“Difundir a cultura non é repartir un caudal ilimitadoentre moitos, para que ninguén o goce por enteiro,senón espertar ás almas durmidas e acrecenta-lonúmero dos capaces en espiritualidade”
(Antonio Machado. Borrador do discurso de entrada na Real Academia Española. 1931)
“Difundir a cultura non é repartir un caudal ilimitado
entre moitos, para que ninguén o goce por enteiro,
senón espertar ás almas durmidas e acrecenta-lo
número dos capaces en espiritualidade”
(Antonio Machado. Borrador do discurso de entrada na Real Academia Española. 1931)
Maio 1931
Inspirado na Institución Libre de Ensinanza ( ILE ), o Ministerio de Instrucción Pública creou, mediante decreto do 29 de maio de 1931, o Padroado das Misións Pedagóxicas.
Matinade
( I )
A Segunda República chegou a España, tal día coma hoxe, o 14 de abril do 1931.
Hai noventa anos!
Hai noventa anos!
A grandeza dos seus ideais tomou xeito 45 días despois.
(nada, un lóstrego)
Aínda estaban aterrando nas institucións, máis tiñan moi claro cales eran as eivas desta pel de touro -basicamente rural-: analfabetismo, educación, coñecemento, saber, cultura...
Manuel Bartolomé Cossío (1857-1935) discípulo de Giner de los Ríos, pedagogo, historiador, foi o encargado de levar a cabo -hoxe sabémolo-, unha das máis grandes experiencias na educación popular.
Os republicanos, xente honesta, xenerosa, preocupada polo país, artellaron unha grande actividade pedagóxica, baseada en tres obxectivos :
a) Fomento da cultura xeral, mediante a creación de bibliotecas populares -fixas e circulantes- e a organización de lecturas, conferencias públicas, exposicións...
b) Visitas ás escolas. Organizaban nas escolas visitas que duraban unha semana, e nas que transmitían as orientacións pedagóxicas aos mestres -sempre baseadas na pedagoxía lúdica, nas lecturas pracenteiras, nos espectáculos de teatro (monicreques).
c) Educación cidadá, con reunións nas que se afirmaban os principios democráticos -explicándolle á xente, de vagar, o que era o Estado, como estaba formado, como se podía participar-.
Matinade
( II )
Entre 1931 e 1934, organizaron e repartiron máis de 5.000 -cinco mil!- bibliotecas por toda España.
Houbo servizos de Música e Gramófonos que se deixaban nos pobos e vilas.
O Cinematógrafo, tan novidoso e fascinante, que ateigaba as prazas das aldeas máis remotas.
O Museo do Pobo: as grandes obras pictóricas do Prado, copiadas fielmente, chegaban ata as parroquias máis recónditas (e con explicacións sinxelas de cada obra).
Centos de mestres, escritores, poetas, intelectuais, estudantes voluntarios, implicáronse, entusiasmados, nunha labor perfectamente organizada, que rendía contas cada ano...
(fascinante exemplaridade!)
En fin, neste 14 de abril de 2021, qué menos que reflexionar no que puido ser
(e non foi)
Saúde e República!
Segundo mércores de abril, 2021
Bibliografía:
Catálogo da Exposición 75 Aniversario das Misións Pedagóxicas.
Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais/Residencia de Estudantes. Madrid. 2006
Ningún comentario:
Publicar un comentario