por
Ramón Otero Pedrayo.
Prólogo e ilustracións de Vicente Risco
(Itinerario d'Ourense ao San Andrés de Teixido)
Editorial Nós –volume XXVIII –
A Cruña.1929
“...por iso nós viñemos a il, cruzando vals e serras, fuxindo de todo propósito estudioso, pol-a paixón de afundirnos na sinxeleza sin termos da Natureza e da raza”
Ramón Otero Pedrayo. Páx. 199
-Pelerinaxes-
I
( O Libro )
En realidade son dous. Ler un libro sempre che abre camiños, facilita alternativas, descubre tesouros...
Merquei o de Santiago Lamas&Alfonso Mato polo seu chamativo título: “De camiños, viaxeiros e camiñantes”, e pola orla que dicía “Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2015”.
(Ed. Galaxia. Vigo. 2016)
Acertei de cheo. E quedei atrapado no primeiro capítulo, cun extraordinario comezo;
“As seis da mañá do luns 4 de xullo do ano do Señor de 1927, cun tempo non moi acaído cos acostumados calores abafantes de Ourense no mes de Santiago, Otero Pedrayo, Risco e Ben-Cho-Shey, armados con chapeus, mochilas, caxatas, cadernos, lapis, estilográficas, auga,chocolate e unha cámara Kodak xuntábanse...”
E, na páxina 21, aparece a nova da publicación:
“No mesmo mes de outubro de 1929, anúnciase en Nós e A Nosa Terra, que Pelerinaxes I xa está a venda-ao insignificante prezo de 5 pesetas-”
Faltoume tempo para ir á moi cumprida bibliografía e atopar, na páxina 195, a recensión da edición facsimilar que -no 1993- fixo Edicións do Castro.
Pola noite lía o libro:
(“Fontán percorreu e cartografou un país de camiños. O país dos homes de Nós, setenta e cinco anos despois, xa tiña estradas e vías de tren...” px. 41) e polo día ía a procura desa edición facsimilar do 1993. Foi na primeira tenda de Sargadelos de Galicia, onde senón?, que tiñan un único exemplar -12 euros-.
Fixen xestións –mesmo tiven contactos que preguntaron no Castro/Sada-. E non atopei ningún outro exemplar.
Os amigos da libraría Gallaecia, mostráronme como procuralo nas librarías de vello... e só apareceu un exemplar en Sevilla: 140 euros.
II
( A viaxe )
A viaxe comezou o luns dia 4 de xullo en Ourense (“ ao pé da fonte da Alameda do Cruceiro”)
O martes 5 xa chegan a Monterroso (Otero Pedrayo, poeta: escribe a louvanza ó Xamón)
O mércores 6 fan noite en Palas do Rei ( Alí ten unha botica Avelino García Armesto, seu amigo)
O xoves 7 van no Castromil ata Lugo (onde Evaristo Correa Calderón exerce de anfitrión).
E logo camiñan ata Rábade, onde dormen?? (“unha noite dubidosamente terrorífica”)
O dia 8 venres chegan a Vilalba. Alí os agarda Antonio Noriega Varela (“inda non desfixeramos os morrales cando estreitamos no peito ó poeta” )
Sábado 9 camiñan de Vilalba a As Pontes (D. Ramón, coxo)
No coche de liña fan o percorrido de As Pontes a Ortigueira.
Domingo 10.Un ditoso serán de magnolios en Ortigueira
Luns 11. Camiño de San Andrés con tres amigos (dacabalo, non pode andar). “corría a bota, e a lagosta sabía coma en ningures”
III
( O relato )
Marabilloso diario de don Ramón. Nun exuberante galego, barroco, antergo, vainos contando a viaxe de cada dia: hai anécdota, máis prima a divagación, a divulgación... Non é un relato lineal. Ao vello xeito xornalístico, cada etapa pode dar lugar a varios relatos independentes, con argumento propio.
Verbigratia:
Día 8.07.27 (durmir en Rábade e saír cara a Vilalba) “A cachoeira das tellas” –os tellados modernos fan medrar o terror das noites-
“Século dazaoito” –solenidade, fortaleza da carreteira. Debería ter miliarios que dixeran en eterna epigrafía: Carolus III -
“Bétula Fidelis”... Abedoeiras! –Ben Cho Shey púxolle por nome Bétula Fidelis. Fieis a montana, o lúar, a Celtia, a nos, os pelengrinos-
IV
( A fascinación )
Fascinante. Eu pensaba nos tres homes. Ben Cho Shey –Xosé Ramón Fernández Oxea- o máis novo: 31 anos. Era mestre. Exercera en Cariño. Coñecía Santo André de Teixido. Estou convencido que foi del a idea.
Vicente Risco tiña 43 anos. Otero Pedraio, 39. Ámbolos dous galeguistas recoñecidos....
Risco debuxou e fixo as ilustracións de todo: desde o mítico percorrido que aparece na portada do libro, ata os capiteis das máis humildes igrexas, pasando pola captura de intres únicos (mercado de Monterroso; o mesón de Gaibor; Bétula Fidelis; ría de Santa Marta )
...e prologou a D. Ramón!
Unha prístina alfaia!!
“D,Ourense ao san Andrés de Teixido, veleiquí a terra toda debaixo dos nosos pés. E ollai com,andades, qu,ides por terra sagrada”
Ningún comentario:
Publicar un comentario