(Miña nai,miña naiciña,
como a miña nai ningunha,
que me quentaba a cariña,
co calorciño da súa.
Rosalía )
Seguindo a tradición, o primoxénito –casado na casa- foi pai.
E, como non podía ser menos, chegou un varón.
Había ledicia naquela primavera fértil.
(Ollade o vizoso emparrado, a terra arada e aireada, a impoñente cerdeira fera...)
Don Ramón, o patrucio, aceptou pór a gravata para saír na foto.
Manuela, a súa neta, camiñaba fermosa cara os seus primeiros dezasete anos.
Os tres convidados ferroláns - nótase a súa condición- posan de pé, nun discreto segundo plano: Dona Neves e Don Raimundo - que ase, protexendo, o seu fillo – ollan directos ó “paxariño”, tranquilos e indiferentes.
Leonor e Agustín, sempre xuntos e coa roupa dos domingos, fitan orgullosos.
Leonor sentada nun plano lixeiramente superior.
De seguro que foi involuntario; mais esa posición reflexa o status acadado pola miña madriña, na casa da Rega.
Leonor, miña avoa e madriña, levaba o “goberno”, consentida e autorizada polo seu sogro e polo seu home.
Xa sabedes: “gobernar” consistía en conducir o día a día da Casa;
desde a matanza do porco ou vende-lo becerro, ata celebrar as Festas, pasando polo pago, mensual, das débedas aos prestamistas da Vila.
.........
É así que, aquel día – domingo 20 de maio - Leonor organizou un xantar co gallo do Espírito Santo.
Transcorreran vinte días desde a miña chegada : a súa nora xa podía saír e facer vida normal.
.......
( Matinade: cantos homes eran capaces - naquel tempo - de coller no colo, o seu bebé recen nado ? )
Xesto de amor.
María Felicitas -miña nai - sorrí alegre, moi abrigada
(non vaia a ser que a colla o frío na súa primeira saída o exterior)
O sorriso é tímido, estable, feliz.
Hai unha súa man, escondida, que acariña o lombo do seu esposo, Moncho, como felicitándoo polo seu xesto neneiro.
A outra man esténdese laxa, inerme, indolente, a vista de todos nós.
Fixádevos.
Curiosamente, pola súa estatura, tamén está nunha postura levemente superior ós seus dous acompañantes.
(A marabillosa arte daqueles fotógrafos pioneiros no Eume)
..........
Mamá foi a seiva nova que chegou á Rega desde Figueirido, rachando a endogamia da aldea.
(“sei do que falas”)
.............
Así que, tantos anos despois, vai este agasallo analóxico no mundo dixital....
...Feliz cumpreanos, Matriarca !
Ningún comentario:
Publicar un comentario