domingo, 13 de decembro de 2020

Camiñar pode cambiar a vida

“É a única persoa coa que se pode falar -(W.H.)- sobre o aspecto
sacramental do paseo. Os dous compartimos a idea de que é non só
terapéutico, senón tamén unha actividade poética que pode curar ó
mundo dos seus males...”
 
(Bruce Chatwin. Que fago eu aquí?.1991)





Lembrades como chegamos, no seu día, a Santo André de Teixido?

Foi grazas ao libro de Santiago Lamas e Alfonso Mato.

Un profundo e ameno ensaio sobre o andar, que compre ter sempre canda nós pois alimenta, axuda, informa... e resolve.

É atemporal.

(Se o vedes agora, está como imaxinades: subliñados, marca páxinas, notas ao pé...)

A cita que encabeza a bitácora de hoxe está na páx.104.

................

Werner Herzog forma parte da miña educación sentimental, polas súas películas (protagonizadas, case sempre, polo admirable Klaus Kinski: eu seguía máis -daquela- ós actores e actrices que ós directores)

Así que cando lin no xornal a reportaxe sobre a estrea dun documental que recrea a camiñada de Herzog, desde Múnic a París, en novembro do 1974, fiquei abraiado e volvín ao meu libro de cabeceira (páx.103)

“Cando lle avisaron que Lotte Eisner estaba moi enferma e temía pola súa vida, meteu nunha mochila as mínimas cousas precisas para a viaxe e, cun tempo duro de invernía, fixo a pé en vinte e seis días o camiño ata a capital francesa,durmindo en cortellos, pousadas ou casas de descoñecidos...”

.......

A fascinación vital, no século XXI, é esa.

Un rapaz, Pablo Maqueda, descobre un tesouro (ocorrido hai corenta e seis anos !) e fai un filme extraordinario... 

...coa portentosa voz do xenio -hoxe, sabemos do seu talento creativo máis aló de dirixir películas- como fío condutor.

......

E, sí, xa ando a procurar ese libro : VOM GEHEN IM EIS (Do camiñar sobre o xeo)

Paga a pena !

P.S. “... Lotte morreu unha década despois,aos 90 anos(...)

sentíase apreixada polo feitizo en que a andaina de Herzog a envolvera,que non lle permitía morrer malia a estar cansa da vida. Pediulle a Werner que tirase o feitizo para poder morrer,e dúas semanas despois de que Herzog estivese de acordo en retiralo, faleceu...”

( páx.103)


Por santa Lucía: cando mingua a noite e medra o día.
Compostela, 2020.




xoves, 26 de novembro de 2020

TURIBULUM MAGNUM

(“Fálase de péndulo simple cando o obxecto que colga é pequeno
en comparanza coa distancia ao punto de suspensión” 
 -A singular física do Botafumeiro-
 Juan R. Sanmartín
Universidade Politécnica de Madrid)




I
Introito


Cando souben que pechaba a Catedral fun correndo a tirar un par de fotos no seu interior.

Quería ilustrar unha publicación moitas veces adiada, e que -coa peste que nos invade- agora sí, ten a súa razón de ser.

Todo comezou -para min- no pasado século. Non había arañeira, nin redes sociais, nin novas tecnoloxías. Estaban os libros... e mesmo aquelas clásicas guías de Everest, alimento de turistas e viaxeiros. Información e detalles básicos para viaxar e coñecer lugares e monumentos.



II
Curiosidade

A fortuna de vivir en Compostela foi decisiva para visitar, pescudar e comprobar, in situ, o que dicían os libros.

A Catedral abre ás 7.30  e pecha ás 20.30. É unha Igrexa dedicada ao culto, polo que ten horarios de misas e actos litúrxicos... coas portas abertas.

( Non, non hai que pagar entrada)

Así que alí  me tendes -si, houbo algún día que madruguei para entrar cediño: impagable!- esculcando polo deambulatorio, parándome no cruceiro ... e saíndo pola porta da Acibechería.



III
Achado

O achado foi -coma sempre- casual, complementario e indescritible.

Ollade: hai dous grande nomes que aparecen -con razón- nas guías de Compostela: O  Mestre Mateo e Domingos de Andrade.

O Pórtico da Gloria, A “Catedral Vella”, A Berenguela, O Baldaquino... son fitos únicos na arquitectura compostelá, que conforman e danlle xeito á nosa Catedral

(Non prometo nada, máis tentarei facer cadansúa publicación...paga a pena !)

Ocorre que, lendo a letra pequena, sempre atopaba un terceiro nome que, curiosamente, traballa no período renacentista da Catedral de Santiago...

Púlpitos no cruceiro da nave central ?
Sepulcro de dona Mencía de Andrade?
Mecanismo do Botafumeiro ?


IV
JOANES BAUTISTA CELMA

"Joannes Bautista Celma aragonensis pictor, anno Domini MDLXXXIII Compostellae faciebat"


Esta é a súa sinatura, no alicerce do púlpito do Evanxeo.
Parádevos e ollade.
Non hai presa.

Moldeados en bronce -un material escaso e difícil de traballar- uns atlantes  soportan todo o peso da liturxia católica... con elegancia.
...........

Na capela da Azucena atopamos o sepulcro de dona Mencía de Andrade.
Fascinante.
Dona Mencía, deitada,durme coa cabeza reclinada nos coxíns.
O cadelo, vixiante, agarda que esperte a súa dona.
Puro granito, tallado, feito obra de arte intemporal.
...........

Catro anos antes de morrer (1608) púxose co mecanismo do Botafumeiro... que segue ata hoxe!

 “Xa con anterioridade o incensario atopábase bastante deteriorado,ata o punto de que, nun texto capitular de  1602 considerábanse os dispositivos para o seu movemento (polea,argola...)como antigualla .
Entón encárgase a Juan Bautista Celma a restauración do sistema de suspensión, e idea un enxeño a base de poleas que mellora a oscilación.
Tal procedemento  é o que segue vixente nos nosos días”
(1.-  páx.31)


V
Remate

Un ano despois da aparición do libro sobre o Botafumeiro, publícase o Catálogo do Museo da Catedral, que recomendo vivamente.

E fico abraiado (2.-  páx. 88 ).

“De orixe aragonesa, adoitaba definirse como un pintor que funde metais“


Hai un óleo no Museo -unha parte mínima das cinco pezas orixinais-coa súa mostra pictórica: A Resurrección e Adoración do Reis Magos.

Esa grandiosa intelixencia renacentista, que abrangue ás artes e oficios máis notábeis.



VI
Hoxe

E cando saio, obrigado polas obras, cara a Acibechería, tírolle a derradeira foto ó Prior Xoán Vidal que durme eternamente, mentres a cadela agarda e vixía.




No undécimo mes, desde O Confín (dos verdes castros)



(1)  O BOTAFUMEIRO. Estudos e evocacións. Consello da Cultura Galega. Hércules Edicións. A Coruña. 2010 

(2)  MUSEO CATEDRAL DE SANTIAGO. Consorcio de Santiago. Gráficas Garabal. Santiago. 2011



domingo, 20 de setembro de 2020

Oblivion

 

I
Minsk


Andaba eu nestes días pasados, ollando a fermosa historia de Victoria Azarenka -tenista bielorrusa que foi nai no 2016, e catro anos despois chega á final do US Opencando Youtube.com, ejem, díxome… “Tal  vez coñezas á Orquestra de Cámara de Minsk, e aparecía a ligazón dun concerto, co título de Oblivion.



II
Cine

Souben da película Oblivion no 2016. Era un filme  de ciencia ficción -eu gosto- máis non a citei, por sobredose de Tom Cruise, ejem... (Minority Report envellece moi ben!)



III
Piazzolla

Así que, neste 2020, fiquei abraiado. Marabilloso descubrimento. O mestre Astor Piazzolla é autor dunha peza musical imperecedoira: Oblivion!


IV
Arañeira

E sí, hai un fan -xa somos dous!- na arañeira: Play with passion que, infinitum patientia, publica  un tesouro  de quince versións de Oblivion...
...bandoneón, acordeón, violín, vogal, tango, óboe, frauta, harmónica, violoncello, etc. máis de sesenta minutos musicais que, de tan amenos e distintos, fánsenos curtos!
Ollade: na descrición podemos premer en cadansúa das ligazóns -mostrar máis-. 


V
Cumpreanos (austral)

Non é fascinante que, tantos anos despois, eu saiba dun mítico  Oblivion -musical- neste mes fronteirizo (setentrional/austral) coas estacións?

Así que, miña curmá porteña, aquí vai o meu agasallo virtual.

Feliz cumpreanos, Marité !


Setembro. 20 do 2020

luns, 24 de agosto de 2020

Morte biolóxica


I
Pleonasmo


O venres 14 de agosto, deste ano da peste, finou miña madriña: A Sobreira de Balboa.

Coa rutineira linguaxe -fría, torpe, confusa- típica da burocracia máis deprimente, a Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Patrimonio Natural) publica no DOG  nº163:

“Resolución pola que se fai pública a descatalogación de varios elementos do Catálogo galego de árbores senlleiras” ....

Código: 93A. Nome da árbore: Sobreira de Balboa. Especie: Quercus suber L. Localidade: Arnois (San Xiao). Concello: A Estrada. Provincia: Pontevedra. Coordenadas X/Y (UTM ETRS89 fuso 29): 549173/4.734.058. Motivo da descatalogación: morte biolóxica.

.....


II
Biografía

Na páxina 653 do excepcional “ÁRBOLES MONUMENTALES en el patrimonio cultural de Galicia” (1) os profesores Rodríguez Dacal e Izco Sevillano, cóntannos (nº 293):

“En el valle del Riobóo, tributario del Ulla, se localiza el alcornoque de mayor dendrometría y edad del país gallego, en una finca otrora de la Casa de los Hórreos, blasonada, sita frente al árbol, pero que hoy ya no pertenece a ella.

......

Afectado por su acreditada antigüedad y otras causas no naturales...( )...

el descomunal fuste del ejemplar es la parte donde mejor se aprecia el deterioro, con una enorme oquedad, a modo de amplia puerta de entrada, que se prolonga por los brazos que salen de la horcadura.

Brazos que sustentan una copa bien proporcionada, de gran vistosidad y hermosura.

De todos los alcornoques conocidos, ocupa indiscutiblemente el primer lugar, ya que, a la dendrometría y edad, hay que añadirle un capítulo histórico y tradicional que arropan su precio y valía.

La edad es incalculable.

La observación de la arquitectura individual, sobre todo de la circunferencia troncal, permite estimar su antigüedad en torno a los 500 años, cifra que pudiese llegar a ser mayor, sin alcanzar la condición milenaria”

.....


III
Aflicción

Sit tibi terra levis, miña corticeira favorita!


Nas vésperas de santa Mónica. 2020.



Documentación:

(1) ÁRBOLES MONUMENTALES en el Patrimonio Cultural de Galicia.

Carlos Rodríguez Dacal. Jesús Izco Sevillano.Consellería de Cultura,Comunicación Social e Turismo. Edita: Eurográficas de Santa Comba. Xunta de Galicia. 2003


luns, 3 de agosto de 2020

Nun serán de Santiago


...florearon os xacarandás de Compostela!!!

É moita a súa beleza.
Grazas as novas tecnoloxías -gozade das fotos tiradas polo meu terceiro afillado- puiden desfrutar dun serán memorable, no Camiño da Ameixaga.
 
Esvelteza: Ollade este exemplar: toro limpo, copa redondeada e flores cara ao ceo... Alfaia!
 
Na procura da luz: Tódalas árbores buscan os raios do sol. Velaí!
 
Gaiás ao fondo: E -na fronte- xa aparecen, tan cedo!, as casulas dos froitos futuros... Fascinante natureza!

Acios: A beleza está nesa minuciosidade do primeiro plano... Campás violetas?

Serán: O afillado captou, na hora precisa, tódolos matices cromáticos da contorna... “Sombras do ar na herba” !


Dedicado a miña familia -e amigos- da Quinta Provincia,

No día de santa Lidia!


venres, 31 de xullo de 2020

As cegoñas de Reigada


A primeira vez que vin as cegoñas foi o 15 de agosto de 2002. Lémbrome ben, pois foi na Alameda de Cervantes, a emblemática La Dehesacomo lle chaman os sorianos ao seu Parque.

No máis alto do campanario da ermida (logo souben que era a Nosa Señora da Soedade) alí estaba o niño, coa súa parella de propietarios!

Foi outro lóstrego máis, que iluminou unha viaxe iniciática ás terras de don Antonio Machado.

Aquelas lendas escoitadas, deitadas no pouso de contos, relatos ou refráns... alí estaban, presentes, reais.

Dous exemplares grandes, elegantes, fermosos, tranquilos... acostumados ós humanos que paseabamos contentos e curiosos (teño fotos coa vella Kodak, ejem).

Emocionante!


Imaxinade, entón, cantas lembranzas xorden de súpeto, camiñando cara a Monforte e atopar ducias! de cegoñas alimentándose, tranquilamente, nunha chaira de Reigada.

Dezaoito anos despois, e coas vantaxes das “redes” dixitais... (ollade a Wikipedia sobre a fascinante vida das Cegoñas)

...qué pequenos somos!


Rematando xullo, neste ano da peste.




post scriptum: Neses azares, xa clásicos, ejem, desta bitácora...
A piques de publicar atopo, hoxe, unha chamada á xente, para censar as cegoñas que invernan na península.
(Cambio climático, of course! )



sábado, 30 de maio de 2020

Camiño de Inverno a Compostela

Dedicado a JOB

Ilustrado xeneroso que, sabendo moito, mantén viva a súa curiosidade primixenia

O meu camiño botánico


I.- Nosa Señora da Aciñeira... e un par de arbustos fascinantes !


Comezamos  a primeira etapa coa aciñeira (Quercus  ilex) como grande protagonista.
A patroa do Bierzo (capital Ponferrada) é a Virxe da Aciñeira. Unha fermosa talla do século XVI preside ao Retablo Maior da Basílica. Festexan o oito de setembro (Natividade da Virxe María).
E, tamén, hai silveiras cheas de abruñeiros (Prunus spinosa). En Navarra, cos froitos (“endrinas”) fan o patcharán.
Camiño das Médulas, os érbedos (Arbutus unedo) agasállannos coa súas follas perennemente verdes e -camiñando no outono- cos seus saborosos froitos.  Único


II.- Xaras, xestas... e tomiño !!


Foi unha agradable sorpresa andar cara á Ponte de Domingo Flórez (O Concello da Comunidade de Castela León coa cota máis baixa: 376 m. sobre o nivel do mar) rodeados de Xaras (Cistus ladaniferus), Xestas (Cytisus scoparius) e Tomiños (Thymus vulgaris). Todo un descubrimento.


III.- Figueiras, nogueiras... e oliveiras !!


Xa en Galicia, camiñar á beira do vello pai Sil, unha alfaia. Atopamos ás figueiras (Ficus carica), mesmo ás nogueiras (Juglans regia) e ás oliveiras (Olea europaea) de Quiroga. Todas  coas follas verdes –e si, tres verdes diferentes-.  Incrible


IV.- Piñeirais na capela dos Remedios... e os ameneiros do Lor !!


Deixamos Quiroga aínda coa presenza, a veces intuída, do noso  vello pai  Sil.
Sempre subindo, atopamos a  fermosa -na súa humildade- capela dos Remedios... rodeada de centos de vizosos piñeiros (Pinus radiata).
E, cando baixamos cara á Barxa do Lor, facémolo acompañados dun clásico das ribeiras galegas: o ameneiro  (Alnus glutinosa ).  Impagable


V.- Carballos e castiñeiros: alimento... e batuxos !!


No corazón da Ribeira Sacra atopamos o mítico Cabo do Mundo. Agora é o impoñente Miño quen nos acompaña. Camiñamos felices por soutos e carballeiras.
O castiñeiro (Castanea sativa) e o carballo (Quercus robur) conviven nunha harmonía milenaria, facilitando alimento (castañas, landras) e madeira: desde os batuxos da comarca, ata o baldaquino da Catedral.  Máxico


VI.- Toxos... e pan de Río (toda Galicia é nosa !!)


Penasillás é a aldea máis acolledora do mundo. Xa vos contarei. Alí, cos petos de ánimas convive  unha fermosa planta rubideira: a glicinia (Wisteria sinensis).
O camiño lévanos polo monte Faro... paga a pena. No seu cume -afortunados- ollamos ás catro provincias.
( Toda Galicia é nosa !! )
Camiño de Rodeiro, co toxo (Ulex europaeus) sempre canda nós, paramos en Río. Un pan excepcional. Dou fe.


VII.- As sobreiras do Deza -Ponte Taboada- Ponte Ulla/Gundián !!


Efectivamente, a xoia da comarca do Deza é a miña madriña (Quercus suber). Ollade Gundián, na Ponte Ulla... único !! 
(por certo, o Camiño lévanos pola Ponte Taboada unha maxestosa obra de arte sobre o Deza).


VIII.- Os xardíns do Ulla: O Pazo de Ortigueira


E si, hai que  demorarse no Pazo de Ortigueira en Santa Cruz de Rivadulla (a cen metros do Camiño de Inverno !!).
Toda a botánica do mundo, aquí está representada. Eu sigo abraiado co longo paseo das oliveiras centenarias... e co  fascinante exotismo do Ombú (Phytolacca dioica).


IX.- Epílogo: A viticultura heroica


Muito me encantou seu e-mail. Estive na Ribeira Sacra com minha prima Nuria e outras companheiras dela. Esta prima vive em Ourense e fizemos a rota do vinho. Fomos de carro, descendo as montanhas, era julho e faziam 40 graus de temperatura, um dia extremamente quente para o que conheço de Espanha.

Comemos em uma casinã que era usada pelos que trabalhavam para fazer o vinho (conhecidos de uma das companheiras) e pude ver onde era guardado o vinho. Levamos muita comida, para fazer como se diz em Brasil um pequenique (passeio onde se leva comida), vocês fazem isso bem melhor do que nós. Vimos muitas videiras e fiquei impressionada por saber como o vinho descia daquelas montanhas, em grandes tonéis, mas tinham uma grande estrutura para realizar o trabalho, ainda que artesanal, ficou claro para mim que o vinho tem que custar mais caro...:)) esta maravilha. Também deixamos o carro e pegamos o barco (pelas fotos, não sei se de você ou de Miguel, o sitio é o mesmo). Percorremos grande parte do Río, o passeio foi maravilhoso.
Também fiquei sabendo que o vinho que é mandado para fora de Espanha não é o mesmo que tomam ali, pois algum conservante tem que ser posto, por isso quando paramos bebemos um pouquinho :))) em um sitio muito simpático que paramos para beber água...também, of course...
Não sei se conto tudo, mas adoro o seu país, tudo nele me lembra minha Mama, como quería que estivesse comigo....e pudéssemos passear por tanto sitios...

"Nas margens soalheiras, os vinhedos descem em socalcos até perto do río enquanto uma vegetação de carvalhos, castanheiros e bétulas complementa desde a outra margem a riqueza cromática do panorama; a particularidade e dificuldade desta orografía permitem que na Ribeira Sacra se fale de Viticultura Heroica."

Um abraço moi cúmplice
Marisol


No derradeiro sábado de maio:
San Fernando 2020


martes, 28 de abril de 2020

Unha lendaria viaxe


Onte, os amigos de GCiencia ( Xornalismo + Divulgación) publicaron o documental máis fermoso que vin no que vai de século!

E non, non esaxero.

Preso sempre desta miña subxectividade, van as dúas razóns que xustifican tan contundente afirmación.


Primeira:
Eses azares misteriosos que confortan o espírito. Xa sabedes que é unha vella teima desta bitácora. Ese alimento espiritual feito de descubrimentos, achados, sorpresas...

Emocióname ler e ollar o nome da admirable Ruth Matilda Anderson... que foi a miña primeira publicación, deste bisesto 2020!


Segunda:
O impresionante traballo da Asociación Cultural Dous Punto Oito autores dunha alfaia transcendental:  A Viaxe de Ruth
Son 53 minutos marabillosos.



Xosé Reigosa -encántame a súa devoción por Ruth e a tranquilidade coa que fala con todos (mesmo con nós)-  percorre  Galicia, hoxe, procurando as pegadas dunha viaxe  lendaria (1924-1926).

E conversa coa xente que sabe e coñece daquela vida, mesmo descendentes dos protagonistas das fotos  (Por exemplo, o entrañable Aparicio Añón Caamaño, oleiro de Buño. Minuto 33)


O engado, fascinante, é a técnica cinematográfica.
Recrean episodios e fotos... nun branco e negro engaiolante.
   - Esa conmovedora despedida na aldea: minuto  19.
  - A historia de Ramón Caamaño, o noso grande fotógrafo da Costa da Morte, que –con 16 anos– preséntase a Ruth! (Minuto 10)

A maxia comeza na chegada a Vigo  (17-08-24). 


Alí descubrimos a don Alfredo Anderson. O pai.
Escribe un diario que, nunha fascinante recreación, dálle pulo á epopea da súa filla.
(Ao fío do relato: no hotel Suizo –lembrades ?, minuto 16, revelando fotos).


Todo é perfecto nese Documento excepcional:
-A gradación ascendente do guión (sabia mestura do  presente e do pasado, viaxando no tempo)
-A realización técnica (cunha coherencia extraordinaria: emoción contida cando aparecen (minuto 38) os traxes galegos... en cor !  (Lembrade, estamos en 1925)
-A colaboración, coidadosa e con xeito, dos expertos –amenos que explican a valía e importancia desa viaxe ( Manuel Sendón, M.A.Seixas, Pegerto Saavedra... )
-A música, orixinal e  acaída, de Arturo Vaquero.


E, sí, esa íntima complicidade de saber que, case cen anos despois, valoramos e reivindicamos o compromiso de Ruth Matilda Anderson.
(Ollade as fotos novamente: vistas hoxe, son unha homenaxe ao traballo das nosas devanceiras)



Desfrutade.
Paga a pena !

 Rematando abril, neste bisesto raro e ruín



sábado, 7 de marzo de 2020

Un batuxo en Compostela

(Memoria é saber canto podemos perder)

O máis engaiolante da Exposición Camiño de Inverno de Ponferrada a Compostela é o mapa/plano onde, nun extraordinario deseño, atopamos o itinerario do Camiño inzado de xentes, lugares, patrimonio...

Cunha sinalética minuciosa e atractiva (a intemporal beleza das liñas rectas, que nunca se mesturan) o Mapa adiántanos o que logo desfrutaremos no percorrido demorado, pausado e mesmo extasiado: anfitrións, heroínas, lugares-patrimonio, paisaxes...


Gardamos o tríptico, tan acaído, e comezamos a andaina.

1) Demorada: 
Cada foto é un documento único. Apreixar un instante para a posteridade non é doado (ou si?). Unha escolma moi  moi curta, para espertar a vosa curiosidade:
Francisco do Romualdo toca a zanfona, concentrado e inspirado. 
Antonio Vázquez é un feliz gardián  da Capela Sixtina Galega (Santa María de Nogueira).
E, no Saviñao, a elegante e clásica fermosura  da muller galega: Daniela Vázquez e Susana García.

2) Pausada: 
Nas paisaxes. Cabo do Mundo: palabras maiores! Ollade ese meandro mítico do vello pai Miño... Ou Belesar no outono (foto oficial do cartaz, como non !).

3) Éxtase:
No remate, presidindo a exposición etnográfica (complemento ideal da fotográfica) atopo ese fermoso e vello batuxo irmán, sen eu sabelo ata velo, da miña  gamela familiar no  Eume!


A Exposición está no hotel Puerta del Camino (moi cómodo, entrando en Santiago xusto na primeira saída da Autoestrada)
Logo marcha para Monforte.
E, posteriormente, no corazón de Compostela (La Galiciana) rematará cunha versión máis reducida.


Paga a pena !
Agardando pola  primavera

Marzo 2020



domingo, 16 de febreiro de 2020

Beroun... Beroun

Foi o ano pasado, cando descubrín a Beroun.

Sen querer, claro, como ocorre case sempre neses azares misteriosos que, xa sabedes, enchen -de cando en vez- o noso espírito.


Era un domingo de agosto.
A nosa guía favorita preparou unha xornada en Karlstejn.

Matinade: por 70 coroas e 45 minutos nun tren cómodo, limpo e puntual, viaxamos desde Praha, para coñecer un dos grandes castelos da Europa Central: Karlstejn.
Unha marabilla ...todo ! 
Espazos abertos, río, natureza, puro verdor de árbores e vexetación.

(Qué pracer camiñar desde a estación ata ao pobo, por unha estrada xenerosa na súa amplitude, sen tránsito... e chegar a unha vila tranquila e acolledora –tempus est donum )


Paseo, xantar ditoso no Stodola, e andaina (pouco máis de trescentos metros) ata o  Castelo.
Eu, curioso impenitente, tiraba fotos, feliz!

Ollade:
   a) Un abruñeiro na rocha centenaria (no ano 1348 comezou a construción!) de Karlstejn.
   b) Aló embaixo, a Vila recollida, entrañable.



Xa de volta en Karlín –nesas noites de agosto, repasando a xornada no móbil atopo a Beroun.

Foi así que a vea botánica (tireille a foto a unha hedra poderosa que dominaba unha variada sinalética) agasallou a un camiñante irredento:

A  nosa vieira, símbolo mítico do Camiño de Santiago, está a 13.5 km... En Beroun.





Síntome tan afortunado!!!  


Neste mes de 29 días


mércores, 15 de xaneiro de 2020

Ben - Cho - Shey

(Nado o 29/12/1921)



I
Prólogo

Lembrades o incunable de Pelerinaxes, que tantas satisfaccións nos proporcionou?
Pois ocorre que, coma na parábola bíblica, recibo de volta, cento por un.

O mellor, of course! un agasallo no día de Reis (e sí, sigo sendo un clásico seguidor desa véspera impaciente).

Foi Simón, o meu primeiro afillado, quen profundou (logo de ler Pelerinaxes) na “ figura misteriosa de Ben Cho Shey”... e curioso, inquedo, atopou – nos libros de vello, na costa Moyano – unha (dous exemplares, vaia! ) alfaia:




II
Reis 2019

Aproveitando as facilidades destes tempos virtuais, vai a dedicatoria.


Gárdoa como ouro en pano !!!



III
Nadal 1921

Ben Cho Shey naceu o día 29 de decembro de 1921 en Tistutin (Melilla).

No mes de xullo o noso radiotelegrafista José Ramón y Fernández (Ramón é o primeiro apelido) facía o servizo militar en Madrid, na CR6.

O sábado 23 de xullo, a expedición do  xeneral Silvestre foi masacrada en Annual (“Desastre”, “Rota”, “Catástrofe”).


Nalgún día de agosto, ao noso rapaz -25 anos- dixéronlle que ía a Melilla, á fronte da CR6 (eran dous sarxentos: José Ramón y Fernández e José  Jurado Gámez).
O 12 de setembro saíron de Madrid, camiño de Málaga onde embarcan cara a Melilla.


(“La llegada a Melilla fue sorprendente. Desde el barco veíamos a la gente agitar sus blancos pañuelos,lo que nos emocionó ante la cordial acogida; más luego, al poner pie en tierra,comprobamos que aquello de los pañuelos era para ahuyentar a la infinidad de moscas que invadían el muelle...)

Destinado no posto de mando, o noso radiotelegrafista ourensán vai avanzando na reconquista do perdido en xullo: Zeluán, Monte-Arruit, Tistutin... e alí, un 29 de decembro, naceu Ben Cho Shey.

( ... "Pero el ministro de la Guerra había prohibido a los militares el escribir en los periódicos sobre la campaña. /.../ No había más que una solución: Acudir al seudónimo. Y, sin dudarlo más, se me ocurrió dar apariencia árabe a una frase gallega: BEN CHO SHEY)





IV
Campos Africanos: Terra a nosa!

É unha historia tan fascinante!

Un rapaz – vintecinco anos – moi lonxe, en pleno campo de batalla, crea un pseudónimo  para contar o que pasa... nun xornal ourensá “La Zarpa” (outro fío do que haberá que tirar algún día).

E faino cunha disciplina marabillosa.

A primeira crónica foi publicada o 5 de xaneiro de 1922 (Don Juan, retador).
E así sucesivamente, cunha constancia exemplar, máis de setenta textos moi ben artellados; cunha redacción impecable -vontade de estilo e un pouso galeguista asombroso e conmovedor- .

Lembrade: estamos en 1922.

Agrupadas cronoloxicamente, discorren atractivas, orixinais, potentes, auténticas alfaias literarias -de feitos reais e tremendos– .

-------------------
Carta de un soldado orensano:
(“...Y si alguna vez caemos, nuestro grito será :¡Terra a nosa!”) Un d'a Burga. Tifasor. 2-1-1922

Los esclavos libertos:
( “...al marchar se despidieron de mí emocionados. ¡Hacía tanto tiempo que no hablaban gallego! Yo les abracé y me acordé de sus padres.”). En los campos africanos, el 11 de enero de 1922.

Día de lluvia: 
(“La bruma densa y gris que cierra el horizonte impidiendo ver las enigmáticas y agrestes montañas que tanto nos preocupan,transforma el paisaje por completo...”). En los campos africanos, febrero de 1922.

El carnaval en la Legión:
(“...Los que más gracia tuvieron fueron el portugués y el italiano.(...) Millán Astray le miraba asombrado y yo no podía tenerme de la risa”). Drius. Carnaval de 1922.

Preámbulo: 
(“En la presente semana darán principio las operaciones, a cuyo efecto se reunieron hoy a bordo de un buque de la Escuadra todos los generales con mando en este territorio. Allí,con una suculenta comida y los taponazos del champán decidirán nuestra suerte...”). Piñata del 22, en África.

Un viaje a Melilla: 
(“...La gente se pasea indiferente, frecuenta los espectáculos,las músicas suenan en el parque y nada indica que a unos kilómetros de esta ciudad se vive mal,se combate, se padece y se muere....”). Melilla en marzo del 1922.

Vermouth tango: 
( “¿Quieres acompañarme por un momento?.Te llevaré a un lugar muy pintoresco y único en el globo terráqueo.Está aquí cerca,en esta misma calle.¿Ves aquella marquesina que parece la visera de la gorrade un chulillo?. Allí es...”). Melilla y abril del 22.

Beni-Said :
(“Es la cábila más irreductible,la más guerrera y batalladora de todo el Rif central./.../ No será raro que en las proximas operaciones veamos pelear a nuestro lado a  la harka amiga de Beni-Said.Lo importante para ellos es el combatir, sin que se paren a considerar contra quién lo hacen...”). En el Rif, abril del 22.

Sanjurjo se fue: 
(“...el nombre de Sanjurjo va unido al de los días más gloriosos y sangrientos; decir Sanjurjo es decir Sebt, Atlaten, Gurugú, Taxuda/..../ Su prestigio era grande: los moros le temían y los soldados le seguían con ceguera...”). En el Rif, abril del 22.

Comienza el Protectorado: 
(“...los moros se colocan en una larga fila ante la que pasan los personajes tetuaníes, que van dando la mano a todos los notables; éstos murmuran unas palabras en árabe y se inclinan reverentes para besarles en el hombro izquierdo. /..../ Es de justicia reconocer una diferencia entre estos notables y nuestros caciques, si bien a favor de aquellos: ¡Ya quisieran  muchos de los caciques gallegos tener la prestancia de Abd-el-Kader o el tipo venerable de Misian el Bueno !”). En Melilla, septiembre del 22.

-------------------


V
Epílogo

Rematamos de ler ás Crónicas... e o libro segue a atraparnos!

I)   Hai dez capítulos dun diario, Ecos del cautiverioque un prisioneiro (na rota de Annual) lle fixo chegar ao noso  soldado auriense.
É o relato dun encerro arrepiante: desde a clásica corrupción española no reparto de víveres, ata a profanación de cadáveres, pasando pola tortura en Dar-Drius.

II)  Hai un apéndice espléndido,con algunhas valoracións (en tempo real, que diríamos hoxe) das Crónicas de Ben Cho Shey:
  • Nota da dirección de La Zarpa (co gran Basilio Álvarez).
  • Texto de Manuel Lustres Rivas: “La santa voz de la tierra”.
  • Texto de Vicente Risco : “Cousas”.




Grande pracer compartir,

Polo San Amaro do 2020