Jhony
(relato?)
I
Coñezo a un home que foi músico.
Agora é fontaneiro.
Os venres, no lusco fusco, marcha para Esteiro -Muros -, e pasa a fin de semana pescando.
II
Souben del, polo seu oficio.
(con luces e sombras )
Empecei a consideralo cando o vin desfilando de confrade -coa súa vela na zurda-
na procesión da Quinta Angustia.
(nun deses domingos de semana santa en que Compostela detén o tempo e levita).
III
Foi nese mesmo ano, cando empezamos a falar e intimar.
Atopámonos - xa era inverno - na Catedral
Penso que foi naquel intre cando el tamén me descubriu e valorou...
Quizais foi a miña devoción artística pola S.A.M.I. a que lle axudou a percorrer -incansable-, a planta enteira...parándonos na capela do Salvador, diante da imaxe de María Madalena (eran os días, ehem, do Código Davinci) ou buscando, sen éxito, a tumba do insigne Domingos de Andrade, na capela do Descendemento...
A miña fascinación era auténtica : viñeron algúns dos tiraboleiros para avisarnos de que era hora de pechar
(lembrade o horario: de sete da maña, a nove da noite; tódolos días, o ano enteiro, de balde...)
IV
Así que -imaxinade -, cando viña ó Polígono a buscar tubo e pezas inoxidábeis, para facer a fontanería da urbanización de Conxo - por exemplo -, había unha complicidade, un chiscalo ollo ... - non sempre podiamos falar –
(presas, outra xente...).
El preguntábame pola miña afección relixiosa...
Eu dicíalle que de relixiosa nada! Que era histórica e artística!
Logo, inquiríalle sobre a cana de pescar que levaba na furgoneta...
El contábame a ledicia da captura en Esteiro, sen presas, aló polo solpor...
sempre levas algo fresco para a cea!
V
Neses azares misteriosos (que son o noso devir vital), ocorren cousas –sen nós sabelo - que nos levan sempre a maxia que enche o noso espírito.
Pensade: que fai un tipo coma min, lendo a “folla parroquial”, da que sempre abominei?
(Iso lévanos a carreiros inexplorados ; a bendita ledicia dos devoradores compulsivos de letras - organizadas en frases, oracións- /desde pequenos/ ...tebeos, novelas de vaqueiros)
Así que foi iso - a incapacidade de tomar algo, sen ollar o xornal municipal -
E alí estaba , medio escondido nas novas locais...en castelán, of course !
VI
“Vuelven los Potes”.
El mítico grupo compostelano, fundado por Baby, Kike, Jhony, Pichi e Ito, debutó el 31 de diciembre de 1965 en el restaurante Caracas de O Milladoiro.
El conjunto, con una media de edad de 16 años, tenía una decena de canciones en su repertorio y su equipo musical estaba hecho con materiales de segunda mano.
Hoy, aquellos pioneros del pop santiagués, se reúnen en la sala C.
Baby ( .....)
Kike ( ....)
Jhony (.... )
Pichi ( ....)
Ito ( ....)
volverán a recrear aquellas canciones de los 60 que llevaron por toda la provincia de La Coruña, en verbenas, festivales y salas de fiestas como el ChaChaClub, de Santiago, dónde tantas parejas se enamoraron con su música...
VII
Eu fiquei abraiado!
O meu fontaneiro pescador, amén de confrade, tamén era músico!
...e dándome alí, onde máis doía, naqueles anos sesenta, que eu tiña tan mitificados (espiritual e musicalmente!)
....
Rematei o café e, con disimulo, roubei a páxina...que tesouro!
VIII
Xa supoñedes a miña impaciencia diaria, agardando a súa visita na procura de material inoxidable.
Aprendín nomes e datas do evento musical (non quería falarlle cun recorte diante...parecíame moi artificial)
Eu quería potenciar esa confianza e incipiente amizade (ese “feeling” de cousas comúns)
e matinaba nas cancións daquela época, lembrando os grupos pioneiros
-non sei porqué, pensaba que so estaban en Madrid, ou Barcelona – Brincos, Sirex, Miky y los Tonis, Pekenikes....
e custábame asimilar que en Compostela houbese rapaces que fosen músicos “modernos” ...
Se aquí (Galicia) todo eran orquestras!
IX
A música gustábame moito.
Ós catorce anos empecei a traballar de pinche nunha empresa de fontanería (do que, logo, sería o meu sogro).
Había tempo para ir o Conservatorio, xa sabes, nas Casas Reais.
Fixen tres anos.
Todos tiñamos coñecementos.
Sabíamos ler unha partitura!.
Eu penso que aí estivo a chave do éxito...Non o facíamos mal!
(Dígoche éxito, pois realmente estabamos moi solicitados...mesmo tivemos propostas para ir a Alemaña, e tocar- cun contrato garantido- as fins de semana!)
...
Aquí , en Santiago, tocábamos no CHACHA CLUB.
Era unha Sala de Festas que había, onde hoxe é o garaxe da Farmacia Holgueras, en Alfredo Brañas.
Sempre estaba cheo!
Tamén nos chamaban – como nos querían! – da Coruña.
Era o Hotel Club LA HIPICA , onde hoxe está o Hotel Finisterre...
...
Home, claro que foi marabilloso!.
Facíamos o que nos gustaba, e pagábannos!
...
Grazas a Luis - meu cuñado - tiñamos un equipo de música do melloriño: altofalantes, mesa, instrumentos...300.000 pesetas, a pagar sen intereses
- e descontado no primeiro ano! –
....
As cancións eran daquel tempo. Novas.
Cantábamos as versións en castelán que facían os Brincos , Mustang, Sirex, Lone Star, Formula V...
Cando tocábamos en Coroso –Riveira, sempre facíamos bis con “la plage”, - unha francesa lenta, moi coñecida grazas ós Lone Star - aqueles de “Mi calle”, “Lyla”-
As italianas tamén eran habituais: eu aprendín italiano con “ io che non vivro senza di te”...
Dos Creedence sempre saían un par delas: “Proud Mary”, “Wholl stop the rain...
A min , unha das que máis me gustaba era a de “500 millas"- os Mustang: en el tren, que se alejó...."
X
Contábame todo iso, namentras tomábamos algo no Gato Negro, ou no 42.
Eu, abraiado , escoitaba – e inquiría impaciente - todo canto Jhony falaba con naturalidade
( nunca con presunción, nin fachenda ).
Era unha amizade consolidada : tazas , cancións, arte, Compostela, solpores, lembranzas míticas de sitios desaparecidos....
XI
Cando, en abril do 2011, vin a Jhony no nº 15 da lista eleitoral de CR 11 para o Concello de Santiago, non fiquei abraiado....
Músico, fontaneiro, pescador, confrade...
militante?
Siiií!
Jhony é persoa : fillo do seu tempo, home comprometido, coherente, con valores e principios elementais, baseados na propia dignidade
( enténdese, perfectamente, que renunciase a figurar, e gobernar, nos tempos convulsos da crise municipal destre 2014)
Epílogo
Agora -cando imprimo estas notas- Jhony é un avó feliz, que pelexa comigo –de cando en vez- pra que lle dea as pezas inoxidábeis –mínimas -, ábreme as bolsas ho !, para aquela reforma caseira puntual...
e que , marchando con presas, sempre se despide dicindo:
Temos que quedar, e falar....daquela música!
Ningún comentario:
Publicar un comentario