venres, 30 de abril de 2021

Andee Silver

Que fascinante é  -para a miña xeración- premer un botón e que aparezan letras, músicas, vídeos de acontecementos, soños, recordos, vivencias...

Somos memoria!


Ritmo das ondas na praia
brilo de prata no mar
Raios de sol nos teus ollos
eu ollei no teu ollar
Unha gaivota danzaba
facendo circos no ar
Os teus pasiños na area
namoroume o teu
andar
Teño saudade, saudade teño de ti
Teño saudade de ti, meu ben
Teño saudade de ti
O fume dun barco vello
o ceo quería pintar
Os teus cabelos voaban
fixéronme namorar
A brisa quente da area
todo facía tremar
No xeito da túa escultura
quen me dera non pensar
Teño saudade, saudade teño de ti
Teño saudade de ti, meu ben
Teño saudade de ti
Hoxe eu te lembro, meu ben
porque
teño saudade de ti
Teño saudade, saudade teño de ti
Teño saudade de ti meu ben
Teño saudade de ti

.......

Letra: Xavier Alcalá

Música: Andrés Dobarro

Arranxos, produción e gravación: Juan Pardo

Fonte de inspiración: ( “ a brisa quente da area...” “o fume dun barco vello” “ “unha gaivota danzaba”.......A  nosa -miña- praia.

E, sí, moitos anos despois decátome que a perfección da composición está no feito de que Andee Silver cante, coa súa doce voz, a canción que ela inspirou.


Rematando  abril. 2021

mércores, 14 de abril de 2021

República, República

 

Difundir a cultura non é repartir un caudal ilimitado
entre moitos, para que ninguén o goce por enteiro,
senón espertar ás almas durmidas e acrecenta-lo
número dos capaces en espiritualidade”

(Antonio Machado. Borrador do discurso de entrada na Real Academia Española. 1931)


Maio 1931


Inspirado na Institución Libre de Ensinanza ( ILE ), o Ministerio de Instrucción Pública creou, mediante decreto do 29 de maio de 1931, o Padroado das Misións Pedagóxicas.


Matinade
( I )


A Segunda República chegou a España, tal día coma hoxe, o 14 de abril do 1931.
Hai  noventa anos!

A grandeza dos seus ideais tomou xeito 45 días despois.
(nada, un lóstrego)

Aínda estaban aterrando nas institucións, máis tiñan moi claro cales eran as eivas desta pel de touro -basicamente rural-: analfabetismo, educación, coñecemento, saber, cultura...

Manuel Bartolomé Cossío (1857-1935) discípulo de Giner de los Ríos, pedagogo, historiador, foi o encargado de levar a cabo -hoxe sabémolo-, unha das máis grandes experiencias na educación popular.


Os republicanos, xente honesta, xenerosa, preocupada polo país, artellaron unha grande actividade pedagóxica, baseada en tres obxectivos :

 a) Fomento da cultura xeral, mediante a creación de bibliotecas populares -fixas e circulantes- e a organización de lecturas, conferencias públicas, exposicións...

   b)  Visitas ás escolas. Organizaban nas escolas visitas que duraban unha semana, e nas que transmitían as orientacións pedagóxicas aos mestres -sempre baseadas na pedagoxía lúdica, nas lecturas pracenteiras, nos espectáculos de teatro (monicreques).

 c) Educación cidadá, con reunións nas que se afirmaban os principios democráticos -explicándolle á xente, de vagar, o que era o Estado, como estaba formado, como se podía participar-.



Matinade
( II )

Entre 1931 e 1934, organizaron e repartiron máis de 5.000 -cinco mil!- bibliotecas por toda España.

(485 en Galicia)


Houbo servizos de Música e Gramófonos que se deixaban nos pobos e vilas.

O Cinematógrafo, tan novidoso e fascinante, que ateigaba as prazas das aldeas máis remotas.

O Museo do Pobo: as grandes obras pictóricas do Prado, copiadas fielmente, chegaban ata as parroquias máis recónditas (e con explicacións sinxelas de cada obra).

Centos de mestres, escritores, poetas, intelectuais, estudantes voluntarios, implicáronse, entusiasmados, nunha labor perfectamente organizada, que rendía contas cada ano...

(fascinante exemplaridade!)


En fin, neste 14 de abril de 2021, qué menos que reflexionar no que puido ser

(e non foi)


Saúde e República!

Segundo mércores de abril, 2021



Bibliografía:
Catálogo da Exposición 75 Aniversario das Misións Pedagóxicas.
Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais/Residencia de Estudantes. Madrid. 2006