mércores, 29 de setembro de 2021

Couto Mixto

    “Hai preto de cincocentos anos que Tomás Moro
describiu unha república imaxinaria.
A obra foi titulada Utopía.
O Couto Mixto existiu; non foi unha utopía.
Mais hoxe é unha república esquecida”

(Luis M. García Mañá)

I
República esquecida


O Couto Mixto finou tal día coma hoxe, hai 157 anos, co Tratado de Límites -asinado en Lisboa- entre España e Portugal.

II
Homes de acordo


Desde o século XIII, tiñan dereitos: Tres homes, tres chaves na arca.

III
Camiño privilexiado


Este camiño usábase como vía de comercio.O Camiño cruzaba as tres aldeas do Couto Mixto. Bordeaba o “Outeiro da Picoña” e nalgúns sitios, o percorrido estaba sinalado con cruces en marcos de pedra.

IV
Pobos promiscuos


Cambedo, Souteliño, Lamas de Arcos.
E sí, esa fermosura da lingua galega : “pobos promiscuos”, “camiño
privilexiado”...somos afortunados!

V
Ad iustitiam per ius


Aquí os protagonistas desta memoria única: Luis García Mañá e Xurxo Lobato.


Polo san Miguel...uvas e mel
2021


Libro de referencia :
COUTO MIXTO. Unha república esquecida. Luís Manuel García
Mañá.Fotografías : Xurxo Lobato. Edicións Xerais de Galicia S.A.
Vigo. 2005
Na arañeira :
1) Concello de Calvos de Randin.
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/gal/couto-mixto-4/historia2
2) Asociación de Amigos do Couto Mixto
https://galeguizargalicia.gal/asociacion-de-amigos-do-couto-mixto/


xoves, 9 de setembro de 2021

Lucio Battisti

(1943-1998)
Tal día coma hoxe, hai vintetrés anos, finou Lucio Battisti.

Lémbrome moito del, pois -mitómano irredento- o seu nome quedoume gravado cando escoitei por primeira vez Il mio canto libero.

Foi na radio,of course.

Máis a paixón xurdiu naquela máquina de discos que tiña o “Juventud” na rúa da Raíña... ou na praza de Fonseca?
Por un peso podías escoitar dúas cancións.

E a miña sempre era a mesma, dúas veces:
-Duraba unha eternidade (comparada coas competidoras)
-Tiña unha estrutura (comezaba a modiño,esas guitarras, ía subindo, esa batería, esas trompetas, esa pausa...)
-Tiña coros, orquestración -eses violíns da segunda parte-
-Tiña mensaxe ( “In un mondo che prigioniero é/respiriamo liberi io e te”)

.....

Así que, sempre inmortal, aquí vai unha -miña- escolma do seu talento
(E, sí, todas elas superan, con nota, ese canon dos tres minutos que as discográficas impoñían)

        I.- La luce dell, est
        II.- La canzone del sole
        III.- Ancora tu
        IV.- Il giardini di marzo


En Compostela, neste setembro raro...
... L,Universo trova spazio dentro me”


domingo, 25 de xullo de 2021

ALBA DE GRORIA

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a
fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares

Bos Aires. 25 de xullo 1948


ALBA DE GRORIA


Afonso Daniel Rodríguez Castelao

Miñas donas e meus señores:

SI NO ABRENTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.

Así dá comenzo a solemnidade d-este día; a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos. Pero ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque en tal día coma este revivien as lembranzas acuguladas, e coa moita destancia agrándase o prodixio da patria. Hoxe a nosa imaxinación anda por alá, en festa de saudades, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes... E dispóis de evocar o repique matutino das campás -mal ou ben, ao xeito de Otero Pedrayo-, eu podía evocar igoalmente, todo-los lances xubilosos d-este día, hora a hora, minuto a minuto. 
Pero ¡cómo se tornan tristes as alegrías evocadas lonxe da patria! 
¡Cómo doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade! 
E cómo para min é certo o que dixo o mellor poeta da nosa estirpe: 
Sen tí perpétuamente estou pasando
Nas maores alegrías, maor tristeza
Non; é moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito de futuro, como unha boa esperiencia. Podemos imaxinar, por exemplo, unha Santa Compaña de inmortaes galegos, en interminabel procesión. Alí veremos as nobres dinidades e os fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa Hestoria. Verémolos camiñar en silenzo, coa faciana en sombras e o mirar caído na terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideias tan vellas que hoxe nin tan siquera seríamos capaces de comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns verémolos revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras; pero os máis d-eles van descalzos e nús, cos osos prateados pol-o fulgor astral.

Ao frente de todos vai Prisciliano, o heresiarca decapitado, levando a súa propia caveira n-unha arqueta de marfin e afincándose n-un longo caxato, que remata coa fouce dos druidas, a modo de báculo episcopal. Siguen a Prisciliano moitos adeptos, varóns e mulleres. Detrás veñen dous magnates, que cicáis sexan: Teodosio, o grande Emperador de Roma, e San Dámaso, o Sumo Pontífice da cristiandade, seguidos ambos por unha hoste de soldados i ecresiásticos. Ollamos dispóis unha ringleira de mortos escrarecidos, que portan os atributos da súa dinidade ou da súa profesión. Alí distinguimos á virxe Eteria, a escritora pelengrina, con túnica de branco liño e camiñando con arfado compás. Ao hestoriador Paulo Orosio, discípulo de San Agostiño, que marcha pensatibre, c-un rolo de pergameos na man. Ao bispo e cronista dos tempos suevos, a Idacio, que alumea o camiño c-unha lámpara de bronce. A San Pedro de Mezonzo, o autor da Salve Regina Mater -o cántico e oración máis fermosa da Eirexa-, c-unha fragante azucena nos beizos. Ao fundador San Rosendo, que sostén litúrxicamente a custodia do noso escudo tradicional. E moitos, e moitos máis, que é dificultoso recoñecer. Logo vemos ao primeiro Arzobispo de Compostela, o gran Xelmírez, revestido de pontificial, con aurifulxente cortexo de mitrados e coengos. Após do perlado ven Alfonso VII, o Emperador, con cetro na destra, espada na sinistra e coroa de ouro e pedraría nas sens. Siguen ao Emperador: o Conde de Traba, seu aio, e demáis bultos da soberba feudal de Galiza. Ollamos dispóis aos monxes letrados, en longa fileira, con velas acesas e libros abertos. Ven detrás o mestre Mateo, o Santo dos Croques, co Apocalipsis debaixo do brazo, encabezando unha grea de arquiteitos e imaxineiros, que portan as ferramentas das súas artes. De seguida aparece unha moitedume de xograres e trovadores, en mistura de tipos e atavíos. Algúns semellan ter sido monxes; outros calzan esporas de ouro, en sinal de que foron cabaleiros; pero os máis d-eles van esfarrapados, con vellas cítaras, laúdes e zanfoñas ao lombo. Alí recoñecemos a Bernaldo de Bonaval, a Airas Nunes, a Eanes do Cotón, a Pero da Ponte, a Pero Meogo, a Xohán de Guillalde, a Meendiño, a Xohán Airas, a Martín Codax, a Paio Gómez Chariño, a Macías, a Padrón, e moitos máis, todos con lume no peito. Non tardan en aparecer as dúas belidas e infortunadas irmáns, Inés e Xohana de Castro, a que reinou en Portugal dispóis de morta e a que foi raiña de Castela n-unha soia noite morna de vran, como dúas rosas de prata as coroas do seu efímero reinado. Veñen de seguida os moitos varóns altaneiros de Galiza, os señores feudales, que non souperon vivir en paz nin consigo mesmos, todos eles montados en bestas negras, dende Andrade, o Bó, seguido por un porco montés -símbolo totémico da súa casa-, até o valente Pedro Madruga, que leva o puñal da traición espetado nas costas. Como grupo singular destácase o Mariscal Pardo de Cela, xunto cos seus compañeiros de martirio inxustamente decapitado, que sosteñen con entrambas mans as propias cabezas, aínda frescas, que deitan sangue e piden xusticia. Tamén ollamos unha boa representación do feudalismo ecresiástico, e n-él distinguimos aos tres Arzobispos Fonseca, pai, fillo e neto, seguidos por unha mula cangada coas obras de Erasmo. E detrás de tanto señorío feudal ven a pé o seu mellor cronista, Vasco da Ponte. De seguida recoñecemos a impoñente tropa dos irmandiños, que arrastran cadéas, con bisarmas e fouces mangadas en paus, levando por abandeirado a Rui Xordo, que sostén en outo un facho de palla acesa e fumeante.

Eiquí comeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, como decae Galiza ao trocarse en povo vencido e subordinado. Pero sigue dando individualidades, como Sarmiento de Gamboa e os Nodales, que camiñan xuntos, portando astrolabios, atlas e cunchas estranas; o filósofo escéptico, Francisco Sánchez, con muceta de Doutor; os Virreis de Nápoles e das Indias, Conde de Lemos e Conde de Monterrei, que serviron lealmente a quen non merecía ser servido por ningún galego; os tres grandes Embaixadores filipescos, Zuñiga, de Castro e Gondomar, que inútilmente derrocharon talento, sabiduría e artes diplomáticas; os escultores Moure e Ferreiro, xunto cos arquiteitos Andrade e Casas Nóvoa, que ceibaron de cadeas a nosa orixinalidade oprimida; o P. Sarmiento e o P. Feixóo, que remediaron o retraso cultural de España coa súa poderosa erudición e o seu xenio enciclopédico. Ven axiña Nicomedes Pastor Díaz, coa súa lira de nacra, abrindo a renascencia literaria de Galiza e seguido pol-os poetas Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro, Lamas, Amado Carballo, Manoel Antonio e tantos outros, todos con estrelas sobor das súas frentes; os hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro, os patriotas Faraldo e Brañas, a pensadora Concepción Arenal, a escritora Pardo Bazán, e por fin o gran Don Ramón, ainda non ben descarnado...

Acabo de citar uns cantos bultos da Santa Compaña de inmortaes galegos, uns cantos nada máis, porque nos dous mil anos da nosa hestoria, os bultos cóntanse por milleiros.

Dí Oliveira Martíns que ha Hestoria non hai máis que mortos e que a crítica hestórica non é un debate, senón unha setencia. Pero todos sabemos que os mortos da Hestoria reviven e mandan sobor dos vivos -moitas veces desgraciadamente-, como todos sabemos que a mellor sentencia é a que se da dispóis d-un debate. Por eso eu gosto de poñer a debate a nosa Hestoria, non a nosa Tradición, porque si ben é certo que se pode compor unha grande Hestoria de Galiza con soio recoller as crónicas dos seus grandes homes, tamén é certo que ningún d-eles, nin todos xuntos, foron capaces de erguer a intransferibel automomía moral de Galiza á categoría de feito indiscutibel e garantizado. Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderabel, que eso é o que importa para gañar o futuro. 

Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde na espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra, saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma  en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteita. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xermes incorruptibeis, da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.

Velahí o que eu quería dicir n-este Día de Galiza, en loubor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria, a todo-los galegos que residen n-esta terra que para nós é a segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.


Ediciós  G A L I C I A DO CENTRO GALLEGO DE BUENOS AIRES.

venres, 30 de abril de 2021

Andee Silver

Que fascinante é  -para a miña xeración- premer un botón e que aparezan letras, músicas, vídeos de acontecementos, soños, recordos, vivencias...

Somos memoria!


Ritmo das ondas na praia
brilo de prata no mar
Raios de sol nos teus ollos
eu ollei no teu ollar
Unha gaivota danzaba
facendo circos no ar
Os teus pasiños na area
namoroume o teu
andar
Teño saudade, saudade teño de ti
Teño saudade de ti, meu ben
Teño saudade de ti
O fume dun barco vello
o ceo quería pintar
Os teus cabelos voaban
fixéronme namorar
A brisa quente da area
todo facía tremar
No xeito da túa escultura
quen me dera non pensar
Teño saudade, saudade teño de ti
Teño saudade de ti, meu ben
Teño saudade de ti
Hoxe eu te lembro, meu ben
porque
teño saudade de ti
Teño saudade, saudade teño de ti
Teño saudade de ti meu ben
Teño saudade de ti

.......

Letra: Xavier Alcalá

Música: Andrés Dobarro

Arranxos, produción e gravación: Juan Pardo

Fonte de inspiración: ( “ a brisa quente da area...” “o fume dun barco vello” “ “unha gaivota danzaba”.......A  nosa -miña- praia.

E, sí, moitos anos despois decátome que a perfección da composición está no feito de que Andee Silver cante, coa súa doce voz, a canción que ela inspirou.


Rematando  abril. 2021

mércores, 14 de abril de 2021

República, República

 

Difundir a cultura non é repartir un caudal ilimitado
entre moitos, para que ninguén o goce por enteiro,
senón espertar ás almas durmidas e acrecenta-lo
número dos capaces en espiritualidade”

(Antonio Machado. Borrador do discurso de entrada na Real Academia Española. 1931)


Maio 1931


Inspirado na Institución Libre de Ensinanza ( ILE ), o Ministerio de Instrucción Pública creou, mediante decreto do 29 de maio de 1931, o Padroado das Misións Pedagóxicas.


Matinade
( I )


A Segunda República chegou a España, tal día coma hoxe, o 14 de abril do 1931.
Hai  noventa anos!

A grandeza dos seus ideais tomou xeito 45 días despois.
(nada, un lóstrego)

Aínda estaban aterrando nas institucións, máis tiñan moi claro cales eran as eivas desta pel de touro -basicamente rural-: analfabetismo, educación, coñecemento, saber, cultura...

Manuel Bartolomé Cossío (1857-1935) discípulo de Giner de los Ríos, pedagogo, historiador, foi o encargado de levar a cabo -hoxe sabémolo-, unha das máis grandes experiencias na educación popular.


Os republicanos, xente honesta, xenerosa, preocupada polo país, artellaron unha grande actividade pedagóxica, baseada en tres obxectivos :

 a) Fomento da cultura xeral, mediante a creación de bibliotecas populares -fixas e circulantes- e a organización de lecturas, conferencias públicas, exposicións...

   b)  Visitas ás escolas. Organizaban nas escolas visitas que duraban unha semana, e nas que transmitían as orientacións pedagóxicas aos mestres -sempre baseadas na pedagoxía lúdica, nas lecturas pracenteiras, nos espectáculos de teatro (monicreques).

 c) Educación cidadá, con reunións nas que se afirmaban os principios democráticos -explicándolle á xente, de vagar, o que era o Estado, como estaba formado, como se podía participar-.



Matinade
( II )

Entre 1931 e 1934, organizaron e repartiron máis de 5.000 -cinco mil!- bibliotecas por toda España.

(485 en Galicia)


Houbo servizos de Música e Gramófonos que se deixaban nos pobos e vilas.

O Cinematógrafo, tan novidoso e fascinante, que ateigaba as prazas das aldeas máis remotas.

O Museo do Pobo: as grandes obras pictóricas do Prado, copiadas fielmente, chegaban ata as parroquias máis recónditas (e con explicacións sinxelas de cada obra).

Centos de mestres, escritores, poetas, intelectuais, estudantes voluntarios, implicáronse, entusiasmados, nunha labor perfectamente organizada, que rendía contas cada ano...

(fascinante exemplaridade!)


En fin, neste 14 de abril de 2021, qué menos que reflexionar no que puido ser

(e non foi)


Saúde e República!

Segundo mércores de abril, 2021



Bibliografía:
Catálogo da Exposición 75 Aniversario das Misións Pedagóxicas.
Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais/Residencia de Estudantes. Madrid. 2006


domingo, 28 de marzo de 2021

A Fraga

 Dedicado a Leonor García Salido (1909-1986)

Miña avoa que, nas madrugadas da fin de semana
sempre deixaba na lareira
quente, unha taciña de leite”


Naqueles tempos de infancia feliz na tribo familiar, como imaxinar estas publicacións de hoxe en día?


O avó saía cediño cos seus veciños, mesmo parentes: o tío Daniel, o tío Evaristo, o tío Ramón, o tío Juanito...

A avoa preparáballe, para levar no morral, uns arenques e un anaco de pan. (De trigo! Na casa había forno. Cada sábado cocíase para toda a semana)

Eles limpaban e saneaban a Fraga: carreiros e camiños impecables. Polas, carabullos, follas... recollidos.

Había un comercio, baseado no que hoxe chamamos reciclaxe.

E, por suposto, “lume” era unha verba descoñecida.

Baixaban na lancha, ateigada de cortizas e refugallos, e atracaban no Areal (lembrade a feira do día Oito).

Agora que o penso, como facían para cargar a barca na Alameda -ata onde chegaban as mareas que permitían a navegación polo Eume-?

..............

Nos seráns dos sábados, mentres Leonor mesturaba auga e fariña, nunha masa que levedaba na artesa antes de converterse en pantrigo, eles xogaban ao dominó -coa xerra e as cuncas do viño da casa- e repartían os cartos, falando dos atrancos do Río: Pedra do Cabalo, Pedra do Anxeliño...

Dos pozos: pozo de Fornelos, pozo de Benito, poza das Vacas, furna dos Escapados...

Dos regatos: as Ferrerías, sempre primeiro.

Do Andarúbel: Era á Xunqueira. Coa gamela para pasar ó Outrolado, onde estaba o herbal, o monte, a caxigueira, e mesmo os restos misteriosos de dous muiños...

..............

Así que, nestes tempos virtuais, un grande pracer partillar novas e memoria.


Marzo do XXI

sábado, 13 de marzo de 2021

Melaleuca


Paseando polo Campus atopei, o outro día, un fascinante exemplar botánico que merece ser inscrito no Catálogo Galego das Árbores Senlleiras.


I
Nome exótico (ou non?): Melaleuca armillaris

Orixe grecolatino -of course-: Melas –negro-; Leukos –branco- (a oposición de cores da casca: negra no toro, branca nas pólas); armillaris: anel, braceira -pola disposición dos froitos-.


II
Dendrometría

Un grosor excepcional, para unha árbore de porte pequeno (usada nas sebes polo seu verde perenne, e facilidade de poda).


III
Bioloxía

Non hai ningún outro exemplar, de  semellante tamaño e beleza, na capital de Galicia.


IV
Estética

Marabillosa, e conmovedora, esa procura da luz nacente no leste....

(Valiosos, e discretos, eses dous soportes artificiais, que axudan -imprescindibles- na supervivencia).


V
Situación

No corazón do Campus da Universidade de Santiago, unha das grandes xoias botánicas galegas.



En Compostela. No undécimo mes da peste

mércores, 24 de febreiro de 2021

Rosalia


Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar...”

(“Miña casiña, meu lar”. Follas Novas. 1880)




Tal día coma hoxe, naceu Rosalía.

Cumpre cento oitenta e catro anos... inmortal!

Así que, para celebralo, nada mellor que lembrala con dous poemas clásicos:

Curros Enríquez:  ... Ai dos que levan no bico un cantar 

Ramón Cabanillas: “...Dúas nais me bican e me dan arrolo”



No derradeiro mércores de febreiro...
...apertas rosalianas.