venres, 26 de xaneiro de 2024

Soneto 25


Mentres coido de min e de min falo,
arde o mundo e alguén morre de guerra.
Na forxa da ambición a serpe ferra
para a fame e a peste un gran cabalo.


Ninguén ousa ferilo nin matalo,
ninguén lle couta o trote pola terra,
ninguén lle nega o penso nin lle berra,
ninguén lle pon as rédeas nin un valo.


Mais hai outro corcel que é todo lume
e ten crinas de sol voando ao vento,
ao que chaman amor,e anda buscando


persoas para arder no seu costume,
xentes para queimar no seu alento,
velo aí vén,que xa chega galopando.


(Marica Campo.Pedinche luz prestada.Espiral Maior.A Coruña.2001)
.....
Dedicado ao meu amigo picheleiro –quén nunha illa deserta so precisa
poesía- nacido, tal día como hoxe, naquela década prodixiosa do século vinte.

luns, 15 de xaneiro de 2024

EMILIO CAO

   “Fonte do Araño onde eu de rapaz,
o teu carón,
xogaba no vran.
.........
Onde vai o teu rego,onde vai ?
que eu teño sede, nono poido atopar”



Hai persoas predestinadas.
Que nacen para facer unha obra de arte única, intemporal.
Aparecen no intre oportuno, no sitio axeitado.
Momentos creativos extraordinarios, cunha inspiración excepcional.
Fálovos de Emilio Cao (Compostela, 1953 )
No 1977 publica o seu primeiro Disco –daquela chamábase L.P. – titulado Fonte do Araño .
Aínda hoxe -máis de corenta anos despois- sigo engaiolado pola arpa que me derrete, emociona e conmove na primeira peza “Fonte do Araño” ou na quinta “Mentres ela fía”.
...
Máis logo, escoitando apraciblemente as outras oito pezas, fico abraiado pola súa profunda orixinalidade.

Descubro o mítico romance de Bernaldino e Sabeliña ( vinte anos antes de Luar na Lubre !) e gozo coa mestura musical de cada peza.
Atención : non só hai hai zanfona, frauta, xilófono, gaita, cítola, percusión... senón os primeiros efectos musicais da música galega : ese vento mareiro da peza primeira.
.......
E tamén, marabillosamente, coñezo da vida bohemia de Emilio.
Andivo por Europa : músico no metro de París; xardineiro en Copenhague; lavalouzas en Ámsterdam.
Sei do que fala.


San Amariño do Porto
éche o quince de xaneiro
todos van ó san Amaro
só eu quedo no eido”
Compostela 2024