(“Fálase de péndulo simple cando o obxecto que colga é pequeno
en comparanza coa distancia ao punto de suspensión”
-A singular física do Botafumeiro-
Juan R. Sanmartín
Universidade Politécnica de Madrid)
I
Introito
Cando souben que pechaba a Catedral fun correndo a tirar un par de fotos no seu interior.
Quería ilustrar unha publicación moitas veces adiada, e que -coa peste que nos invade- agora sí, ten a súa razón de ser.
Todo comezou -para min- no pasado século. Non había arañeira, nin redes sociais, nin novas tecnoloxías. Estaban os libros... e mesmo aquelas clásicas guías de Everest, alimento de turistas e viaxeiros. Información e detalles básicos para viaxar e coñecer lugares e monumentos.
A fortuna de vivir en Compostela foi decisiva para visitar, pescudar e comprobar, in situ, o que dicían os libros.
A Catedral abre ás 7.30 e pecha ás 20.30. É unha Igrexa dedicada ao culto, polo que ten horarios de misas e actos litúrxicos... coas portas abertas.
( Non, non hai que pagar entrada)
Así que alí me tendes -si, houbo algún día que madruguei para entrar cediño: impagable!- esculcando polo deambulatorio, parándome no cruceiro ... e saíndo pola porta da Acibechería.
III
Achado
O achado foi -coma sempre- casual, complementario e indescritible.
Ollade: hai dous grande nomes que aparecen -con razón- nas guías de Compostela: O Mestre Mateo e Domingos de Andrade.
O Pórtico da Gloria, A “Catedral Vella”, A Berenguela, O Baldaquino... son fitos únicos na arquitectura compostelá, que conforman e danlle xeito á nosa Catedral
(Non prometo nada, máis tentarei facer cadansúa publicación...paga a pena !)
Ocorre que, lendo a letra pequena, sempre atopaba un terceiro nome que, curiosamente, traballa no período renacentista da Catedral de Santiago...
Púlpitos no cruceiro da nave central ?
Sepulcro de dona Mencía de Andrade?
Mecanismo do Botafumeiro ?
IV
JOANES BAUTISTA CELMA
"Joannes Bautista Celma aragonensis pictor, anno Domini MDLXXXIII Compostellae faciebat"
Esta é a súa sinatura, no alicerce do púlpito do Evanxeo.
Parádevos e ollade.
Non hai presa.
Moldeados en bronce -un material escaso e difícil de traballar- uns atlantes soportan todo o peso da liturxia católica... con elegancia.
...........
Na capela da Azucena atopamos o sepulcro de dona Mencía de Andrade.
Fascinante.
Dona Mencía, deitada,durme coa cabeza reclinada nos coxíns.
O cadelo, vixiante, agarda que esperte a súa dona.
Puro granito, tallado, feito obra de arte intemporal.
...........
Catro anos antes de morrer (1608) púxose co mecanismo do Botafumeiro... que segue ata hoxe!
“Xa con anterioridade o incensario atopábase bastante deteriorado,ata o punto de que, nun texto capitular de 1602 considerábanse os dispositivos para o seu movemento (polea,argola...)como antigualla .
Entón encárgase a Juan Bautista Celma a restauración do sistema de suspensión, e idea un enxeño a base de poleas que mellora a oscilación.
Tal procedemento é o que segue vixente nos nosos días”
(1.- páx.31)
V
Remate
Un ano despois da aparición do libro sobre o Botafumeiro, publícase o Catálogo do Museo da Catedral, que recomendo vivamente.
E fico abraiado (2.- páx. 88 ).
“De orixe aragonesa, adoitaba definirse como un pintor que funde metais“
Hai un óleo no Museo -unha parte mínima das cinco pezas orixinais-coa súa mostra pictórica: A Resurrección e Adoración do Reis Magos.
Esa grandiosa intelixencia renacentista, que abrangue ás artes e oficios máis notábeis.
VI
Hoxe
E cando saio, obrigado polas obras, cara a Acibechería, tírolle a derradeira foto ó Prior Xoán Vidal que durme eternamente, mentres a cadela agarda e vixía.
No undécimo mes, desde O Confín (dos verdes castros)