Benqueridos lectores:
Tédesme preguntado como xorden os temas dos que falo e de onde tiro a información das árbores.
A cousa é moi sinxela.
Dada a miña idade, dispoño de moito tempo libre que trato de encher (entre outras actividades) percorrendo a cidade, sen maiores pretensións.
Iso foi o que me pasou, un domingo calquera de novembro, cando aparecín no camiño da Ameixaga:
Eu ía medio perdido polo inmenso parque de Belvís (baixei polo calexón das Trompas) observando o efecto outonal nos loureiros, castiñeiros e nogueiras que alí se atopan.
Logo dun emparrado de glicinias (aínda cheas de follas) atopei o Camiño da Ameixaga que desde Quiroga Palacios, lévanos a Avenida de Lugo. Non fun cara o Seminario Menor, senón que baixei cara a Sar.
E alí, a miña esquerda segundo baixaba, atopei os cincuenta xacarandás (“jacarandá mimosifolia”).
Están distribuídos en tres xardíns, correspondentes a catro bloques de vivendas. No primeiro, máis grande, contei trinta e un exemplares. Nos outros dous, hai doce e nove exemplares, respectivamente.
Quedei abraiado, e matinei a quen lle podería atribuír o bo gusto de inzar unha nova urbanización, cunha árbore totalmente exótica, de esplendorosa beleza, pero de difícil adaptación a Galicia...
Sería o arquitecto, autor do proxecto inmobiliario? Serían os presidentes de comunidade, autorizados polos residentes?
Non sei.
A dúbida e o misterio dos cincuenta xacarandás da Ameixaga, aínda fan máis pracenteira a súa contemplación: en Compostela, lonxe do seu habitat natural do continente sudamericano (é nativo do Brasil e do noroeste arxentino).
Son árbores de porte esvelto, follas compostas e opostas, moi semellantes ás dos nosos fieitos e, aínda máis, ás da Acacia de Constantinopla (“albizia julibrissin”) da que podedes ver un par de exemplares, onde comeza a Rúa de San Pedro.
O xacarandá florece na primavera cunhas belísimas flores violeta, que van facendo acios espesos e campaniformes, namentres van aparecendo as follas verdes pouquiño a pouco, para chegar a unha conxunción espectacular en pleno verán: o contraste, nunha árbore tan elegante, desas dúas cores, é pura maxia estética.
A persoa que ideou a súa plantación, coñéceos ben: sabe que non soportan as xeadas nin os fríos galegos, e así orientounos cara o leste, para que o Sol lles dea esa calor que tanto precisan e poidan medrar sen problema ( case todos superan os dous metros).
Se ides pola Ameixaga neste outono, podedes ver como algúns teñen xa o froito: unhas casulas verdes e chatas co bordo ondulado, que se abrirán ó madurar para ceibar as pequenas e abondosas sementes, aló polo febreiro...
E, neses azares misteriosos que ten a escrita, agora reparo na portada da miña guía botánica de cabeceira:
En Compostela, no mes de San Martiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario