luns, 28 de agosto de 2023

Irmáns


Amigos para xogos e segredos,
vidas onte unidas nas raíces,
rotas nun océano diverxente,
estelas das escumas sempre xuntas.
Homes arrincados da barreira

antes de saber o que eles son,
nados de cariños reprimidos
entre apertas dadas con pudor.
Persoas que se saben sentimentos,

nubes que comparten algodóns
irmáns levados lonxe das distancias,
tendendo sen pensar a eses lugares
sacados das postais do corazón,
unidos por lazos invisibles
gañados nese tempo xa gastado.
Amor para os irmáns aos que queremos.


Teño a fortuna de gardar estes endecasílabos no meu corazón, inéditos neste blogue.
Así que, hoxe, compre publicalos.
Paga a pena.
28.08.23


venres, 4 de agosto de 2023

OMBRE EN BUENOS AIRES





Querido Miguel:

I

Moito che agradezo o teu interese na miña colaboración escrita para o Libro de Festas de Ombre.
Por suposto é unha honra que valoro como se fose o agasallo máis grande que alguén me poidera facer.

É doado, ademáis, pois coa miña Parroquia dáse un deses casos excepcionáis de círculos que se completan e se pechan ó cabo de miles de kilómetros; de labirintos pracenteiros que teñen saídas providenciais; de intres
máxicos nos que -durante minutos eternos- supéndense os ciclos da natureza...para que poidan ter lugar encontros extraordinarios; ou celebracións íntimas moitos anos retrasadas....

Así que, benquerido Miguel, mándoche a miña historia con Ombre; a historia dos labirintos misteriosos; unha ucronía asombrosa que se presenta poucas veces; só hai que estar preparado para recoñecela e aproveitala: pasa
sen avisar e nunca máis volta.

II

Refírome , xa sabes, ó que me aconteceu no verán de 1998, cando viaxei a Buenos Aires co meu pai.

O sábado 15 de agosto, ás sete da mañá (doce do mediodía en Galicia) pisamos terra arxentina por primeira vez.

Alí abrazamos a nosa xente da diáspora.... sangue do noso sangue, agardando por nós, máis de sesenta anos!.

Tío José Antonio- así lle chamamos toda a vida, aquí-, chegou a Buenos Aires no ano 1930.
Tiña 24 anos.
De Ombre marchou con outros tres veciños ( e parentes): Nicolás Feal, e os irmáns Veiga: Nicolás e Manolo

.............................
Papá naceu en 1933.
Coñeceu a tódolos restantes irmáns do meu avó Agustín: América, José María, Josefa, Sara, Ramón, Maruja.

Medrar sabendo que había un tío, descoñecido, en Buenos Aires foi a teima que tivo sempre.

Un anceio íntimo e segredo, de presenza soterrada, pero constante no seu andar vital.
No 1948, Maruja co seu home e coa sua nena de 20 meses, parten cara a Buenos Aires. Hai unha seguridade; unha confianza; José, seu irmán, agarda por eles.
No ano 1952, José María coa sua dona e os cinco fillos, embarcan cara a Buenos Aires: José, seu irmán, agarda tamén por eles...

¿Como non se ía manter aceso ese lume no corazón de papá, si a presenza de Buenos Aires era, amais de mítica, real e acolledora?.

III
Ás nove da mañá, abrazamos ó tío José.
Tamén a súa dona Josefa.
¡Que emoción intensa!

Foi unha vértixe total, de tanto falar, de ollarnos, de tocarnos, de compartir agasallos....
¡ Era grandioso!.

Un, falando nun castelán doce, garimoso (¡ese acento arxentino que tanto nos engaiola!), con algunha mestura do galego.
O outro, curiosamente, falaba galego cos patróns- José e Josefa- e coa tía Maruja...co resto dos parentes esforzábase en falar un castelán lento e dificultoso, na procura sempre da palabra axeitada, traducindo mentalmente...

Estaba advertido de que “coger” alí, era tabú; ainda así aparecía de cando en vez, e as gargalladas escoitábanse en todo San Isidro...

IV

Namentras papá e o tío José se “instalaban” en Ombre, dona Josefa alimentaba a a miña curiosidade facendo un pequeno percorrido vital.
(Comezaba a maxia dos círculos que, abertos tanto tempo, vanse atopar para pecharse).

Contóume que quedou orfa ós 15 anos en Barbeitos-Lalín.
Foi reclamada, xunto coa súa irmá Ermelinda, polas tías que vivían en Buenos Aires.
Alá chegou en 1932.

Coñeceu a José nos bailes de “gallegos” no Luna Park, histórica sala de festas ubicada na Avenida Corrientes...

(Cantas veces, compañeiro, na nosa mocidade, non oímos falar dos combates de boxeo no Luna Park...Oscar “Ringo” Bonavena, Carlos Monzón...!)
Casaron en outubro do 1936.
62 anos xuntos!

Atrapado por aquela historia fascinante, conteille que, xusto, 50 anos despois da súa unión, o Eume volveu a matrimoniar co Deza...(a miña muller tamén procede de Lalín).
¿”Qué teñen as mulleres do Deza para ós que nacimos en Ombre, Don José”? preguntei en voz alta...e os vellos rían emocionados, abraiados polo feito incríble de dous membros da mesma familia de Ombre,-sen sabelo-, fosen
casar, -nun intervalo de 50 anos- , con dúas mulleres da bisbarra do Deza.

V

No devir deses cincuenta anos, José traballaba e progresaba como panadeiro, ata chegar a ser Oficial Maior de Confitería e Panadería.
(En diversos fornos: había que esforzarse se un quería mellorar).

Xosefa cosía e coidaba ós meniños da familia dun médico. 
Co tempo, eses nenos- médicos tamén- serán bós amigos e facultativos para tódalas ocasions.

Por suposto ela estaba, ademáis, ó cargo dos seus; comezando polos tres fillos que foron nacendo: Héctor, Lidia, Roberto.

Viviron anos en Belgrano-en pleno centro da Capital-; logo invertiron no Norte (San Isidro): nun novo distrito que ía nacendo:Boulogne. Así bautizado en honor do héroe da Independencia José de Sanmartín, falecido en Boulogne sur Mer (Francia).
Dona Josefa, igual que o seu home, nunca voltou a Galicia.

A tía Josefa faloume da sua aldea: Barbeitos. O recordo mais nidio era un manto branco.
Josefa, aquela meniña, recorda vivamente o mes de maio; mes das flores: érguese pola mañá; abre a ventá e divisa todo cuberto de branco; son as xestas brancas, en plena eclosión... Barbeitos, Rodeiro, parte de Lalín, só coñecen a flor branca das xestas; A flor marela habitual, a cal todos estamos acostumados, alí non existía, ou era unha solitaria flor chamativa...

Nos variados contactos que a Tía mantivo coa xente viaxeira a (ou de) Galicia , sempre pedía un pé, unhas sementes alomenos, de xesta branca para plantar na “quinta”.
Ninguén foi capaz de compracela....

Sara, a súa cuñada, chegou a mandarlle unhas graíñas que, ó pouco de nacer, foron comestas polos bichiños, sin alcanzar a saber si daban flor branca ou marela...

VI

Ó fío dos recordos da súa dona, o Tío José contounos que non tiña unha flor definida na súa memoria, mais lembraba moi ben as cerdeiras floreadas de Riolongo; e unha cerdeira que había na Portela; lembraba tamén os castiñeiros cheos de ourizos, nas pezas que había o pé da Iglesia...
¡”che Ramón, que caldo de castañas hacía mi madre”!

E continuaba falando:
- da rutina sin futuro que era ir tódolos días o estrume (así, utilizando esa verba tan nosa, “estrume”, no seu castelán) nos montes do Ár, do Pouso, do Coitelo, do Pedrón...
-da nova casa da Rega que el axudara a construir, carrexando centos de carros de pedra dende a Camposa.
E nomeaba os lugares, os sitios, as persoas, sen erro ningún: Roibal, o Andaruvél, A Barrosa, Portocarral, Xanardos, Sobrado, A Mediña, San Cibrao. Figueirido, Os Chaos, o Esteiro Dombre, a Pía...
”Cruzábamos a nado para robar la fruta a los de Cabañas...¡qué fartura!”.

VII

Dígoche Miguel que aquela tarde é inenarrable: a eso das seis, o tío José érguese a preparar un mate para todos: El mesmo ten un amplo surtido de “yerbamate”: sementada, recollida, secada, esmagada e triturada artesanalmente.

A cerimonia do mate define perfectamente o sentimento familiar cara a nós: A infusión tómase nun utensilio –chamado propiamente, Mate- a través dunha palla alongada, rematada no seu extremo por unha “bombilla” na que entra a auga pero non a herba triturada.
É o único recipiente que usarán tódo-los que vaian a tomar mate.

Quén o prepara (“cebador”) proba o primeiro mate- que é o mais bravío, pois a auga a 80ºC, acaba de porse en contacto coa herba-.
(Os gauchos, na pampa, tómano sin azucre -mate cimarrón-)
Logo vaise pasando a cada persoa que lle apeteza; sen presa... podes tomar un, dous, tres...
Unha vez que lle pasas o mate ó seguinte xa non hai volta; por educación, o “cebador” sempre é o derradeiro.

Decátaste de que tomar mate, é un símbolo de confianza (todos do mesmo recipiente): é unha mostra de cariño e de amizade; non se comparte o mate con calquera...

Cando lle tocou a papá, todos estaban expectantes agardando o seu comentario:
“ ¡Vaia... non me extraña que sexa tan bó, polo mal que sabe!” exclamóu coa súa sinceridade habitual, e a xente que volta a rir, ditosos, coas ocurrencias do parente.

VIII

É agora, ó escribir estes recordos, cando son conscente da grandeza daquel momento: único e senlleiro.
Tomando mate pausadamente, dous homes fan un longo percorrido vital, parolando da xente, das cousas e do mundo da súa aldea.

Era impresionante ver alí, a 12.000 kilómetros de Ombre- Océano Atlántico de por medio-, como falaban, ámbolos dous, de Juanito de Criado, de Manolo de Juanantonio, de Juan de Varela, de Manuel da Fonte, de Manuel de Silvestre, de Aurora, de Colasa, de Esperanza, De Emilia, de Aquilino, de Manuel de Feal, do teu avó Evaristo, de Don Pío, de Don Román, de Doña Pura:
(“eran los dueños de todo aquello, Ramón”...)

Que me disculpen tódolos que non aparecen hoxe nestas liñas, pero xúroche que non quedou xente, familia, casa ou lugar da nosa aldea sin comentar, falar ou evocar, naqueles intres... xente da xuventude do tío José (¿dáste conta? ¡ estamos en 1926 !) que meu pai, sendo mais novo, controlaba e dominaba perfectamente por coñecela, ou por saber toda a súa traxectoria, que tamén a él lle fora transmitida oralmente.
(A grandeza da palabra; falar e escoitar; aprender para logo transmitir...¡cantas boas cousas se perden!).

IX

Eu trataba de participar facendo algunha pregunta, e Don José entraba directo nas suas lembranzas:

-A Festa de la O -18 de Decembro- alí en Riolongo (él vivíu no Viso, non chegou a estrear a casa nova da Rega).
-As Candeas -o dous de febreiro-.
-As muiñadas por toda a Barreira e a Bufarda...
-O Espíritu Santo,¡cómo non!;
-A chegada do verán...Santa María...
- É o San Paio, en Castro, (24-8), a romaría que máis lle gustaba (procuraba non faltar ningún ano).
- As pelexas e a competencia co seu irmán Agustín, ano e medio máis novo:
“¡ Qué fuerza tenía tu padre...”!

X

Tivemos tempo, naquel lusco-fusco, de pasear pola quinta, onde nos mostrou as árbores, ensinándolle a papá a laranxeira que tiña preparada para enxertar entre os dous, como recordo da nosa estadía alí; vímos, na hortiña
que el mesmo preparaba e coidaba (“mis distracciones”), os morteiros das leitugas propias de Buenos Aires –rúcula, radicheta-; tiña tamén uns tomates preciosos que tapou con mimo por se viña algo de xeada pola noite (que non veu).

E algunha cousa mais: ajíes (pementos), zapallo (cabaza), choclo (millo doce) que, nos días alí pasados, tivemos tempo de probar e disfrutar...

XI

Chegou a noite, e remataba o noso primeiro día en Argentina.
Principiaban unhas xornadas inesquecíbles.
Ombre acomodábase en Buenos Aires.
Buenos Aires disfrutaba de Ombre.
Tío José regalounos un “ceibo” (árbore do coral).
En Xullo florece cunha flor vermella excepcional.
Pola sua chamativa beleza, foi elexida como flor nacional arxentina.
Pódelo ver en Freixeiro, camiño da Pía; na cabeceira da finca.
No arredor desa cabeceira, moi perto do “ceibo”, medran as xestas.
Haste fixar, rematando abril: todas brancas. ¡Dá xénio velas!
Fun buscálas a Barbeitos, aquel mesmo ano da viaxe... polo Nadal, tal e como me aconsellara dona Josefa:
“A plantación débese facer despois do San Andrés (30-11) e antes do San Vicente (22-01); no furado que fagas, debes botar uns grans de trigo -ou centeo- para que agarren ben as raíces da xesta..xa verás que ben che prenden”.
Non se trabucou.¡ Non fallou a primeira!.
Así que, prezado Miguel, cando quero voltar a Buenos Aires, achégome ata Ombre.
E ao revés...