domingo, 3 de decembro de 2017

Compostela Verde

Portal web de Compostela Verde

Estou contento!

O Concello de Santiago acaba de presentar a súa (renovada?, nova?) páxina Compostela Verde, xestionada pola concesionaria de Parques e Xardíns, que é unha auténtica marabilla (cando menos para un botánico afeccionado coma min). Vai ligazón, e tede curiosidade e paciencia, hai de todo! 

Premede nos botóns da esquerda; por exemplo no de Arboredo singular... e atoparedes centos de fichas moi completas -con fotos actualizadas - non só da Alameda, tamén de Belvís, da Granxa do Xesto, Brandía, Sar...




Imaxinade chegar diante da abeleira - Corylus avellana - da Finca Simeón, darlle a un botonciño e ler:


Etimoloxía

O seu nome xenérico é Corylus, empregado por Virxilio e Plinio, que se derivaría da palabra indoeuropea korys, que quere dicir capuchón ou carapucha, aludindo ás brácteas que envolven o froito. O nome de abeleira procede de Abella (actualmente Avella) unha cidade da Campania (Italia) onde existe un florecente mercado dende a época dos emperadores romanos, célebre polas súas ricas mazás, as granadas e as abelás.


Usos

Na cultura clásica, a abeleira era a árbore da beleza e a sabedoría: dicíase que quen comía abelás adquiría coñecemento sobre as ciencias e as artes. Xa nos manuscritos antigos de China e Grecia descríbense as utilidades da abelá. Os chineses considerábana como un alimento sagrado, que proporcionaba clarividencia, mentres que o grego Dioscórides sinalou os usos da abelá para curar diferentes enfermidades.

As abelás son importantes na alimentación de moitos roedores, do xabarín e das aves fruxívoras. Teñen propiedades nutricionais e medicinais, xa que son astrinxentes, sudoríferas e antidiarreicas. Tamén úsanse en repostería e como froitos secos. En cosmética, coas abelás elabóranse xabóns, perfumes e suavizantes.

Nas culturas céltico e romanas as abeleiras tiñan poderes místicos, simbolizando fertilidade do matrimonio, proporcionando protección e asegurando a localización de tesouros e da auga. É coñecida a predilección dos adiviños polas pólas de abeleira para localizar veas de auga.

A madeira, branca e flexible, utilízase en ebanistería, cestería, marquetería, tornería e carpintería. Tamén emprégase para facer carbóns de debuxo. A súa plantación tamén serve para fixar noiros e congostras.


No día de Santa Icía do 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario