restauración do sistema de suspensión, e idea un enxeño a base de poleas que mellora a oscilación.
Tal procedemento  é o que segue vixente nos nosos días”
(1.-  páx.31)


V
Remate

Un ano despois da aparición do libro sobre o Botafumeiro, publícase o Catálogo do Museo da Catedral, que recomendo vivamente.

E fico abraiado (2.-  páx. 88 ).

“De orixe aragonesa, adoitaba definirse como un pintor que funde metais“


Hai un óleo no Museo -unha parte mínima das cinco pezas orixinais-coa súa mostra pictórica: A Resurrección e Adoración do Reis Magos.

Esa grandiosa intelixencia renacentista, que abrangue ás artes e oficios máis notábeis.



VI
Hoxe

E cando saio, obrigado polas obras, cara a Acibechería, tírolle a derradeira foto ó Prior Xoán Vidal que durme eternamente, mentres a cadela agarda e vixía.




No undécimo mes, desde O Confín (dos verdes castros)



(1)  O BOTAFUMEIRO. Estudos e evocacións. Consello da Cultura Galega. Hércules Edicións. A Coruña. 2010 

(2)  MUSEO CATEDRAL DE SANTIAGO. Consorcio de Santiago. Gráficas Garabal. Santiago. 2011



domingo, 20 de setembro de 2020

Oblivion

 

I
Minsk


Andaba eu nestes días pasados, ollando a fermosa historia de Victoria Azarenka -tenista bielorrusa que foi nai no 2016, e catro anos despois chega á final do US Opencando Youtube.com, ejem, díxome… “Tal  vez coñezas á Orquestra de Cámara de Minsk, e aparecía a ligazón dun concerto, co título de Oblivion.



II
Cine

Souben da película Oblivion no 2016. Era un filme  de ciencia ficción -eu gosto- máis non a citei, por sobredose de Tom Cruise, ejem... (Minority Report envellece moi ben!)



III
Piazzolla

Así que, neste 2020, fiquei abraiado. Marabilloso descubrimento. O mestre Astor Piazzolla é autor dunha peza musical imperecedoira: Oblivion!


IV
Arañeira

E sí, hai un fan -xa somos dous!- na arañeira: Play with passion que, infinitum patientia, publica  un tesouro  de quince versións de Oblivion...
...bandoneón, acordeón, violín, vogal, tango, óboe, frauta, harmónica, violoncello, etc. máis de sesenta minutos musicais que, de tan amenos e distintos, fánsenos curtos!
Ollade: na descrición podemos premer en cadansúa das ligazóns -mostrar máis-. 


V
Cumpreanos (austral)

Non é fascinante que, tantos anos despois, eu saiba dun mítico  Oblivion -musical- neste mes fronteirizo (setentrional/austral) coas estacións?

Así que, miña curmá porteña, aquí vai o meu agasallo virtual.

Feliz cumpreanos, Marité !


Setembro. 20 do 2020

luns, 24 de agosto de 2020

Morte biolóxica


I
Pleonasmo


O venres 14 de agosto, deste ano da peste, finou miña madriña: A Sobreira de Balboa.

Coa rutineira linguaxe -fría, torpe, confusa- típica da burocracia máis deprimente, a Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Patrimonio Natural) publica no DOG  nº163:

“Resolución pola que se fai pública a descatalogación de varios elementos do Catálogo galego de árbores senlleiras” ....

Código: 93A. Nome da árbore: Sobreira de Balboa. Especie: Quercus suber L. Localidade: Arnois (San Xiao). Concello: A Estrada. Provincia: Pontevedra. Coordenadas X/Y (UTM ETRS89 fuso 29): 549173/4.734.058. Motivo da descatalogación: morte biolóxica.

.....


II
Biografía

Na páxina 653 do excepcional “ÁRBOLES MONUMENTALES en el patrimonio cultural de Galicia” (1) os profesores Rodríguez Dacal e Izco Sevillano, cóntannos (nº 293):

“En el valle del Riobóo, tributario del Ulla, se localiza el alcornoque de mayor dendrometría y edad del país gallego, en una finca otrora de la Casa de los Hórreos, blasonada, sita frente al árbol, pero que hoy ya no pertenece a ella.

......

Afectado por su acreditada antigüedad y otras causas no naturales...( )...

el descomunal fuste del ejemplar es la parte donde mejor se aprecia el deterioro, con una enorme oquedad, a modo de amplia puerta de entrada, que se prolonga por los brazos que salen de la horcadura.

Brazos que sustentan una copa bien proporcionada, de gran vistosidad y hermosura.

De todos los alcornoques conocidos, ocupa indiscutiblemente el primer lugar, ya que, a la dendrometría y edad, hay que añadirle un capítulo histórico y tradicional que arropan su precio y valía.

La edad es incalculable.

La observación de la arquitectura individual, sobre todo de la circunferencia troncal, permite estimar su antigüedad en torno a los 500 años, cifra que pudiese llegar a ser mayor, sin alcanzar la condición milenaria”

.....


III
Aflicción

Sit tibi terra levis, miña corticeira favorita!


Nas vésperas de santa Mónica. 2020.



Documentación:

(1) ÁRBOLES MONUMENTALES en el Patrimonio Cultural de Galicia.

Carlos Rodríguez Dacal. Jesús Izco Sevillano.Consellería de Cultura,Comunicación Social e Turismo. Edita: Eurográficas de Santa Comba. Xunta de Galicia. 2003


luns, 3 de agosto de 2020

Nun serán de Santiago


...florearon os xacarandás de Compostela!!!

É moita a súa beleza.
Grazas as novas tecnoloxías -gozade das fotos tiradas polo meu terceiro afillado- puiden desfrutar dun serán memorable, no Camiño da Ameixaga.
 
Esvelteza: Ollade este exemplar: toro limpo, copa redondeada e flores cara ao ceo... Alfaia!
 
Na procura da luz: Tódalas árbores buscan os raios do sol. Velaí!
 
Gaiás ao fondo: E -na fronte- xa aparecen, tan cedo!, as casulas dos froitos futuros... Fascinante natureza!

Acios: A beleza está nesa minuciosidade do primeiro plano... Campás violetas?

Serán: O afillado captou, na hora precisa, tódolos matices cromáticos da contorna... “Sombras do ar na herba” !


Dedicado a miña familia -e amigos- da Quinta Provincia,

No día de santa Lidia!