martes, 28 de abril de 2015

O Mouro


Benqueridos amigos:

I

                          Faleivos do meu amigo  Iván?.
É o autor do blogue "A Fraga dos Mouros",
Un dos documentos máis valiosos, sempre en permanente actualización, sobre a nosa  historia galega.
E non esaxero!
(Cando volo conte, concordaredes comigo)

II

Como teño a fortuna de gozar da súa amizade, sei algo- e matino no que non alcanzo- do seu método de traballo:

O rapaz- aínda sen chegar os trinta - estende o atlas de Galicia na mesa, sinala un punto remoto -poñamos Nuveira, Castromao, Melón, por dicir os últimos visitados - e colle a cámara, desprázase, párase, observa, camiña, pregunta –aínda en soidade-, tira fotos....e cando volta, arquiva, dilixentemente, as vivencias da viaxe na súa computadora.

Nestes tempos dixitais, onde todo é instantáneo, efémero, banal ... (Malia as vantaxes e valías da “rede”, escrébese e razóase moito menos que antes ; hai unha rutina egocéntrica, que favorece o autismo social: autorretratos si...valorar aos demais, non !)...o traballo  deste Mouro destaca, xustamente, por  practicar as virtudes contrarias

III

1) Ausencia de preguiza:  Iván  nunca se achanta. Se toma a decisión de viaxar o Courel, en outono, viaxará en outono –chova, neve, ou estean cortadas as pistas –

2) Afán de coñecemento: Coma bo mouro, ten unha teima...os “tesouros” megalíticos e castrexos... Ollade o blogue !. Cantas postas en valor, e mesmo descubrimentos !  -lede outra vez a entrada (11.03.14) do Dolmen de Leira de Rapada, achado de Vilatán.

3) Constancia, disciplina, xenerosidade: Virtudes fundamentais  para agasallarnos –regularmente - con capítulos únicos da historia deste curruncho galego...
(Constancia nos obxectivos –coñecer e e divulgar-; disciplina no traballo técnico –organizar imaxes e textos –; xenerosidade para compartir e difundir, enriquecendo o noso espírito...).

IV

Con estas referencias, imaxinade ó noso Mouro no seu apartamento dos Pelamios:

a) Rodeado de papeis,notas, revistas, libros... (Esas citas literarias, iluminando cada entrada:  Cesáreo Sánchez, María Lado, Anxo Angueira, Luz Pozo... non están na computadora!)
b) Pescudando  no PC, co talento dos autodidactas:
Xa vedes: unha presentación orixinal e atractiva.
As máximas facilidades para “navegar”:  podemos seguilo cronoloxicamente, por entradas, e tamén por categorías, ou temas : xentes, castros, petroglifos, ríos e fervenzas...qué fermoso! 
(e, qué doado  para os que xa temos unha idade!)

V

Así que, prezados amigos, despois de ler esa xoia chamada "Xentes de Compostela" (08.08.14) souben que non debía seguir calado:
Hai ( mozos) galeguistas  desprendidos, bos, e xenerosos...
Este é un deles : chámase Iván Fraga.
É o meu (amigo) historiador, contemporáneo, favorito ...


Antón da Sobreira 


No día de San Bernardo,  2014

1 comentario:

  1. Prezado amigo Antón!

    Que enorme pracer mergullarme neste recuncho verde de longas e garridas reigames e atopar unha entrega tan emocionante para min!! Agradézoche moito as túas verbas e a túa franca amizade. Parabéns tamén por esta bitácora renovada e virxe que nunca deixarei de visitar. A bo seguro que tódolos leitores que se acheguen até estes teus penedos calcarios, até esta fraga túa de grandes e senlleiras árbores, acharán o verdescente leito dos bardos, un encaixe de follas novas baixo do ceo e a rouca voz da máis inconmensurábel sabedoría.

    Saúde e Terra. Apertas botánicas!

    ResponderEliminar