luns, 31 de agosto de 2015

Unha flor nacional (I)



O Doutor Mariño dooulle ó Concello de Santiago un exemplar de “Erythrina crista-galli”, aló polos anos noventa do pasado século; substituía a outra árbore destrozada polo “Hortensia” en 1984. Parques e Xardíns instalouno na Alameda, xusto detrás da farola esquerda que vemos ó entrar polo paso de peóns da Porta Faxeira. 

Erythrina crista-galli
O 24 de xullo de 1995, o Presidente de Uruguai – D. Julio María Sanguinetti- plantou un pé de “Erythrina crista-galli” na horta de San Domingos de Bonaval, tal e como nos di a plaquiña alí colocada, conmemorando o agasallo presidencial. Son os dous únicos Ceibos –nome común do Erythrina- que temos nos xardíns públi-cos composteláns. Por unha banda é lóxico, dado que o ceibo precisa un ambiente cálido e acolledor, non soportando as xeadas das nosas invernías; pero, por outro lado, é unha mágoa non ter máis exemplares para goce da xente e regalía de xardíns, pois abofé paga a pena co-ñecelo para desfrutar del en profundidade. 

Erythrina vén do grego erytros (vermello) -pola cor das súas flores-. O específico crista-galli, alude ó estandarte da flor; encarnado e erguido, igual que a crista do galo. Esa foi a axeitada denominación científica que Linneo lle deu en 1767 cando fixo a clasificación botánica pola que aínda hoxe nos rexemos. A árbore do coral –outro sinónimo-, é endémico de Sudamérica. Abondoso nas mar-xes do Río da Prata (Arxentina, Uruguai, Paraguai), así coma no sur de Brasil. É pura beleza.

Tódalas primaveras desenvolve pólas en forma de conos longos e curvos, con follas dun verde suave e atractivo que conforman unha copa mesta e densa. A partir de xuño está floreado xa, para todo o verán; escribo estas liñas polo san Paio: o ceibo está cheo de flores... milleiros de flores!. Todas dun vermello espectacular: un profundo carmesí tan rechamante que non hai nada parecido en toda Europa. Tanto é así que dende tempo inmemorial foi utilizada polo pobo guaraní (habitantes deses pagos) para tinguir e colorear lenzos, las, ou madeiras. Igual que en moitas outras árbores, no ceibo tamén se aproveitaban as follas e a cortiza -fervidas en auga- para facer benéficas infusións.

A extraordinaria sensibilidade dos guaranís chegou ata os nosos días: legáronnos a lenda de Anahí, a princesa de fermosa voz e tanxedora excelente da harpa autóctona - 36 cordas, 5 oitavas -  quén, ó ser queimada polos conquistadores, rematou por conver-terse en ceibo. A canción, de autor anónimo, chegou ata hoxe:

Anahí, as harpas doentes xa choran
arpexios que son para ti,
recórdanche a inmensa 
bravura, india guaraní, 
Anahí,
a raíña fea, a da voz tan  doce
coma a auga,
Anahí, Anahí,
faille frente á morte
a forza da raza na flor de rubí...
defendendo altiva á indómita tribo 
fuches prisioneira, condenada a morte, 
 estaba o teu corpo envolto 
coa lumeirada 
e mentras as chamas o estaban queimando 
vermella corola foise transformando.
A noite piadosa cubriu a túa dor 
e a alba abraiada víu o teu martirio 
feito ceibo en flor

A segunda proba da enorme sensibilidade guaraní, é que lograron transmitir, ós novos poboadores dos países que foron xurdindo nese continente, algo que eles posuían: amor, cariño e respecto polas árbores. 

O 28 de decembro de 1942, D. Ramón Castillo, Presidente de Arxentina, declarou ó ceibo Flor Nacional Arxentina, atendendo a elección feita por unha variada comisión, na que estaban representados tódolos sectores sociais da poboación. É así, que cada 22 de Novembro -en plena primavera austral- os nosos irmáns arxentinos celebran o día do ceibo, a súa flor emblemática por decisión popular.

Placa conmemorativa do exemplar de Erythrina plantado polo Presidente de Uruguai (Parque de San Domingos de Bonaval, Santiago de Compostela)

Eles non son os únicos: practicamente toda Latinoamérica ten unha Flor Nacional: Uruguai honra, tamén, ó Ceibo!; Paraguai ó Mburucuyá (o que nos coñecemos como Pasionaria: Passiflora incarnata), Venezuela, Colombia, Costa Rica e Guatemala, á Flor de Maio (Unha fermosa orquídea con distintas variedades… Cattleya híbrida); e, por suposto, os parentes de Brasil agasallan ó Ipé  amarelo (Tababuia speciosa).

En fin, benqueridos amigos, animado polo cívico exemplo que nos dan os guaranís e os seus descendentes, remato cunha pregunta:

¿Será posible, algún día, nomear unha flor nacional de Galicia?...