venres, 26 de xaneiro de 2024

Soneto 25


Mentres coido de min e de min falo,
arde o mundo e alguén morre de guerra.
Na forxa da ambición a serpe ferra
para a fame e a peste un gran cabalo.


Ninguén ousa ferilo nin matalo,
ninguén lle couta o trote pola terra,
ninguén lle nega o penso nin lle berra,
ninguén lle pon as rédeas nin un valo.


Mais hai outro corcel que é todo lume
e ten crinas de sol voando ao vento,
ao que chaman amor,e anda buscando


persoas para arder no seu costume,
xentes para queimar no seu alento,
velo aí vén,que xa chega galopando.


(Marica Campo.Pedinche luz prestada.Espiral Maior.A Coruña.2001)
.....
Dedicado ao meu amigo picheleiro –quén nunha illa deserta so precisa
poesía- nacido, tal día como hoxe, naquela década prodixiosa do século vinte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario