mércores, 13 de decembro de 2023

A utilidade do inútil

  


Nuccio Ordine (1958-2023)

( É gozar,non posuír,o que nos fai felices.
Michel de Montaigne. Essais )



I

Prólogo


Andaba eu ,nestas datas clásicas de inverno, na procura de inspiración para os agasallos de Nadal, cando atopei esta alfaia de Nuccio Ordine:
A utilidade do inútil.Manifesto.2015
(Cunha espléndida tradución de Carlos Acevedo)
É un libro fascinante, coas reflexións de don Nuccio –que fai unha
esculca moi acaída pola historia da filosofía e do ensaio- e rematado co texto (precursor, sen sabelo ) de Abraham Flexner.
Así que é moi doado partillar -cita a cita - este marabilloso alimento
espiritual (tan necesario nestes tempos de crise e desolación).

II

Introdución


“ Así e todo,entre as numerosas incertezas,unha cousa é certa: se deixamos morrer o gratuíto, se renunciamos á forza xeradora do inútil,se escoitamos unicamente o mortífero canto das sereas que nos incita a irmos detrás do lucro,só seremos capaces de producir unha colectividade enferma e deslembrada que, desorientada,acabará perdendo o sentido de si mesma e da vida.
E entón,cando a desertización do espírito nos deixe por fin estériles,será verdadeiramente difícil imaxinar que o ignorante Homo Sapiens poida ter aínda un papel á hora de tornar máis humana a humanidade...”

(Nuccio Ordine .Páx.26)


III

A útil inutilidade da literatura

“Moitas veces,o empeño que os homes lles dedican a actividades que semellan absolutamente gratuítas,sen outro fin ca o da diversión ou a satisfacción de resolver un problema difícil,resulta esencial nun ámbito que ninguén previra,con consecuencias de longo alcance.
Isto é tan certo para a poesía e a arte como para a ciencia e a tecnoloxía”

(Italo Calvino. Páx 80)


IV

A universidade / empresa e os estudantes/clientes

“Faría falta multiplicar as escolas,as cátedras,as bibliotecas,os museos, os teatros,as librarías. Faría falta multiplicar os centros de estudo para os rapaces,os centros de lectura para os homes,todas as organizacións,todas as institucións onde se medita,onde se instrúe,onde se recolle,onde se aprende algo onde a xente se fai mellor;nunha palabra,faría falta en todas partes botar luz sobre o espírito do pobo; porque é por culpa das tebras que se perde”

( Víctor Hugo. Páx 91)

V

Dignitas hominis,amor, verdades

Non hai que confundir o amor co delirio da posesión,que causa os sufrimentos máis atroces. Porque contrariamente ao que se adoita pensar,o amor non fai sufrir. O que fai sufrir é o instinto da propiedade,que é o contrario do amor.”

( Saint-Exupéry. Páx. 126)

VI

A utilidade dos coñecementos inútiles

Abraham Flexner. 1939

“Coa rápida acumulación de coñecementos inútiles ou teóricos chegouse a unha situación en que cada vez é máis fácil abordar problemas prácticos cun espírito científico.(...)
Xa mencionei a Marconi,un inventor que,sendo un benfeitor para a especie humana,en realidade non fixo máis que aproveitar as ideas doutros.
Edison pertence a mesma categoría.
Pasteur era diferente.
Era un gran científico,máis non era remiso a abordar problemas prácticos –tales como a saúde das vides francesas ou os problemas da elaboración de cervexa-“

 (Abraham Flexner.Páx.157)

VII

Fala don Nuccio

“O drama que vivimos é ese: tódolos ámbitos da nosa vida están contaminados pola idea do beneficio e do lucro.
(...)
O prezo do saber é o esforzo persoal.O coñecemento non se merca,conquístase.



De santa Lucía a Nadal 
doce noites van.
Compostela. 2023


xoves, 30 de novembro de 2023

EXPEDICIÓN MALASPINA

 Unha viaxe arredor do mundo: 1789 -1794


Qué sería dunha nación que na vez de xeómetras, astrónomos, arquitectos e
mineraloxistas, non tivese senón teólogos e xurisconsultos ?
Gaspar Melchor de Jovellanos (1744-1811)


I
Lembranza

Hai douscentos vintenove anos que chegaron -de volta - a Cádiz, as corvetas “Descubierta” e “Atrevida”.
Foi o remate dunha grandiosa viaxe científica,comezada un lustro antes no mesmo porto de Cádiz.
Non se trataba de descubrir terras.
Cumpría investigar,trazar rutas terrestres e marítimas; cartografar costas, clasificar especies....
“Non procuraban riquezas ou conquistas,senón coñecemento” escribe Javier Reverte, no prólogo desta alfaia.


EXPEDICIÓN MALASPINA.
1789-1794
TurnerDocsEXPEDICIONES
Madrid.2010


II
Singradura

O Almirante Xefe, a bordo da corveta “Descubierta” é Alexandre Malaspina.
Na corveta “Atrevida”, o seu segundo é o comandante José de Bustamante.
A singradura, anotada meticulosamente na bitácora, foi –resumida-:


Xullo 1789 .- Cádiz –Montevideo. Exploración,cartografía,recollida de mostras (botánicas,zoolóxicas, etnográficas ) no vicerreinado do Río da Prata, mesmo ata a Patagonia.


Febreiro 1790.- Montevideo -Talcahuano e Arquipélago Juan Fernández (Chile) - onde se inspirou a ficción de Robinson Crusoe contada por Daniel Defoe e publicada no 1719- .
El Callao(Perú).
Fixeron tamén observacións astronómicas e xeodésicas.


Maio 1790.- El Callao- Lima – San Blas (México....lembrades a canción de Maná? )
Exploracións, paralelo 60. Nutka, California...


Decembro 1791.- Navegando cara a Guam (Illas Marianas) Mindanao e Luzón (Illas Filipinas).


Xaneiro 1793.- Exploración das colonias inglesas New Zeland, New Holland. Exploración no Pacífico ( arquipélago Nayarit)


Febreiro 1794.- Montevideo. Exploración nas Illas Malvinas.


Xuño 1794.- Montevideo (Uruguai) – España.
Chegan a Cádiz o xoves 18 de setembro de 1794 .
Escoltados pola fragata “Gertrudis”.


III
A ilustración

( “A exploración é a experiencia física da paixón intelectual”)
Apsley Cherry –Garrard

Alexandre Malaspina redactou un dossier moi completo, que lle presentou ao Rei Carlos IV.
Explicaba, polo miúdo, a importancia desa expedición científico –política: desde botánica, zoolóxica, etnográfica , azougue, minas de xofre, ouro, estratexia (illas, portos...)


IV
Tesouro

Salientar a valía, excepcional, desta expedición, nos tempos que non había fotos : Nove pintores que deron fe. Qué precisión e talento!
José Guío, Tomás de Suría, José del Pozo, Juan F. Ravenet, José Cardero, Fernando Brambila, Francisco Pulgar, Francisco Lindo, José Gutierrez
Hai arredor de mil debuxos e mapas : persoas, animais, plantas, vilas, portos....
Cartógrafos: ese afán de coñecemento e divulgación.Esa honestidade: lede a bitácora diaria (días,semanas,meses,anos!).
E as contas, detalladas ao céntimo.
Mesmo matinade : non eran eses, os anos convulsos da Revolución francesa?
.....


V
Alexandre Malaspina

Alexandre Malaspina ( 1754-1810) naceu en Como – Italia.
Tiña 34 anos cando fixo o proxecto (1788) aprobado pola Corte.
Fascinante ese marabilloso talento, que convence a todos e arrastra a tantos.
Máis non houbo medallas, louvanzas, recoñecementos...
Un ano despois de culminar esa epopea excepcional - novembro 1795 - Alexandre Malaspina foi preso, acusado de conspiración.
No 1796 foi desterrado ao seu país.
Nunca máis volveu a España.
Finou no 1810.


VI
Homenaxe

Alexandre Malaspina foi preso.
Toda a documentación da expedición foi comisada.
Os orixinais quedaron gardados no Depósito Hidrográfico da Armada. Madrid
A partires de 1827, e ata 1872- 45 anos !- houbo tres particións de Documentos ( en Madrid )
1) Os relativos á Botánica : Real Xardín Botánico.
2) Os relativos á Historia Natural de América : Biblioteca de Historia Natural.
3) Outros : Museo de Ciencias Naturais.
..................
Nese 1872 -a fotografía xa era unha valiosa ferramenta científica- foi cando as autoridades –Amadeo I - autorizaron fotografar os tesouros da Expedición Malaspina.
Tantos anos despois... xa era hora.


“De san Andrés a santa Lucía trece días,
día por día”
Compostela 2023


sábado, 28 de outubro de 2023

O ladrón de cortizas

 

“Todo era verdad bajo los árboles,
todo era verdad.
Yo comprendía
todas las cosas como se comprende
un fruto con la boca,una luz con los ojos”
(Antonio Gamoneda.Esta luz)


I

Endexamais imaxinei ter que falar de roubos, cartos, prezos... da miña madriña.
Máis, neste outono de 2023, chegan novas inauditas que me abraian, pois nunca reparei no prosaico das árbores.
Hoxe sei que unha sobreira dá a súa cortiza cada nove anos.
Que un quilo de cortiza págase a 8,75 euros.
Que unha sobreira é fértil a partir dos vintecinco anos.



II

O “toledano” é un habitual do Val do Arnego.
Traballa con xeito ( para el mesmo).
Un recibo para os donos que coñece de compras anteriores.
Recibo incompleto, of course.
Nos sobreirais aparentemente abandonados, entra e rouba.


III

Faltoume tempo para ir a Freixeiro – Ombre.
Alí estaba, a raíña da finca.
Coa súa cortiza tenra .
Aínda non cumpriu os vintecinco.
Vai co século !
E si.
Pura fermosura.
Neste outono eumés, todo o val é seu...

A raíña no seu trono


Polo san Simón: camiñar si, navegar non.

Outubro 2023


domingo, 17 de setembro de 2023

Zurdo !


Devoto arxentino como eu son -xa sabedes- fiquei abraiado coas novas das primarias, onde un energúmeno tivo moitos votos insultando, aos outros candidatos, coa verba zurdo.

Así que, lembrando á miña madriña -que procurou anularme a miña zurda conxénita, non vaia a ser!- partillo o primeiro que se me ocorreu : Don Atahualpa Yupanqui, tocando a guitarra... coa zurda.

Qué fachenda!

Coma sempre, vai Decálogo... paga a pena. 




........................................................

Zurdos forever!!
Compostela 2023

luns, 28 de agosto de 2023

Irmáns


Amigos para xogos e segredos,
vidas onte unidas nas raíces,
rotas nun océano diverxente,
estelas das escumas sempre xuntas.
Homes arrincados da barreira

antes de saber o que eles son,
nados de cariños reprimidos
entre apertas dadas con pudor.
Persoas que se saben sentimentos,

nubes que comparten algodóns
irmáns levados lonxe das distancias,
tendendo sen pensar a eses lugares
sacados das postais do corazón,
unidos por lazos invisibles
gañados nese tempo xa gastado.
Amor para os irmáns aos que queremos.


Teño a fortuna de gardar estes endecasílabos no meu corazón, inéditos neste blogue.
Así que, hoxe, compre publicalos.
Paga a pena.
28.08.23


venres, 4 de agosto de 2023

OMBRE EN BUENOS AIRES





Querido Miguel:

I

Moito che agradezo o teu interese na miña colaboración escrita para o Libro de Festas de Ombre.
Por suposto é unha honra que valoro como se fose o agasallo máis grande que alguén me poidera facer.

É doado, ademáis, pois coa miña Parroquia dáse un deses casos excepcionáis de círculos que se completan e se pechan ó cabo de miles de kilómetros; de labirintos pracenteiros que teñen saídas providenciais; de intres
máxicos nos que -durante minutos eternos- supéndense os ciclos da natureza...para que poidan ter lugar encontros extraordinarios; ou celebracións íntimas moitos anos retrasadas....

Así que, benquerido Miguel, mándoche a miña historia con Ombre; a historia dos labirintos misteriosos; unha ucronía asombrosa que se presenta poucas veces; só hai que estar preparado para recoñecela e aproveitala: pasa
sen avisar e nunca máis volta.

II

Refírome , xa sabes, ó que me aconteceu no verán de 1998, cando viaxei a Buenos Aires co meu pai.

O sábado 15 de agosto, ás sete da mañá (doce do mediodía en Galicia) pisamos terra arxentina por primeira vez.

Alí abrazamos a nosa xente da diáspora.... sangue do noso sangue, agardando por nós, máis de sesenta anos!.

Tío José Antonio- así lle chamamos toda a vida, aquí-, chegou a Buenos Aires no ano 1930.
Tiña 24 anos.
De Ombre marchou con outros tres veciños ( e parentes): Nicolás Feal, e os irmáns Veiga: Nicolás e Manolo

.............................
Papá naceu en 1933.
Coñeceu a tódolos restantes irmáns do meu avó Agustín: América, José María, Josefa, Sara, Ramón, Maruja.

Medrar sabendo que había un tío, descoñecido, en Buenos Aires foi a teima que tivo sempre.

Un anceio íntimo e segredo, de presenza soterrada, pero constante no seu andar vital.
No 1948, Maruja co seu home e coa sua nena de 20 meses, parten cara a Buenos Aires. Hai unha seguridade; unha confianza; José, seu irmán, agarda por eles.
No ano 1952, José María coa sua dona e os cinco fillos, embarcan cara a Buenos Aires: José, seu irmán, agarda tamén por eles...

¿Como non se ía manter aceso ese lume no corazón de papá, si a presenza de Buenos Aires era, amais de mítica, real e acolledora?.

III
Ás nove da mañá, abrazamos ó tío José.
Tamén a súa dona Josefa.
¡Que emoción intensa!

Foi unha vértixe total, de tanto falar, de ollarnos, de tocarnos, de compartir agasallos....
¡ Era grandioso!.

Un, falando nun castelán doce, garimoso (¡ese acento arxentino que tanto nos engaiola!), con algunha mestura do galego.
O outro, curiosamente, falaba galego cos patróns- José e Josefa- e coa tía Maruja...co resto dos parentes esforzábase en falar un castelán lento e dificultoso, na procura sempre da palabra axeitada, traducindo mentalmente...

Estaba advertido de que “coger” alí, era tabú; ainda así aparecía de cando en vez, e as gargalladas escoitábanse en todo San Isidro...

IV

Namentras papá e o tío José se “instalaban” en Ombre, dona Josefa alimentaba a a miña curiosidade facendo un pequeno percorrido vital.
(Comezaba a maxia dos círculos que, abertos tanto tempo, vanse atopar para pecharse).

Contóume que quedou orfa ós 15 anos en Barbeitos-Lalín.
Foi reclamada, xunto coa súa irmá Ermelinda, polas tías que vivían en Buenos Aires.
Alá chegou en 1932.

Coñeceu a José nos bailes de “gallegos” no Luna Park, histórica sala de festas ubicada na Avenida Corrientes...

(Cantas veces, compañeiro, na nosa mocidade, non oímos falar dos combates de boxeo no Luna Park...Oscar “Ringo” Bonavena, Carlos Monzón...!)
Casaron en outubro do 1936.
62 anos xuntos!

Atrapado por aquela historia fascinante, conteille que, xusto, 50 anos despois da súa unión, o Eume volveu a matrimoniar co Deza...(a miña muller tamén procede de Lalín).
¿”Qué teñen as mulleres do Deza para ós que nacimos en Ombre, Don José”? preguntei en voz alta...e os vellos rían emocionados, abraiados polo feito incríble de dous membros da mesma familia de Ombre,-sen sabelo-, fosen
casar, -nun intervalo de 50 anos- , con dúas mulleres da bisbarra do Deza.

V

No devir deses cincuenta anos, José traballaba e progresaba como panadeiro, ata chegar a ser Oficial Maior de Confitería e Panadería.
(En diversos fornos: había que esforzarse se un quería mellorar).

Xosefa cosía e coidaba ós meniños da familia dun médico. 
Co tempo, eses nenos- médicos tamén- serán bós amigos e facultativos para tódalas ocasions.

Por suposto ela estaba, ademáis, ó cargo dos seus; comezando polos tres fillos que foron nacendo: Héctor, Lidia, Roberto.

Viviron anos en Belgrano-en pleno centro da Capital-; logo invertiron no Norte (San Isidro): nun novo distrito que ía nacendo:Boulogne. Así bautizado en honor do héroe da Independencia José de Sanmartín, falecido en Boulogne sur Mer (Francia).
Dona Josefa, igual que o seu home, nunca voltou a Galicia.

A tía Josefa faloume da sua aldea: Barbeitos. O recordo mais nidio era un manto branco.
Josefa, aquela meniña, recorda vivamente o mes de maio; mes das flores: érguese pola mañá; abre a ventá e divisa todo cuberto de branco; son as xestas brancas, en plena eclosión... Barbeitos, Rodeiro, parte de Lalín, só coñecen a flor branca das xestas; A flor marela habitual, a cal todos estamos acostumados, alí non existía, ou era unha solitaria flor chamativa...

Nos variados contactos que a Tía mantivo coa xente viaxeira a (ou de) Galicia , sempre pedía un pé, unhas sementes alomenos, de xesta branca para plantar na “quinta”.
Ninguén foi capaz de compracela....

Sara, a súa cuñada, chegou a mandarlle unhas graíñas que, ó pouco de nacer, foron comestas polos bichiños, sin alcanzar a saber si daban flor branca ou marela...

VI

Ó fío dos recordos da súa dona, o Tío José contounos que non tiña unha flor definida na súa memoria, mais lembraba moi ben as cerdeiras floreadas de Riolongo; e unha cerdeira que había na Portela; lembraba tamén os castiñeiros cheos de ourizos, nas pezas que había o pé da Iglesia...
¡”che Ramón, que caldo de castañas hacía mi madre”!

E continuaba falando:
- da rutina sin futuro que era ir tódolos días o estrume (así, utilizando esa verba tan nosa, “estrume”, no seu castelán) nos montes do Ár, do Pouso, do Coitelo, do Pedrón...
-da nova casa da Rega que el axudara a construir, carrexando centos de carros de pedra dende a Camposa.
E nomeaba os lugares, os sitios, as persoas, sen erro ningún: Roibal, o Andaruvél, A Barrosa, Portocarral, Xanardos, Sobrado, A Mediña, San Cibrao. Figueirido, Os Chaos, o Esteiro Dombre, a Pía...
”Cruzábamos a nado para robar la fruta a los de Cabañas...¡qué fartura!”.

VII

Dígoche Miguel que aquela tarde é inenarrable: a eso das seis, o tío José érguese a preparar un mate para todos: El mesmo ten un amplo surtido de “yerbamate”: sementada, recollida, secada, esmagada e triturada artesanalmente.

A cerimonia do mate define perfectamente o sentimento familiar cara a nós: A infusión tómase nun utensilio –chamado propiamente, Mate- a través dunha palla alongada, rematada no seu extremo por unha “bombilla” na que entra a auga pero non a herba triturada.
É o único recipiente que usarán tódo-los que vaian a tomar mate.

Quén o prepara (“cebador”) proba o primeiro mate- que é o mais bravío, pois a auga a 80ºC, acaba de porse en contacto coa herba-.
(Os gauchos, na pampa, tómano sin azucre -mate cimarrón-)
Logo vaise pasando a cada persoa que lle apeteza; sen presa... podes tomar un, dous, tres...
Unha vez que lle pasas o mate ó seguinte xa non hai volta; por educación, o “cebador” sempre é o derradeiro.

Decátaste de que tomar mate, é un símbolo de confianza (todos do mesmo recipiente): é unha mostra de cariño e de amizade; non se comparte o mate con calquera...

Cando lle tocou a papá, todos estaban expectantes agardando o seu comentario:
“ ¡Vaia... non me extraña que sexa tan bó, polo mal que sabe!” exclamóu coa súa sinceridade habitual, e a xente que volta a rir, ditosos, coas ocurrencias do parente.

VIII

É agora, ó escribir estes recordos, cando son conscente da grandeza daquel momento: único e senlleiro.
Tomando mate pausadamente, dous homes fan un longo percorrido vital, parolando da xente, das cousas e do mundo da súa aldea.

Era impresionante ver alí, a 12.000 kilómetros de Ombre- Océano Atlántico de por medio-, como falaban, ámbolos dous, de Juanito de Criado, de Manolo de Juanantonio, de Juan de Varela, de Manuel da Fonte, de Manuel de Silvestre, de Aurora, de Colasa, de Esperanza, De Emilia, de Aquilino, de Manuel de Feal, do teu avó Evaristo, de Don Pío, de Don Román, de Doña Pura:
(“eran los dueños de todo aquello, Ramón”...)

Que me disculpen tódolos que non aparecen hoxe nestas liñas, pero xúroche que non quedou xente, familia, casa ou lugar da nosa aldea sin comentar, falar ou evocar, naqueles intres... xente da xuventude do tío José (¿dáste conta? ¡ estamos en 1926 !) que meu pai, sendo mais novo, controlaba e dominaba perfectamente por coñecela, ou por saber toda a súa traxectoria, que tamén a él lle fora transmitida oralmente.
(A grandeza da palabra; falar e escoitar; aprender para logo transmitir...¡cantas boas cousas se perden!).

IX

Eu trataba de participar facendo algunha pregunta, e Don José entraba directo nas suas lembranzas:

-A Festa de la O -18 de Decembro- alí en Riolongo (él vivíu no Viso, non chegou a estrear a casa nova da Rega).
-As Candeas -o dous de febreiro-.
-As muiñadas por toda a Barreira e a Bufarda...
-O Espíritu Santo,¡cómo non!;
-A chegada do verán...Santa María...
- É o San Paio, en Castro, (24-8), a romaría que máis lle gustaba (procuraba non faltar ningún ano).
- As pelexas e a competencia co seu irmán Agustín, ano e medio máis novo:
“¡ Qué fuerza tenía tu padre...”!

X

Tivemos tempo, naquel lusco-fusco, de pasear pola quinta, onde nos mostrou as árbores, ensinándolle a papá a laranxeira que tiña preparada para enxertar entre os dous, como recordo da nosa estadía alí; vímos, na hortiña
que el mesmo preparaba e coidaba (“mis distracciones”), os morteiros das leitugas propias de Buenos Aires –rúcula, radicheta-; tiña tamén uns tomates preciosos que tapou con mimo por se viña algo de xeada pola noite (que non veu).

E algunha cousa mais: ajíes (pementos), zapallo (cabaza), choclo (millo doce) que, nos días alí pasados, tivemos tempo de probar e disfrutar...

XI

Chegou a noite, e remataba o noso primeiro día en Argentina.
Principiaban unhas xornadas inesquecíbles.
Ombre acomodábase en Buenos Aires.
Buenos Aires disfrutaba de Ombre.
Tío José regalounos un “ceibo” (árbore do coral).
En Xullo florece cunha flor vermella excepcional.
Pola sua chamativa beleza, foi elexida como flor nacional arxentina.
Pódelo ver en Freixeiro, camiño da Pía; na cabeceira da finca.
No arredor desa cabeceira, moi perto do “ceibo”, medran as xestas.
Haste fixar, rematando abril: todas brancas. ¡Dá xénio velas!
Fun buscálas a Barbeitos, aquel mesmo ano da viaxe... polo Nadal, tal e como me aconsellara dona Josefa:
“A plantación débese facer despois do San Andrés (30-11) e antes do San Vicente (22-01); no furado que fagas, debes botar uns grans de trigo -ou centeo- para que agarren ben as raíces da xesta..xa verás que ben che prenden”.
Non se trabucou.¡ Non fallou a primeira!.
Así que, prezado Miguel, cando quero voltar a Buenos Aires, achégome ata Ombre.
E ao revés...


sábado, 8 de xullo de 2023

As mulleres da nosa música


Prólogo

( Muller )

Grande pracer procurar, atopar e partillar, hoxe en día, aquelas mulleres na nosa música... do pasado século.


I
Ana



II
Angie



III
Deborah



IV
Evangeline



V
Julia

Palabras para - ( Paco Ibáñez )


VI
Margherita



VII
Pilar

 Canción para - ( Víctor Manuel )


VIII
Robinson

 Señora ( Simón & Garfunkel )


IX
Sara



X
Venus



Para meu irmán, melómano irredento, pola súa harmonía vital.
08.07.23

domingo, 4 de xuño de 2023

IMÁN

 


Dedicado a Simón: lector curioso, culto e sensible,

que sempre me ensina novos carreiros,

 cheos de fascinación e beleza.



Prólogo


“Tenía estas notas desde hace tres años,recogidas durante mi
 servicio militar en Marruecos, a raiz del desastre de 1921.
(...)
El libro trata de contar la tragedia de Marruecos como pudo verla
 un soldado cualquiera de los que conmigo compartieron la campaña.
A ellos dedico estas notas, escritas entonces con la voz del paisaje
 africano en los oídos.”
(R.J.S. Nota á primeira edición.Editorial Cenit. 1930 )


I

Autor

(03.02.1901.Huesca/16.01.1982.San Diego.California)

Imaxinade aquel ano 1921, no Protectorado: Milleiros de mozos inocentes, facendo a “mili” nunha guerra de independencia. Eran as colonias africanas –españolas, of course!-.
Un rapaz -tenente Antonio na ficción- observando, tomando notas, sobrevivindo.
Anos despois, publica unha novela.


II

Viance

Viance é un mozo aragonés, de Urbiés (Huesca). Natural, espontáneo. Humilde. Cando chega ao exército -recruta forzoso- tócalle sufrir as clásicas (e para él descoñecidas )inxustizas. Ao comezo, reacciona con estoicismo.

Logo, as humillacións, a disciplina sen sentido, os sufrimentos da guerra, estragan completamente ao mozo inocente : a indiferenza e o desapego total , serán o seu mellor escudo.


III

Imán

Un dos grandes achados: levar esa deriva polas desgrazas, ao alcume.

En Urbiés, Viance era aprendiz de ferreiro. Cando caian as tenaces, el estaba debaixo. Cando saltaba unha faísca, dáballe a el nos fociños.

Cando había que termar da viga ( entre todos ), el era o último en chegar.

O mestre ferreiro berráballe (páx.51) : “pero, chico, estás “imantao”?


IV

Poética

Imán é unha novela redonda. Hai unha mestura perfecta dos elementos técnicos.

Nunha extraordinaria narrativa hai varios puntos de vista, en función da acción, dos personaxes, das ideas.

Esa ambigüidade obríganos a ler, con moitísima atención, mesmo a marcar ou anotar...máis ao rematar entendemos, comprendemos e ficamos abraiados.

O ton: grave, sereno... emoción fría e contida.

O ritmo : equilibrado e pausado ( mesmo percibes esa tensión interna que percorre a narración: un crescendo ...inevitable )

A sensación: ese contraste do mundo físico ( miseria, desolación...) co mundo espiritual (esa perplexidade diante do absurdo vital )

O sensorial ( color, tacto, sons) forma parte do relato, mesmo como os tons da narrativa; colores fríos, matices do gris...

A violencia da guerra vai matizada con pinceladas de luz e cor, que por contraste acentúan o cruento: angustia, desesperanza, indiferenza da natureza....traxedia sen sentido.

.......................

A min fascíname ese talento, impresionante, nun xornalista de 21 anos, que tomou notas mentres sobrevivía en Annual, e que artellou unha novela excepcional, única e asombrosa

( se procuramos as novelas publicada en 1930....non temos nada semellante !)


V

Abrente

E o grandioso, o encantamento, é matinar que Imán foi a primeira obra de arte de don Ramón.

Cinéfilo irredento, procuro a súa Crónica del alba

Que ben envellece Anthony Quinn !


En Compostela, na treboada do catro de xuño de 2023.

Paga a pena!


Imán. Ramón J.Sender. Ed.Cenit.1930. Reedición

Ed.Planeta.Barcelona.2021


martes, 2 de maio de 2023

Aquela Muller

 

I

Gres


Hai dezanove anos non existían os “buscadores”.

Tiñamos os xornais.

Perdéronseme moitos....máis cantos recortes teño feito do que me engaiolaba!

Xa vos contei, nesta mesma bitácora, unha vella teima: fuxir da “folla parroquial”.

Ocorre que -defensas baixas : era domingo!- ela atrápame coa colaboración semanal de don Xosé Neira Vilas (nunha columna chamada “xentes e camiños”).

Faltoume tempo para disimular aquela páxina, gardala, desfrutala e compartila (lembro partillar fotocopias -por correo, of course- a ducias de parentes e amigos)

Como non !

Dezanove anos despois “Aquela Muller”, segue sendo un (outro!) dos grandes fitos literarios –para min- de don Xosé Neira Vilas.

Un texto redondo, emocionante,mesmo conmovedor até as bágoas.

Matinade :

Ese comezo en terceira persoa. Eses tempos verbais.

Esa riqueza léxica (unha marabillosa lingua, a galega).

Esa información precisa, diversa, valiosa.

Esa narración que avanza cara á primeira persoa, que relata

Esa confesión rotunda, con nome e apelidos.

Esa homenaxe a unha nai.... centenaria (1904-2004)

....................

Imperecedoiro don Xosé 

II

Aquela Muller

Xosé Neira Vilas (1928-2015)

Filla única de labregos caseiros, dignos e honrados.

Criouse na pobreza.

Soubo de zocos e remendos e xergón de carochas.

E do cesto de figos ou cereixas camiño da feira.

Tivo algo de escola, con silabario, cartilla, soletreo, e tamén lapotes, xeonllos sobre areas e outros castigos humillantes.

Traballou terra allea gradando, canizando, escadullando, sachando, sementando, segando, abrindo birtas, lavando no río, rozando mulime.

Apandou molladuras, tripou lama, pasou frío.

Con todo era unha moza leda, vital, que ía ás foliadas, repetía romances que deprendera de súa nai e cantaba nos prados e no camiño da fonte.

O seu mundo era moi pequeno. Sempre na mesma aldea, no mesmo val, no mesmo recanto onde viñera ó mundo, lugar no que ocupou sucesivamente tres humildes vivendas, tres casas labregas da mesma veciñanza.

Casou, tivo sete fillos, en tempos de guerra e de posguerra e de pouquidade. O pan de millo con centeo, moitas veces sen compango, era compartido a xeito de cativa eucarística, un por un e man a man.

Aquela muller resignouse ante o seu sino. Pero loitou.

Aturou asma e trafegos; e a situación do seu home, enfermo de por vida; e a marcha dos fillos que emigraron. E os contratempos de cada día. E a soedade.

Soñara algunha vez con deixar estrumeiras e cortellos e corredoiras lamacentas; soñara con ir para a vila, pero non puido ser.    

E o soño fóiselle esvaecendo.

Condenáraa o destino a morrer onde vivira e como vivira.

Débolle moito a aquela muller.

Débolle a vida e o exemplo de conduta que me inculcou dende os meus primeiros espernexos no berce de palitroques.

E despois, ó longo do tempo.

E sempre.

Porque aquela muller- que agora cumpriría cen anos- Manuela Vilas Arteaga, era miña nai.


( Xosé Neira Vilas.El Correo Gallego. 2.05 2004 )



domingo, 30 de abril de 2023

Vaia con Deus



A bondade do 30 de abril é a festividade do primeiro de maio.
No mundo enteiro.
Así que hoxe -co Decálogo en rigorosa orde alfabética - imos de foliada toda a noite... e o luns, durmimos !


I

Abril


Aire cálido de abril



En el lago


II

Achados

The winter,s end



The lonesome boatman


III

Clásicas

Heart of gold



Saint James Infirmary


IV

Debilidades

Voaría a Compostela



No niño novo do vento


V

Eternas

Stefanie



Preciso me encontrar


VI

Folclóricas

Vasija de barro



Canción de las simples cosas


VII

Lentas

No volveré



Con el viento


VIII

Míticas

Hotel California



Deja vu ( all over again )


IX

Rarezas

Todo tiene su fin



Beatriz


X

Verán

Fuiste mía un verano


En esta tarde gris



..........
“Casi nada me resulta pasajero,
todo prende de mis sueños
y se acopla en mi espalda.
Y así subo muy tranquilo la colina
de la vida”

 

venres, 14 de abril de 2023

Noventa e dous anos da Segunda República

“Señores: con Fernando VII murió la monarquía tradicional.
Con la fuga de Isabel II,la monarquía parlamentaria.Con la renuncia de don
Amadeo de Saboya,la monarquía democrática.
Nadie ha acabado con ella.; ha muerto por sí misma.
Nadie trae la República; la traen todas las circunstancias,la trae unha
conjuración de la sociedad,de la naturaleza y de la Historia.
Señores: saludémosla como el sol que se levanta por su propia fuerza en el
cielo de nuestra Patria”
(Emilio Castelar. Discurso 11 .02.1873. Primeira República)

Aquel 14 de abril do 1931, foi un dos martes máis felices na vida de María e Ánxel.
Chega a Segunda República: Con alegría. Sen violencia. Con esperanza.
.......
A parella leva once anos casada.
Son dous mozos, camiño dos trinta e seis anos.
Naceran - sen saber un do outro - no mesmo ano: 1895.
Ela, en Guísamo –Bergondo.
El na Coruña. Fillo de labregos arzuanos.
Con once anos, María aprendeu o oficio de costureira.
Con catorce anos, él aprendeu francés (emigrado en Bordeaux -Francia)
Con vintecinco anos (1920) casaron.
Abren un pequeno comercio de teas (compaxinando o oficio dela -modista- e as clases particulares -de francés- del)
....
El fíxose editor. Primeiro en Lar. No 1927 en Nós
Cunha vella teima: Publicar en galego.
Foi un pioneiro, publicando as primeiras novelas de peto nos quioscos... e tamén un adiantado na divulgación de ilustracións, deseños, debuxos ( Castelao !)
E os clásicos galegos do XIX
E o xornal máis lido: A Nosa Terra.
.................
E sí, moitas veces os cartos daquela tenda da rúa Panadeiras,9 ían para axudar os gastos da imprenta Nós.
Non é admirable?
Unha parella unida, traballadora, emprendedora, naquela década prodixiosa (Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista...)
........
Ela costureira
El editor
......
E foi naquel ilusionante martes de abril, cando resolveron marchar para Compostela.
Alí podíanse atender mellor as publicacións do Seminario de Estudos Galegos.
E no agosto xa estaba instalada a imprenta Nós, naquel local da Rúa das Hortas que lles cedeu o seu amigo Camilo Díaz Baliño.
E aí estaba María - axudando ós cinco operarios da Imprenta - encadernando libros como Mar ao norde de Cunqueiro (un rapaz de Mondoñedo, novísimo) ou Retrincos de Castelao (xa era un referente mítico, o irmán Daniel).
...............
Mentres procuro as súas pegadas en Compostela matino no conmovedor exemplo de compromiso e xenerosidade galeguista desta parella: María e Ánxel....
Saúde e república, mestres !
Venres, 14 abril 2023

 

sábado, 1 de abril de 2023

Sarela, Sarela...

¡Adiós! montes e prados , igrexas e campanas,
¡Adiós! Sar e Sarela ,cubertos d,enramada...
[..........]
Cando volver,se volvo,tod,estará ond, estaba,
os mesmos montes negros y as mesmas alboradas
do Sar e do Sarela,mirándose n,as augas,
os mesmos verdes campos,as mesmas torres pardas,
da catedral severa,olland,as lontananzas
......
(Rosalía de Castro.¡Adiós!. Follas Novas. 1880 )



Prólogo

A maxia de JOB, ese ilustrado xeneroso, é poñer en valor ao País.

Hoxe tócalle ao Sarela.

En pouco máis de dez quilómetros ( desde Pardaces/A Peregrina, ata a súa unión co Sar, en Vidán) o Sarela é unha caixa chea de tesouros.

Vai Decálogo. Paga a pena.


I

Fontes... e pontes 

O Sarela nace en dúas fontes:Prixelas e Lagadoiro.

E non, non é doado atopalas.

E das pontes, qué dicir? Hai tres que me fascinan: Burata (ese feminino). Tres ollos (tan fermosos). Chouchiños (a nosa lingua, única)


II

Flora ( árbores de ribeira.... e cogomelos )

Ameneiros (alnus glutinosa), loureiros ( laurus nobilis) e os bieiteiros (sambucus nigra) que son a miña debilidade:un clásico galego. Aproveitase todo! E sí, teño o gorentoso licor.


III

Gaiteiros e vacalouras

Recoméndovos, encarecidamente, a páxina 68.

So por ese intre - canto durou ?- paga a pena o libro !


IV

Fauna ( aves, anfibios, réptiles, peixes)

E fico marabillado coa estancia das garzas no Sarela: en Vidán, na Codeseira, no Carme de Abaixo... unha xoia.

(Por certo: as troitas do Sarela formaron parte do menú do día de Reis de 1900, no Centro Galego de Bos Aires. Páxina 74) 


V

Diatomeas no Sarela

Sinto esa vértixe cósmica : matinar que as diatomeas apareceron no planeta Terra, hai 200 millóns de anos!

E aquí seguen. No Sarela.

Grazas a Antonio Guillén -un dos grandes expertos en fotografía microscópica- sabemos da Synedra, da Navicula, da Pinnularia...


VI

Muiños

Cunha atractiva rigorosidade, JOB documenta cincuenta muiños no curso do Sarela.

A xoia da coroa é o Muiño de san Domingos. Palabras maiores. Propiedade dos Dominicos, era o de maior dimensión : catro moas! (mesmo os ingresos -ano 1752-eran excepcionais: 1.417 reais e 10 maravedís)


VII

Curtidorías

Outra alfaia do Sarela.

No século XIX Santiago de Compostela foi a capital da industria do coiro en España.

Das vintesete fábricas de curtidos que houbo en Compostela, quince estiveron vinculadas co río Sarela.

Desde a páxina 101, JOB cóntanos - con rigor e amenidade- a historia dos curtidos (e os seus elementos básicos)

-Carballeira para a extracción do tanino (da casca do carballo)

-Cursos de auga para as instalacións.

-Cría de gando para a obtención da pel.


VIII

Sarela literario

Rosalía tamén lle quería ao Sarela. Ollade ese fermoso ¡Adiós ! que 

encabeza esta publicación. 

E na páxina 160, desfrutade da clásica Foliada de Asén.


IX

Os novos arquitectos do Sarela

Unha (outra !) agradable sorpresa.

O autor, logo do seu intenso traballo de investigación, lévanos ao presente do Sarela, con tres prestixiosos referentes da arquitectura actual. Páxina 137


X

Plano ( despregable ) e Apéndices (Catastro de Ensenada 1752.Xenealoxía dos Harguindey)

O remate é excepcional. Un mapa-plano despregable, moi práctico para orientarnos no curso e contorna do Sarela. Uns apéndices moi completos (Lembrade, por exemplo, que o Catastro de Ensenada -1749/1752- foi o primeiro inventario de xentes e propiedades no reino de España)

  

Epílogo

O talento de JOB é investigar, documentar -nun marabilloso exercicio de constancia e disciplina (cantas horas pescudando arquivos, libros, xenealoxías?) apreixar ó intre -esas fotos únicas- e logo darlle xeito nun libro atractivo, ameno, singular e valioso.

Unha valía que lle traslado, tamén, ás administracións públicas para que estes tesouros do Sarela se rehabiliten, protexan e divulguen.




Sarela. Paisaxe cultural.
José Manuel Ortigueira Bobillo.





xoves, 23 de marzo de 2023

MINA

Grande, grande, grande...


Memoria é saber canto podemos perder.

Así que compre deixar na escrita, a marabilla da música que nos forneceu, espiritualmente, tanto !

Hoxe é doado atopar todo -mesmo o noso pasado - no mundo virtual ; máis daquela, era un imposible.

Foi no Rei Brigo, en Betanzos, cando un sábado calquera - no século XX - escoitei por primeira vez:

Non credere

Amor mío

Eran os Samars !

........................

Matinade: Había que ser moi valente, e “moderno”, para versionar, a unha descoñecida cantante italiana, con talento e calidade aquí, onde triunfaban Los Diablos, Formula V, Julio Iglesias....

..............................

Así que, nestes tempos dixitais, un grande pracer partillar unha escolma –Decálogo,of course!-- das miñas (súas) favoritas:

Into the Groove
Un tipo indipendente
Ancora,ancora
E poi
Un anno d,amore
Parole, parole
Insieme
Io,vivrò senza te
L,importante é finire
Bugiardo e incosciente

..........

Por certo: hoxe, xoves , é o cumpreanos de Mina !

Coa miña admiración –mitómano irredento, sempre -

vai o “Romance de Curro el Palmo”... en italiano!

E non.

Non lle fagades caso a ese título imposible...todo ao revés !


23 marzo 2023

Se adesso te ne vai
da domani saprai
un giorno com’è lungo
e vuoto senza me.
(Mina. Un anno d,amore)