sábado, 7 de marzo de 2020

Un batuxo en Compostela

(Memoria é saber canto podemos perder)

O máis engaiolante da Exposición Camiño de Inverno de Ponferrada a Compostela é o mapa/plano onde, nun extraordinario deseño, atopamos o itinerario do Camiño inzado de xentes, lugares, patrimonio...

Cunha sinalética minuciosa e atractiva (a intemporal beleza das liñas rectas, que nunca se mesturan) o Mapa adiántanos o que logo desfrutaremos no percorrido demorado, pausado e mesmo extasiado: anfitrións, heroínas, lugares-patrimonio, paisaxes...


Gardamos o tríptico, tan acaído, e comezamos a andaina.

1) Demorada: 
Cada foto é un documento único. Apreixar un instante para a posteridade non é doado (ou si?). Unha escolma moi  moi curta, para espertar a vosa curiosidade:
Francisco do Romualdo toca a zanfona, concentrado e inspirado. 
Antonio Vázquez é un feliz gardián  da Capela Sixtina Galega (Santa María de Nogueira).
E, no Saviñao, a elegante e clásica fermosura  da muller galega: Daniela Vázquez e Susana García.

2) Pausada: 
Nas paisaxes. Cabo do Mundo: palabras maiores! Ollade ese meandro mítico do vello pai Miño... Ou Belesar no outono (foto oficial do cartaz, como non !).

3) Éxtase:
No remate, presidindo a exposición etnográfica (complemento ideal da fotográfica) atopo ese fermoso e vello batuxo irmán, sen eu sabelo ata velo, da miña  gamela familiar no  Eume!


A Exposición está no hotel Puerta del Camino (moi cómodo, entrando en Santiago xusto na primeira saída da Autoestrada)
Logo marcha para Monforte.
E, posteriormente, no corazón de Compostela (La Galiciana) rematará cunha versión máis reducida.


Paga a pena !
Agardando pola  primavera

Marzo 2020