xoves, 30 de abril de 2026

Aphrodite,s child

 

I


Eran catro rapaces gregos, vivindo en París e cantando en inglés.
Demis: voz e baixo
Loukas: percusión e voces
Koulouris: guitarra
Vangelis: teclados

II

Os mozos (ningún chegaba ós 25 anos) xa tiñan certo recoñecemento musical (individual ou en dúo) na Grécia.
Cando os coroneis deron o golpe de estado (1967) fuxiron cara a Londres, máis tiveron que ficar en París, por non ter permiso de traballo nin visado.


III

O nome do grupoOs Fillos de Afrodita naceu en París.
Desde o 1968 ao 1972 gravaron tres discos (LP) que son, hoxe, de “culto”.
  • End of the world ( lembrades a Procol Harum ? )
  • It,s five o,clock (esas baladas )
  • 666 ( aquí comezou o rock progresivo )

IV

Eses catro anos frenéticos en composicións, xiras, gravacións, vendas foron unha revolución musical...    
hoxe sabémolo
 (máis quen é consciente de estar dentro dunha revolución?)


V

Déixovos as miñas favoritas

a) Rain &tears ( lembrades a Pachelbel e o seu Canon ?)
b) It,s five o,clock ( ese teclado.... )
c) Marie Jolie ( esa harmonía ...)
e) Aegian sea (Aquí xurdíu a new age )



“son as cinco da mañá
e camiño polas rúas baleiras
matinando nos meus anos pasados”
(It,s five o,clok. Aphrodite,s child)




martes, 14 de abril de 2026

Agardando pola Terceira República

       

....seu pai Joaquín estaba xubilado.
Aínda me lembro da súa barba aguzada e branca.
Vivían na casa de Ribada....



Don Joaquín Vázquez Fernández naceu na parroquia de Vilaescura (Sober-Lugo) no ano 1867.
Ós 19 anos alistouse no Exército, na caixa de recrutas de Lugo, e foi destinado ao Rexemento de Cabalería Cazadores de Galicia número 29 situado en Compostela.
A cantineira do rexemento era Andrea Suárez Salgado.
Aquí (Compostela) casaron no 1893.
Aquí veu ao mundo (1894) a súa única filla: María Vázquez Suárez.
Cando a nena tiña un ano, o seu pai pide destino na illa de Cuba
(guerra da independencia colonial).
Don Joaquín estivo nos combates de Guanocano, Cienfuegos, Trinidad e Sierra Alta.
Obtivo o grao de tenente e polo seu valor en combate foi distinguido como cabaleiro de primeira clase da Orde do Mérito Militar.
De volta á España, pasou á reserva no Rexemento número 38 de Cabalería de Palencia.
Ós 37 anos acadou o retiro militar, sen perder escala. No 1921 foi ascendido a capitán.
Atopa traballo como xerente na Fábrica de Gas e Electricidade na Coruña e alí trasládase o matrimonio coa rapaciña María.
María Vázquez Suárez ingresa na Escola Normal de Maxisterio da Coruña no 1909.
Con 19 anos supera os exames de reválida e obtén o grao de mestra superior.
No 1917 convocáronse oposicións en Santiago para cubrir 48 escolas.
María aprobou e adxudicáronlle destino en Jérica (Castellón).
Cando foi a ocupala, a praza xa estaba cuberta.
Don Joaquín mandou unha carta de protesta os xornais, denunciando unha situación que afectaba a moitas mestras que aprobaran a praza e non tiñan destino.
Laiábase tamén da falta de prazas en Galicia.
En xaneiro do 1918, don Joaquín escribía:
“Por qué valen tan pouco os mestres? Porque os precisamos moito”
En setembro, María é destinada á escola de nenas da Pobra do Caramiñal (A Coruña).
Estivo doce anos.
Nese devir ela concursaba para ir a Lugo ou Ferrol... e mesmo no 1925 (con 31 anos) oposita para ir a Madrid, sen sorte.
En 1930 acadou a praza de mestra titular da Escola 2 de Miño (A Coruña).
Seus pais Joaquín e Andrea -xubilados- instaláronse en Miño (A Coruña) ca filla mestra.
Coa chegada da Segunda República -tal día como hoxe,hai 95 anos!- María implícase, entusiasmada, nas reformas do ensino e mesmo nas melloras de vida da xente.
En xuño do 1934 don Joaquín (67 anos) fica viúvo.
Deprímese.
Máis segue adiante, fachendoso e feliz coa súa mestra favorita.
A súa filla, Maruja -unha mestra de 40 anos- exerce con entrega; dita conferencias, aplica o método Montessori, fala da escola laica e mesmo da hixiene escolar.
O 19 de xullo de 1936 don Joaquín e a súa filla Maruja están na Coruña.
El é un vello capitán do exército español, xubilado da Fábrica de Gas e Electricidade; ten 69 anos.
Ela é unha mestra comprometida.Ten 41 anos.
A comezos de agosto a mestra Maruja Vázquez Suárez foi detida por
falanxistas de Pontedeume (que viaxaron á Coruña para prendela).
Don Joaquín, seu pai, ía todos os días ao cárcere de Pontedeume, tratando de vela e tentando que a ceibasen.
Non foi posible.
O 19 de agosto de 1936, a mestra dona María Vázquez Suárez foi “paseada” na praia de Bañobre (Miño).
Nacera o 15 de agosto de 1894.
Cumprira corenta e dous anos.
Don Joaquín tivo que abandonar Miño (A Coruña).
Estivo un tempo na súa casa da Coruña.
Unha sobriña acolleuno en Vilaescura (Sober –Lugo) onde nacera.
Familiares e veciños contan que fixo un tobal en Penabión, moi preto do castro de Vilaescura (Sober-Lugo).
Alí ía moitas tardes, triste e deprimido, para doerse eternamente por non ser quen de salvar a súa filla.
O lugar chámase A Casiña do capitán.
Don Joaquín finou no ano 1950.


En Compostela, lembrando os noventa e cinco da Segunda...
Saúde e República !