domingo, 16 de febreiro de 2020

Beroun... Beroun

Foi o ano pasado, cando descubrín a Beroun.

Sen querer, claro, como ocorre case sempre neses azares misteriosos que, xa sabedes, enchen -de cando en vez- o noso espírito.


Era un domingo de agosto.
A nosa guía favorita preparou unha xornada en Karlstejn.

Matinade: por 70 coroas e 45 minutos nun tren cómodo, limpo e puntual, viaxamos desde Praha, para coñecer un dos grandes castelos da Europa Central: Karlstejn.
Unha marabilla ...todo ! 
Espazos abertos, río, natureza, puro verdor de árbores e vexetación.

(Qué pracer camiñar desde a estación ata ao pobo, por unha estrada xenerosa na súa amplitude, sen tránsito... e chegar a unha vila tranquila e acolledora –tempus est donum– )


Paseo, xantar ditoso no Stodola, e andaina (pouco máis de trescentos metros) ata o  Castelo.
Eu, curioso impenitente, tiraba fotos, feliz!

Ollade:
   a) Un abruñeiro na rocha centenaria (no ano 1348 comezou a construción!) de Karlstejn.
   b) Aló embaixo, a Vila recollida, entrañable.



Xa de volta en Karlín –nesas noites de agosto, repasando a xornada no móbil atopo a Beroun.

Foi así que a vea botánica (tireille a foto a unha hedra poderosa que dominaba unha variada sinalética) agasallou a un camiñante irredento:

A  nosa vieira, símbolo mítico do Camiño de Santiago, está a 13.5 km... En Beroun.





Síntome tan afortunado!!!  


Neste mes de 29 días


mércores, 15 de xaneiro de 2020

Ben - Cho - Shey

(Nado o 29/12/1921)



I
Prólogo

Lembrades o incunable de Pelerinaxes, que tantas satisfaccións nos proporcionou?
Pois ocorre que, coma na parábola bíblica, recibo de volta, cento por un.

O mellor, of course! un agasallo no día de Reis (e sí, sigo sendo un clásico seguidor desa véspera impaciente).

Foi Simón, o meu primeiro afillado, quen profundou (logo de ler Pelerinaxes) na “ figura misteriosa de Ben Cho Shey”... e curioso, inquedo, atopou – nos libros de vello, na costa Moyano – unha (dous exemplares, vaia! ) alfaia:




II
Reis 2019

Aproveitando as facilidades destes tempos virtuais, vai a dedicatoria.


Gárdoa como ouro en pano !!!



III
Nadal 1921

Ben Cho Shey naceu o día 29 de decembro de 1921 en Tistutin (Melilla).

No mes de xullo o noso radiotelegrafista José Ramón y Fernández (Ramón é o primeiro apelido) facía o servizo militar en Madrid, na CR6.

O sábado 23 de xullo, a expedición do  xeneral Silvestre foi masacrada en Annual (“Desastre”, “Rota”, “Catástrofe”).


Nalgún día de agosto, ao noso rapaz -25 anos- dixéronlle que ía a Melilla, á fronte da CR6 (eran dous sarxentos: José Ramón y Fernández e José  Jurado Gámez).
O 12 de setembro saíron de Madrid, camiño de Málaga onde embarcan cara a Melilla.


(“La llegada a Melilla fue sorprendente. Desde el barco veíamos a la gente agitar sus blancos pañuelos,lo que nos emocionó ante la cordial acogida; más luego, al poner pie en tierra,comprobamos que aquello de los pañuelos era para ahuyentar a la infinidad de moscas que invadían el muelle...)

Destinado no posto de mando, o noso radiotelegrafista ourensán vai avanzando na reconquista do perdido en xullo: Zeluán, Monte-Arruit, Tistutin... e alí, un 29 de decembro, naceu Ben Cho Shey.

( ... "Pero el ministro de la Guerra había prohibido a los militares el escribir en los periódicos sobre la campaña. /.../ No había más que una solución: Acudir al seudónimo. Y, sin dudarlo más, se me ocurrió dar apariencia árabe a una frase gallega: BEN CHO SHEY)





IV
Campos Africanos: Terra a nosa!

É unha historia tan fascinante!

Un rapaz – vintecinco anos – moi lonxe, en pleno campo de batalla, crea un pseudónimo  para contar o que pasa... nun xornal ourensá “La Zarpa” (outro fío do que haberá que tirar algún día).

E faino cunha disciplina marabillosa.

A primeira crónica foi publicada o 5 de xaneiro de 1922 (Don Juan, retador).
E así sucesivamente, cunha constancia exemplar, máis de setenta textos moi ben artellados; cunha redacción impecable -vontade de estilo e un pouso galeguista asombroso e conmovedor- .

Lembrade: estamos en 1922.

Agrupadas cronoloxicamente, discorren atractivas, orixinais, potentes, auténticas alfaias literarias -de feitos reais e tremendos– .

-------------------
Carta de un soldado orensano:
(“...Y si alguna vez caemos, nuestro grito será :¡Terra a nosa!”) Un d'a Burga. Tifasor. 2-1-1922

Los esclavos libertos:
( “...al marchar se despidieron de mí emocionados. ¡Hacía tanto tiempo que no hablaban gallego! Yo les abracé y me acordé de sus padres.”). En los campos africanos, el 11 de enero de 1922.

Día de lluvia: 
(“La bruma densa y gris que cierra el horizonte impidiendo ver las enigmáticas y agrestes montañas que tanto nos preocupan,transforma el paisaje por completo...”). En los campos africanos, febrero de 1922.

El carnaval en la Legión:
(“...Los que más gracia tuvieron fueron el portugués y el italiano.(...) Millán Astray le miraba asombrado y yo no podía tenerme de la risa”). Drius. Carnaval de 1922.

Preámbulo: 
(“En la presente semana darán principio las operaciones, a cuyo efecto se reunieron hoy a bordo de un buque de la Escuadra todos los generales con mando en este territorio. Allí,con una suculenta comida y los taponazos del champán decidirán nuestra suerte...”). Piñata del 22, en África.

Un viaje a Melilla: 
(“...La gente se pasea indiferente, frecuenta los espectáculos,las músicas suenan en el parque y nada indica que a unos kilómetros de esta ciudad se vive mal,se combate, se padece y se muere....”). Melilla en marzo del 1922.

Vermouth tango: 
( “¿Quieres acompañarme por un momento?.Te llevaré a un lugar muy pintoresco y único en el globo terráqueo.Está aquí cerca,en esta misma calle.¿Ves aquella marquesina que parece la visera de la gorrade un chulillo?. Allí es...”). Melilla y abril del 22.

Beni-Said :
(“Es la cábila más irreductible,la más guerrera y batalladora de todo el Rif central./.../ No será raro que en las proximas operaciones veamos pelear a nuestro lado a  la harka amiga de Beni-Said.Lo importante para ellos es el combatir, sin que se paren a considerar contra quién lo hacen...”). En el Rif, abril del 22.

Sanjurjo se fue: 
(“...el nombre de Sanjurjo va unido al de los días más gloriosos y sangrientos; decir Sanjurjo es decir Sebt, Atlaten, Gurugú, Taxuda/..../ Su prestigio era grande: los moros le temían y los soldados le seguían con ceguera...”). En el Rif, abril del 22.

Comienza el Protectorado: 
(“...los moros se colocan en una larga fila ante la que pasan los personajes tetuaníes, que van dando la mano a todos los notables; éstos murmuran unas palabras en árabe y se inclinan reverentes para besarles en el hombro izquierdo. /..../ Es de justicia reconocer una diferencia entre estos notables y nuestros caciques, si bien a favor de aquellos: ¡Ya quisieran  muchos de los caciques gallegos tener la prestancia de Abd-el-Kader o el tipo venerable de Misian el Bueno !”). En Melilla, septiembre del 22.

-------------------


V
Epílogo

Rematamos de ler ás Crónicas... e o libro segue a atraparnos!

I)   Hai dez capítulos dun diario, Ecos del cautiverio, que un prisioneiro (na rota de Annual) lle fixo chegar ao noso  soldado auriense.
É o relato dun encerro arrepiante: desde a clásica corrupción española no reparto de víveres, ata a profanación de cadáveres, pasando pola tortura en Dar-Drius.

II)  Hai un apéndice espléndido,con algunhas valoracións (en tempo real, que diríamos hoxe) das Crónicas de Ben Cho Shey:
  • Nota da dirección de La Zarpa (co gran Basilio Álvarez).
  • Texto de Manuel Lustres Rivas: “La santa voz de la tierra”.
  • Texto de Vicente Risco : “Cousas”.




Grande pracer compartir,

Polo San Amaro do 2020




mércores, 1 de xaneiro de 2020

Ruth Matilda Anderson



(“...en cambio Ruth preocúpase por coñecer ben o castelán e mesmo o galego,para comunicarse, para comungar con Galicia” 





 Agora que tan de moda están as conmemoracións e os fastos, para celebrar calquera evento (escusas habituais para potenciar o negocio turístico de cidades e países) pídovos que fagades unha pequena viaxe, coa vosa imaxinación, no tempo.
Hai que voltar noventa e catro anos  atrás.
Retroceder ata o chuvioso dia de San Silvestre do 1925.




 Son as sete da tarde en Compostela.

 Accedemos a Quintana, pola rúa da Conga.

 Nada máis entrar, paramos.

 Fronte a nós, na Porta Santa, algúns operarios afánanse en colocar as lámpadas de cores que adornarán, todo o Ano Santo que está a piques de principiar, aquelas paredes centenarias.

 Hai tres escadas, restos de terra e pedras...nótanse as obras.

 A nosa fotógrafa, non dubida.

 Fala con axudantes e colaboradores. 


 Organiza encadres, ángulos, detalles técnicos...

 Preme na botoeira  e outra instantánea - imperecedoira -, queda apreixada no carrete.

 Case cinco mil fotografías , neses tres anos de viaxe por Galicia, que garda e arquiva cunha meticulosidade exemplar – e que hoxe tanto lle agradecemos.

 Porque esta  muller (que cumpre os trinta e dous) anda por Galicia desde o ano pasado.

 Ven desde Estados Unidos.

 Traballa para a Hispanic Society of America.

 E percorre o noso país, paseniñamente, de vagar, falando, lendo e traducindo a nosa lingua (é políglota!) preguntando, retratando e gardando -para sempre- a dignidade das nosas xentes...


 Mollada, pero satisfeita co traballo, a nosa dona vai camiño do hotel.

 Xa matina na feira de mañá, en San Fiz de Solovio.

 A praza ferverá, chea de xente, no primeiro día do Ano Santo de 1926.

.....
 Boas noites e moitas grazas,benquerida  Ruth Matilda Anderson!




En  Compostela, Nadal do 2019




xoves, 21 de novembro de 2019

Cincuenta xacarandás


Benqueridos lectores:


 Tédesme preguntado como xorden os temas dos que falo e de onde tiro a información das árbores.

 A cousa é moi sinxela.

 Dada a miña idade, dispoño de moito tempo libre que trato de encher (entre outras actividades) percorrendo a cidade, sen maiores pretensións.

 Iso foi o que me pasou, un domingo calquera de novembro, cando aparecín no camiño da Ameixaga:

 Eu ía medio perdido polo inmenso parque de Belvís (baixei polo calexón das Trompas)  observando o efecto outonal nos loureiros, castiñeiros e nogueiras que alí se atopan.

 Logo dun emparrado de glicinias (aínda cheas de follas) atopei o Camiño da Ameixaga  que desde Quiroga Palacios, lévanos a Avenida de Lugo. Non fun cara o Seminario Menor, senón que baixei cara a Sar.

 E alí, a miña esquerda segundo baixaba, atopei os cincuenta xacarandás (“jacarandá mimosifolia”).

 Están distribuídos en tres xardíns, correspondentes a catro bloques de vivendas. No primeiro, máis grande, contei trinta e un exemplares. Nos outros dous, hai doce e nove exemplares, respectivamente.

 Quedei abraiado, e matinei a quen lle podería atribuír o bo gusto de inzar unha nova urbanización, cunha árbore totalmente exótica, de esplendorosa beleza, pero de difícil adaptación a Galicia...

 Sería o arquitecto, autor do proxecto inmobiliario? Serían os presidentes de comunidade, autorizados polos residentes?
         Non sei. 

 A dúbida e o misterio dos cincuenta xacarandás da Ameixaga, aínda fan máis pracenteira a súa contemplación: en Compostela, lonxe do seu habitat natural do continente sudamericano (é nativo do Brasil   e do noroeste arxentino).

 Son árbores de porte esvelto, follas compostas e opostas, moi semellantes ás dos nosos fieitos e, aínda máis, ás da Acacia de Constantinopla (“albizia julibrissin”) da que podedes ver un par de  exemplares, onde comeza a Rúa de San Pedro.

 O xacarandá florece na primavera cunhas belísimas flores violeta, que van facendo acios espesos e campaniformes, namentres van aparecendo as follas verdes pouquiño a pouco, para chegar a unha conxunción espectacular en pleno verán: o contraste, nunha árbore tan elegante, desas dúas cores, é pura maxia estética.

 A persoa que ideou a súa plantación, coñéceos ben: sabe que non soportan as xeadas nin os fríos galegos, e así orientounos cara o leste, para que o Sol lles dea esa calor que tanto precisan e poidan medrar sen problema ( case todos superan os dous metros).

 Se ides pola Ameixaga neste outono, podedes ver como algúns teñen xa o froito: unhas casulas verdes e chatas co bordo ondulado, que se abrirán ó madurar para ceibar as pequenas e abondosas sementes, aló polo febreiro...

 E, neses azares misteriosos que ten a escrita, agora reparo na portada da miña guía botánica de cabeceira:




      En Compostela, no mes de San Martiño.


sábado, 26 de outubro de 2019

O Algoritmo


Como lle quero!!

Eu, rutineiro tauro, chego e procuro na arañeira esas miñas músicas, das que tanto gosto.
Sabedes desas cancións, polos meus correos.

A “rede”, musicalmente –para min – é youtube.com .

E aí está o Algoritmo!

Ocorreu nestes derradeiros días de outubro.

Escoitando a Neil Young (con David Crosby, Stephen Stills, Graham Nash)
... o Algoritmo levoume a Kate Wolf

Emocionante!!!
Dúas mulleres, dúas guitarras, nos oitenta...
totalmente descoñecidas para min.
( e xa, tan valiosas ! )

E, sí, estou na procura de Nina Gerber, esa multi/instrumentista (guitarra, mandolina, harmónica...)
discreta e imprescindible, que lle da pouso,conmovedor, a fermosísima Redtail Hawks.



No outono do 2019


luns, 30 de setembro de 2019

Vou de camiño !

Miñas donas, meus señores:

Hoxe vou camiñar cara a Compostela, polo Camiño de Inverno.

Cando recibín o convite dos Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela  anoteime ipso facto! 

Coa súa autorización, of course, vai  o  decálogo de razóns que me engaiolaron  para camiñar desde Ponferrada ata Compostela.


( Gostei moito da número V. Galicia. Non sabía dese cumio.... ten que ser unha marabilla ! )


As dez razóns para camiñar a Compostela, polo Camiño de Inverno: 


I.-  Os Ríos. Omnipresentes. O Camiño de Inverno a Compostela é o único que vai acompañado polos tres grandes ríos galaicos: O maxestoso Sil, o vello pai Miño, o impoñente Ulla.... cuns secundarios de luxo:  Lor, Cabe,Toxa, Deza...

II.- A Paisaxe. Única. Nunha beleza chea de contrastes. Desde as louseiras de Valdeorras, ata os socalcos da Ribeira Sacra, pasando por soutos, nogueirais, cortiñas, erbedeiros... asombrosos. E, no Saviñao, o Cabo do mundo!

III.- Os Romanos. Non só  As Médulas –valioso patrimonio da humanidade -. Tamén Montefurado –incrible traballo de enxeñería na procura do ouro –. Ou a Calzada pola que baixamos,nunha fraga acolledora, ata Belesar.

IV.- A riqueza  etnográfica. Por exemplo : no Camiño de Inverno hai unha abondosa presenza dos Petos de ánimas. Tesouros  de pedra en camiños, adros e prazas, que nos sorprenden, asombran, conmoven.

V.- Galicia. Toda a terra é nosa. Nunha ollada. No Camiño de Inverno está o único cumio desde o cal ollamos as catro provincias. Mesmo co ceo  anubrado. Éxtase!

VI.- Vilas (A Galicia interior ). É outro mundo. Tan acolledor. Próximo. Xeneroso.  Grande pracer chegar a Quiroga,  Monforte, Chantada, Rodeiro...
e mesmo, impagable. Entrar na Pobra de Brollón, cruzando o Rubín –que non ten ponte-!

VII.- Románico. Exuberante. Desde os mosteiros escondidos na maleza dos outeiros, ata ás máis humildes igrexas... San Lourenzo de Fión, San Paio de Diomondi...

VIII.- Xentes. De Ponferrada a Compostela, en cada etapa sempre haberá unha persoa, unha conversa, unha historia: A aceiteira de Bendilló, a taberneira de Penasillás, o piñeiro da Pobra- esa revolta  dos Guímaros -!

IX.-  Esforzo. Non hai. Convertemos ás nove etapas oficiais, en trece levadeiras andainas. Só teremos que  madrugar nas dúas primeiras etapas. Saímos ás 8 de Compostela. Levamos comida, por se acaso. ( Axuntamos calendario  -últimos sábados de cada mes -)

X.- Síndrome de Stendhal. Abraiados pola sorpresa da descuberta e o pracer do vivido... Iso será o que nos pase, de volta en Compostela, rematado o Camiño de Inverno.
Paga a pena !


Xa vos contarei, 

Setembro 2019




martes, 9 de xullo de 2019

O misterio de Milladoiro


...o (noso) mítico grupo.

Mitómano irredento como son, hai  un ano fun correndo a Trisquel Artesanía -Acibechería ,31 -Santiago, para mercar, e asinar, o último disco de Milladoiro:
Atlántico.

Emocionado como estaba, apenas reparei nas tres persoas que asinaban no mostrador
( non hai moito espazo )

Nando Casal, Xosé Vicente Ferreirós...

...e Antón Seoane ??

Non !

Era Moncho García. Fundador, con Casal e Ferreirós, de Faíscas do Xiabre -núcleo orixinal de Milladoiro -

( Ollade as sinaturas : seguro que sodes quén de identificar a cada un deles )





......................


Cando cheguei na casa fun, de contado, a computadora...todo está nas "redes"! 
 atopei a páxina  de Milladoiro...


...máis ningunha reprodución do disco en Youtube.

Pescudando  na web -elemental e sinxela- apareceu a ligazón a Spotify -de balde- onde podemos escoitar ás 12 (doce) cancións dun disco moi acaído, no que  destacan, emocionantes, conmovedoras.....



............


Será por eses teclados harmoniosos,  eses violíns melancólicos, esa gaita irlandesa potente e cercana, ese acordeón discreto....

O caso é  que, corenta anos despois, Milladoiro seguen en plena forma.

Un marabilloso misterio !


En Compostela, nas vésperas do san Cristovo...


...Saúde e música!