xoves, 26 de novembro de 2020

TURIBULUM MAGNUM

(“Fálase de péndulo simple cando o obxecto que colga é pequeno
en comparanza coa distancia ao punto de suspensión” 
 -A singular física do Botafumeiro-
 Juan R. Sanmartín
Universidade Politécnica de Madrid)




I
Introito


Cando souben que pechaba a Catedral fun correndo a tirar un par de fotos no seu interior.

Quería ilustrar unha publicación moitas veces adiada, e que -coa peste que nos invade- agora sí, ten a súa razón de ser.

Todo comezou -para min- no pasado século. Non había arañeira, nin redes sociais, nin novas tecnoloxías. Estaban os libros... e mesmo aquelas clásicas guías de Everest, alimento de turistas e viaxeiros. Información e detalles básicos para viaxar e coñecer lugares e monumentos.



II
Curiosidade

A fortuna de vivir en Compostela foi decisiva para visitar, pescudar e comprobar, in situ, o que dicían os libros.

A Catedral abre ás 7.30  e pecha ás 20.30. É unha Igrexa dedicada ao culto, polo que ten horarios de misas e actos litúrxicos... coas portas abertas.

( Non, non hai que pagar entrada)

Así que alí  me tendes -si, houbo algún día que madruguei para entrar cediño: impagable!- esculcando polo deambulatorio, parándome no cruceiro ... e saíndo pola porta da Acibechería.



III
Achado

O achado foi -coma sempre- casual, complementario e indescritible.

Ollade: hai dous grande nomes que aparecen -con razón- nas guías de Compostela: O  Mestre Mateo e Domingos de Andrade.

O Pórtico da Gloria, A “Catedral Vella”, A Berenguela, O Baldaquino... son fitos únicos na arquitectura compostelá, que conforman e danlle xeito á nosa Catedral

(Non prometo nada, máis tentarei facer cadansúa publicación...paga a pena !)

Ocorre que, lendo a letra pequena, sempre atopaba un terceiro nome que, curiosamente, traballa no período renacentista da Catedral de Santiago...

Púlpitos no cruceiro da nave central ?
Sepulcro de dona Mencía de Andrade?
Mecanismo do Botafumeiro ?


IV
JOANES BAUTISTA CELMA

"Joannes Bautista Celma aragonensis pictor, anno Domini MDLXXXIII Compostellae faciebat"


Esta é a súa sinatura, no alicerce do púlpito do Evanxeo.
Parádevos e ollade.
Non hai presa.

Moldeados en bronce -un material escaso e difícil de traballar- uns atlantes  soportan todo o peso da liturxia católica... con elegancia.
...........

Na capela da Azucena atopamos o sepulcro de dona Mencía de Andrade.
Fascinante.
Dona Mencía, deitada,durme coa cabeza reclinada nos coxíns.
O cadelo, vixiante, agarda que esperte a súa dona.
Puro granito, tallado, feito obra de arte intemporal.
...........

Catro anos antes de morrer (1608) púxose co mecanismo do Botafumeiro... que segue ata hoxe!

 “Xa con anterioridade o incensario atopábase bastante deteriorado,ata o punto de que, nun texto capitular de  1602 considerábanse os dispositivos para o seu movemento (polea,argola...)como antigualla .
Entón encárgase a Juan Bautista Celma a restauración do sistema de suspensión, e idea un enxeño a base de poleas que mellora a oscilación.
Tal procedemento  é o que segue vixente nos nosos días”
(1.-  páx.31)


V
Remate

Un ano despois da aparición do libro sobre o Botafumeiro, publícase o Catálogo do Museo da Catedral, que recomendo vivamente.

E fico abraiado (2.-  páx. 88 ).

“De orixe aragonesa, adoitaba definirse como un pintor que funde metais“


Hai un óleo no Museo -unha parte mínima das cinco pezas orixinais-coa súa mostra pictórica: A Resurrección e Adoración do Reis Magos.

Esa grandiosa intelixencia renacentista, que abrangue ás artes e oficios máis notábeis.



VI
Hoxe

E cando saio, obrigado polas obras, cara a Acibechería, tírolle a derradeira foto ó Prior Xoán Vidal que durme eternamente, mentres a cadela agarda e vixía.




No undécimo mes, desde O Confín (dos verdes castros)



(1)  O BOTAFUMEIRO. Estudos e evocacións. Consello da Cultura Galega. Hércules Edicións. A Coruña. 2010 

(2)  MUSEO CATEDRAL DE SANTIAGO. Consorcio de Santiago. Gráficas Garabal. Santiago. 2011



1 comentario: