domingo, 28 de marzo de 2021

A Fraga

 Dedicado a Leonor García Salido (1909-1986)

Miña avoa que, nas madrugadas da fin de semana
sempre deixaba na lareira
quente, unha taciña de leite”


Naqueles tempos de infancia feliz na tribo familiar, como imaxinar estas publicacións de hoxe en día?


O avó saía cediño cos seus veciños, mesmo parentes: o tío Daniel, o tío Evaristo, o tío Ramón, o tío Juanito...

A avoa preparáballe, para levar no morral, uns arenques e un anaco de pan. (De trigo! Na casa había forno. Cada sábado cocíase para toda a semana)

Eles limpaban e saneaban a Fraga: carreiros e camiños impecables. Polas, carabullos, follas... recollidos.

Había un comercio, baseado no que hoxe chamamos reciclaxe.

E, por suposto, “lume” era unha verba descoñecida.

Baixaban na lancha, ateigada de cortizas e refugallos, e atracaban no Areal (lembrade a feira do día Oito).

Agora que o penso, como facían para cargar a barca na Alameda -ata onde chegaban as mareas que permitían a navegación polo Eume-?

..............

Nos seráns dos sábados, mentres Leonor mesturaba auga e fariña, nunha masa que levedaba na artesa antes de converterse en pantrigo, eles xogaban ao dominó -coa xerra e as cuncas do viño da casa- e repartían os cartos, falando dos atrancos do Río: Pedra do Cabalo, Pedra do Anxeliño...

Dos pozos: pozo de Fornelos, pozo de Benito, poza das Vacas, furna dos Escapados...

Dos regatos: as Ferrerías, sempre primeiro.

Do Andarúbel: Era á Xunqueira. Coa gamela para pasar ó Outrolado, onde estaba o herbal, o monte, a caxigueira, e mesmo os restos misteriosos de dous muiños...

..............

Así que, nestes tempos virtuais, un grande pracer partillar novas e memoria.


Marzo do XXI

Ningún comentario:

Publicar un comentario