martes, 19 de xullo de 2016

A meniña dos meus ollos...



....É a Alameda de Santiago, naturalmente!

Neste xardín pacego, aprendín os rudimentos da botánica. Sempre conto a mesma historia, cando me preguntan desta miña afección polas árbores. Cando descubría unha nova especie nos libros, nas falas da xente, corría a comprobala na Alameda: era o que me quedaba máis a man. Ía preocupado, pensando que pasaría se non estaba no sitio indicado. Camiñaba coa ilusión do primeiro achádego; da primixenia revelación... ¡Non sabedes qué gozo supón ollar o soñado!

E o noso Parque, nunca me fallaba; sempre estaba alí, ensinándome e mostrándome a beleza primaria das miñas árbores... Eu chegaba, sen alento, tratando de atopar os ginkgos - eses fósiles viventes, cada vez máis valiosos para a humanidade - e alí estaba, ò pé da fonte de mármore branca, unha parella noviña, coas súas follas en forma de abano, cos dous lóbulos (biloba), naquel verán cheo de maxia e feitizo...

Hoxe, na hora de compartir e de tratar de animarvos a desfrutar da enorme riqueza do xardín máis clásico de Galicia, acudo aos dous recursos que - como simple humano, curioso polo que me rodea - foron os que me descubriron o inmenso tesouro botánico que temos en Compostela.


Luma apiculata
I.- O pracer do exótico: “Luma  apiculata” (Arraián de Chile)

Saber que, de terras lonxanas, hai só un único exemplar; unha peza fermosa, endémica dos Andes chileno/arxentinos - ¡nada menos! - onde forma pequenos bosques. Tedes que velo.

Rube vizoso cara ó ceo - entre dous carballos- na zona en que Galicia honra a País Lapido, o pai da Exposición Rexional de 1909. Buscádeo. Paga a pena. Pórtase coma un arbusto, pero medra como unha árbore. Destaca polo seu toro, dunha cor pardo- canela, preciosa! E as súas folliñas verdes, en forma de pico (“apiculata”), perennes... Qué fermosura!. Olládeo! E logo, se queredes, procurade:

a) Por qué os botánicos europeos lle puxeron Eugenia?

b) Por qué lle chaman Luma, en América?

c) Seus curmán o cravo...

d) Ten unha irmá, fermosa, polo Val de Deus (Costa Vella)

Se así o facedes, xorden historias entrelazadas,fantásticas; a casa de Saboya; os mapuches; o cravo (a ruta das especias... Marco Polo) Hai tantos fíos dos que tirar...!



Quercus pyrenaica
II.- A grandeza do noso: “Quercus pyrenaica” (cerquiño, carballo negral, veriño, caxigo, rebolo...)

Teño localizado un cerquiño na Alameda. Está no paseo dos leóns. É engaiolante! Se entrades comigo, contade ata oito árbores nos parterres da dereita (eses que ollan cara a cidade vella). A árbore que inaugura o cuarto arriate, é un carballo negral. Cerquiño é o nome máis habitual en Galicia, dunha variedade de carballo, endémica de Europa. Foi bautizado como “Quercus pyrenaica” pola súa abundancia no sueste de Francia. É abundante en todo o norte de España; máis –curiosamente- non se da nos Pirineos, que lle prestan o seu nome.

O rebolo é unha xoia: segundo nos contan no libro “A Alameda, xardín pacego” (Concello de Santiago - Medio Ambiente, Parques e Xardíns, 1986) os profesores Izco, Ortíz e Oubiña, ten unha virtude ecolóxica de incalculable valor: abrolla facilmente, facendo un veludo marabilloso que repara as feridas sobre a cuberta vexetal, evita a erosión do chan e regula o réxime hídrico local...

Como recoñecelo? É doado. Cando vexades toda a carballeira de Santa Susana florecida e agromando as follas, o noso cerquiño ven máis atrasado: está espido. E neste mes, se vindes ás Festas, ollade as follas de ámbolos dous; o noso rebolo tenas cheas de peliños que o protexen das altas temperaturas do verán, e que lle dan unha cor cincenta.

Quercus pyrenaica 

Son máis rechamantes; teñen os lóbulos moi pronunciados (nada que ver coas do carballo: unhas curvas apenas insinuadas). Faleivos da benevolencia do idioma para marcar o único exemplar de veriño. Ide e ollade:  É o carballo de toro máis groso. Da cortiza máis negra. Das polas máis esveltas...

E, nembargantes, tórcese, humilde, cara a súa esquerda, para que don Ramón María del Valle Inclán - felizmente sentado cara ao leste - goce, eternamente, da vista senlleira da nosa Catedral.



Arredor do san Bieito, 2016

venres, 10 de xuño de 2016

Cinéfilo irredento


Tiven que estar na casa, sen saír algúns días - consecutivos -, e aproveitei para (amén de ler o último de Manuel Rivas ou Ignacio Sánchez Cuenca...) ver na televisión algunhas películas:
 

          a) Esquecidas –vistas no seu momento-
 
          b) Inéditas - na miña filmoteca-
 
          c) Curiosas –por descoñecidas –
 
          d) Actuais –feitas neste lustro -
 

Cando digo televisión xa sabedes ò que me refiro: colles o “mando” e comezas a procurar eses canles que non teñen publicidade –ou moi pouca – i emiten películas dia e noite, ejem, ejem...

TCM, Hollywood, AMC, Calle 13, Paramount, Sundance... A grandeza do “mando” é esa: escolles, paras, cambias, apagas...
 
Déixovos un decálogo (con luces e sombras: xa coñecedes a miña subxectividade):
 
 
1.- The blackboard jungle, 1955. (“Semilla de maldad”, cando se estreou en España). Richard Brooks dirixindo a Glenn Ford –impoñente -cuns secundarios marabillosos (Sidney Poitier, Vic Morrow...). Era un xeito de facer cine (clásico): comercial e con calidade.
 
2.- Minority Report, 2002. Gústame a ciencia ficción... Baseada nun relato do mítico Philip K. Dick, Spielberg dirixe con tino a Tom Cruise -Colin Farrell ten un papel moi agradecido- e Max von Sydow nunca defrauda!

3.-Little Buddha (“Pequeño Buda”) 1993. O gran Bertolucci envellece mal ; malia a todo, quedeime por Cris Isaack....cantante mítico ( Wicked Game !). Como actor, só ten presenza –enche a cámara -

4.- Lost in traslation, 2003.Dirixe Sophia Coppola. A típica película de culto....sen nada detrás, con perdón!  Bill Murray, pagado de si mismo...Scarlett Johansson sí, ten magnetismo! Xapón queda moi lonxe....

5.- What lies Beneath (“Lo que la verdad esconde”) 2000. Robert Zemeckis fai unha película trapalleira : xa sabedes, trampas no guión, falsas mortes, música para asustar...Harrison Ford e Michelle Pfeiffer danlle credibilidade, e pouco máis...

6.- Penélope, 2006. Mark Palansky dirixe con soltura a Christina Ricci e a unha troula de actores ingleses que sempre o fan ben...nunha entretida adaptación doutro clásico contemporáneo : Roald Dahl!

7.- Liberal Arts. (“Amor y letras”) 2012. Un curioso (e para min descoñecido) Josh Radnor –escritor, actor, director – ceiba unha película agradable ; un rapaz –profesor - que visita a universidade onde estudou....un guión moi ben acaído!

8.- The Company, 2003. Unha inclasificable película de Robert Altman. Fascinoume Neve Campell ( guionista, actriz, bailarina ).Está Malcolm McDowell: outro ó que lle sentan ben as canas!

9.- The Soloist. (“El solista”). 2009. Outra agradable sorpresa.... o director Joe Wright manipula a Robert Downey jr., e tira o mellor de Jamie Foxx neste¿drama? dun xenio musical que tolea, incapaz de dominar o seu talento...

10.- Midnight in the garden of good and evil. (“Medianoche en el jardín del bien y el mal”), 1997. E se vos digo que Clint Eastwood é mellor director que actor?

Ten “algo”: sabe escoller os temas (guións ). Potencia o talento dos actores (Kevin Spacey, soberbio!. John Cusack levando ben o punto de vista –noso-)... e ten capacidade de convicción para que os produtores invistan , sen reparo, en filmes excelentes coma este.


P.S
Inmenso pracer procurar na “rede” os títulos orixinais, biografías, datos, información..., claro que é valiosa a arañeira !!... (Grotescos os títulos en castelán!)

E tamén, ejem, deprimente política de repetir, constantemente, en horarios diferentes –vaia ! –xoias cinematográficas... tanta repetición, devalúa, of course!)




En Compostela, logo do centenario das Irmandades da Fala, 2016

mércores, 11 de maio de 2016

Abruñeiro

 
Éche boa verdade iso de que o bosque non che deixa ver as árbores!
(ou era ao revés?)
O caso é que a min pásame, decote.
Xa volo contei nalgunha ocasión: excitado e impaciente por ollar e extasiarme diante dalgunhas xoias impoñentes (ginkgos, sobreiras, faias, cerquiños...) ía pasadío e nin miraba para outras especies, abondosas, pero moito máis discretas no seu porte.

Por eses azares misteriosos, que nos conectan co descoñecido - pero valioso para o noso espírito -, descubrín o abruñeiro (prunus spinosa) o día que Marilar Aleixandre plantou un exemplar, na homenaxe que lle fixeron en Santiago.
Vaia, pensei, qué grande Marilar! .
E chegou o inverno.
E, rematando febreiro, diversas árbores empezaron o ciclo marabilloso da floración anual.

Eu tiña asumida, por rutineira, a presenza dos pexegueiros, das ameixeiras, das cerdeiras..sen nunca pararme a ollar o seu vistoso espertar floral. Ata este ano que, fose onde fose, brillaban -rechamantes – milleiros de flores brancas en contraste con outras tantas rosáceas, aviñadas, en diferentes exemplares, de porte similar.

No Campus, nos Basquiños, ou polo Ensanche...de súpeto, en calquera beirarrúa, ou praza, ou xardín, chamaba –estourando nunha sinfonía floral- a primavera. E claro, lembrei as cerdeiras da miña aldea, os pexegueiros da nosa casa familiar, as ameixeiras da infancia...

E foi cando acudín ós libros, novamente.
(Xa vos dixen: canto precisemos para o noso espírito, estará nos libros)
Neles, nesa letra pequena tan valiosa -agora doume conta-, atopei as semellanzas e diferenzas destas arboriñas que florean tan cedo, que se parecen tanto, que cada ano nunca fallan na súa aparición estacional...
Así que, antes de que se vaian definitivamente -ata o vindeiro ano-, deixo escrita a miña admiración, fascinación e devoción por unhas árbores, tan humildes, próximas e habituais que non apreciamos a súa importancia, fermosura e valía.
  • Abruñeiro ( Prunus spinosa )
  • Cerdeira dos xardíns ( Prunus pissardii ) 
  • Cerdeira do Xapón  (Prunus serrulata )
  • Cerdeira común ( Prunus avium )
  • Guindeira  ( Prunus cerasus )
  • Pexegueiro ( Prunus pérsica )
  • Ameixeira  ( Prunus doméstica )
  • Amendoeira ( Prunus dulcis )
Deixo para outra ocasión , o comentario sobre algúns parentes destas especies, que comparten con elas veciñanza, beleza e fartura ( marmeleiros, nespereiras ...). Agora vou mercar un par de litros de anís: Neles, antes do solsticio de verán, poñerei a amolecer 200 gramos de níxaros – dos abruñeiros que xa agroman, aló polas terras do Eume –
Poida que, polo San Martiño, haxa un “patxarán” caseiro coma o que se fai en Navarra!

Xa vos contarei.

luns, 28 de marzo de 2016

DIANTE DA OBRA DE LUIS LORENZO, Reflexión íntima en tres sensacións

I
 
 DA MATERIA: UNHA BREVE HISTORIA
 
 


O castiñeiro é – ó meu ver- a principal árbore autóctona do noso país. Ten unha orixe remota. O seu nome científico Castanea Sativa, refírese a Kastana -unha cidade de Asia Menor de onde é orixinario-, e sativa, que siñifica cultivado, plantado. É unha árbore monoica: Cada exemplar ten flores masculinas e flores femininas; cada exemplar é, potencialmente, portador de froitos.

O castiñeiro, dende tempos inmemoriais, acompañou ós galegos na súa peripecia vital, dándolles o que máis precisaban para sobrevivir: alimento (castañas), medicina (follas e cortiza) e abrigo (madeira pra vivendas). E nos tres casos, cunha calidade extraordinaria.

O castiñeiro só precisa solos lixeiros, sin cal, con sílice, tal cal son os chans galegos. Aseguradas as raigames, disponse en soutos –extensions de terreo chea de castiñeiros- e comenza a medrar -crecemento rápido-.

Aparecen as follas na primavera: xunto coa cortiza xa podemos facer un primeiro xarope, fundamental naqueles tempos primixenios para asegurar e afianza-la dentadura. Os nosos devanceiros evitaban a caída dos dentes tomando tres veces o día unha infusión de follas e cortiza (aprox. 40 gramos por cada litro de auga).

Contento por ter sanado desas afeccions na gorxa -que tamén curan as follas do castiñeiro - o galego observa como entre maio e xuño florece a nosa árbore: con esas recandeas, tan chamativas de longas que son, que superan ás follas, e coas flores femininas mais discretas que aparecen ó peíño das outras. ¿vístedes tamén?  É un espectáculo!

Follas verdes, flores mareliñas, cortiza gris parda... o verán e unha apoteose do castiñeiro...cós ourizos xa gardando entre unha e tres castañas, e madurando entre setembro e novembro.... tempo de magostos.
Chegou a castaña, alimento excepcional dos nosos antepasados: asada, cocida, pelada, triturada para fariña, en postre... todo vale: mesmo ás mais cativas e miudas serven para alimento animal. Alimento de estación pero tamén de reposición para cando haxa escaseza; consérvase moito e ben...
Moito e ben, por certo, viaxaban os Mestres de Obra da Catedral, de San Martiño Pinario, de Fonseca... percorrían Galicia para vé-las canteiras onde seleccionar os mellores mármores, ou o granito mais feito; percorrían, ademais, soutos, carballeiras e nogueirais onde escollían os exemplares mais valiosos de castiñeiro, carballo ou nogueira: tiñan a súa razón, pois unha vez marcados, o proceso continuaba coa tala, e seguía coa “seca” natural da madeira -¡que duraba entre tres e catro anos! -. Logo aparecen os artistas. 
Centos de artistas anónimos, coas mans (e mente) de ouro; carpinteiros, ebanistas, tallistas...O castiñeiro abastecía, abondoso e xeneroso, a todos:
  • vigas, pontons, táboas para as vivendas
  • madeira excelsa, veteada, sin nós, para os móbeis (mesa de noite, camas, cadeiras, mesas, alzadeiros...)
Características excepcionais que permitiron a chegada, ata nós, de tantas xoias: tallas de santos, retablos, cadeirados de coro, portas, contras...
 
Artistas con talento e con amor pola obra ben feita.
Velaí a madeira do castiñeiro.
A madeira das nosas raigames.
Madeira eterna que hoxe recupera e homenaxea o noso pintor.
 
 
 
II
 
 DA INSPIRACIÓN: O PROCESO CREATIVO
 
 
 
 
O artista busca, imaxina, pelexa. As ideas xorden como lóstregos. A inquedanza é constante.  A vea creativa ten sempre o soporte da disciplina.
O cadro exposto pasou unha longa peregrinaxe.
Imaxinemos.
O autor viaxa. Desprázase motorizado polos arredores da sua vila. Na procura de materia prima. Hai catro casiñas ¡tan feitas! que semellan medio durmidas.
Os paisanos, sestean.
O pintor chega, fala, comenta... o patrón érguese e vai cara ó alpendre.
Trae unha tabliña fermosa de castiñeiro (70 x 65).
É o que queda dunha carpintería desaparecida que formaba parte dunhas fiestras, convertidas hoxe en ventás de aluminio, nunha mestura imposible co granito solemne da vivenda.
O debuxante, xa experto, valora con tino aquel teosuro.
Deixa unha fala, un convite, unha promesa..... O patriarca, indiferente ós artistas, fuma en silenzo.
O tracista retorna ó estudio con doce táboas semellantes: castiñeiro antergo, veteado, tratado, sin danos apenas, fermoso...
O pintor lava, limpa , lixa, frega con lixivia.... de existir algunha, non debía quedar nin a primeira rela, ou couza –eses bichiños enemigos por antonomasia de calquera madeira-.
Aínda así, vai co seu lote - o autor- camiño da ultraconxelación.
Nun aparello de frío industríal (uso cárnico), somete a temperaturas de –50ºC, a sua ducia de futuros cadros, perante trinta minutos; os posibles habitantes microscópicos, quedan liofilizados para a eternidade.
O artista non para.
Con decisión, espolvorea a fixación.
O “spray” é fundamental para o traballo posterior.  
Logo xa adoita darlle o último toque, primeiro paso do remate final.
Unha má de pincel deixará vernizada toda a superficie (70 x 65).
Será o acabado derradeiro que nos veremos, rodeando a creación do pintor.
O soporte primitivo quedou conservado e desde logo, mellorado e listo para volcar nel a febre creadora do pintor.
 
 
III
 
 DA EMOCIÓN: A CHAMA DO SENTIMENTO
 
 
 
 
¿Vístedes canto hai detrás dunha obra?
Ollamos, así, con outra perspectiva, con outra distancia.
Coñecemos algo do que contemplamos.
Sabemos mais; entendemos doadamente...
Gozamos deses perfiles femeninos trazados co carboncillo, ¡ onde mellor que nesa táboa chea de historia!.
Esas mulleres pensativas, trazos suaves, esfumados... ¿qué agardan?.
Esas liñas semicurvas forzando o escorzo atraen, sin pudor, a nosa vista cara a outros territorios mais íntimos...hai vida, hai emoción, hai minutos eternos atrapados no dibuxo femenino que nos agarda; suave, tranquilo,tenro, doce coma a terra nai.
A cór, esa mestura de brancos e grises, en profundidade, a onde nos leva?.
Está a chamarnos ese corpo indolente?.
Perfís lánguidos, esquematizados...máis, que non nos engane o seu trazo (Recórdovos que o artista empezou facendo retratos: técnica tanto ou máis difícil que esta, que estamos a ollar)
“A fotografía expresa un intre. Un tempo concreto;
 “A pintura expresa un sentimento. Unha situación”
díxonos o pintor Ovidio Murguía Castro.
Sensacions, emocions que, aquí, nos plantexa o autor.
 
¿Autor?
Podemos xa dicir, pintor, debuxante, tracista con inquietudes. Autodidacta con talento e sabedoría.
Na sua obra vai, explícita, a clave da resposta.
Misteriosamente todo nos leva, todo confluie, ás orixes.
Velaí o segredo. Velaí a inspiración. Velaí o sentimento.
Falamos de Luis Lorenzo.
Artista... 

xoves, 4 de febreiro de 2016

Louvanza dos perdedores (Os valores éticos na novela de Ramiro Fonte)

 
Portada do Libro da Festa das Peras de Pontedeume 2005
 
 
“A Arte é todo o contrario das ideas xerais; só describe o individual, só propende ó único. En vez de clasificar, desclasifica”
Marcel Schwob
 
Agardo non revelar ningún secreto, nin destrozar ningún argumento se lles conto agora, eiquí, as miñas impresións sobre as novelas de Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, “Os ollos da ponte” (Vidas de Infancia)  - Xerais. Vigo. 2003-2004.

Son dúas reflexións,  moi sinxelas, que emerxen sobre as moitas cualidades positivas que ten o relato.
 
 
A)   O escritor fai unha obra de ficción. Polo tanto, Literatura. Ese é gran mérito, ó meu ver, do libro.

Ramiro Fonte usa os recursos literarios coa maestría dun escritor    consagrado, e así achamos:

·        Punto de vista narrativo: Hai un narrador protagonista que -situado na actualidade - evoca e lembra a súa infancia.

·        Esa memoria é selectiva, manipuladora. O narrador - hoxe- coloca adxectivos, aclara conceptos, relata feitos, investiga sucesos... de tempos e sucedidos da súa infancia.

·        É, polo tanto, unha visión subxectiva. Este feito literario de escribir e relatar dende a parcialidade que da a intimidade, é o que, paradoxicamente, nos leva a realidade daqueles anos con:

- os nomes, apelidos e alcumes das personaxes.

- o minucioso nomenclátor de rúas, lugares, parroquias, sitios... Curiosamente, todo o mundo vital que rodea ó neno está perfectamente identificado. Non así el, nen seus pais.

          O escritor  acada, dese xeito, unha ficción literaria que nos identifica plenamente co protagonista (o  neno lembrado- hoxe- polo adulto).

     Esta estrutura literaria é a que facilita a leitura da obra a calquera persoa; non fai falla ter nacido en Pontedeume, nen ter coñecido o alcalde Sarmiento, nen haber tomado as tazas na taberna de Noche....para ler, de corrido, toda a novela.

·        Prosa: O autor, coa sua prosa, moi medida (verbos en tempo  presente, abondante uso da puntación, substantivos acompañados case sempre de calificativos) lévanos a un mundo onde predomina un tempo gris,  impreciso, pechado, opresivo... pero moi nidio para o neno que o vive e o disfruta.

·         Intriga e suspense: O escritor xoga hábilmente cun mínimo suspense (que lle pasará o neno mais adiante , logo das peripecias do colexio da Atocha, da probatura primeiriza do leite en pó...) e cunha intriga pequeniña,  baseada na ocultación sistemática do nome do erudito local ;  cando, por terceira vez,  leemos “erudito local”, xa agardamos con impaciencia a súa próxima aparición.
 

 B) Pero todo isto non son mais que apoios, pés, alicerces, para unha grande lección ética.

            Nuns tempos tan confusos  (ideoloxicamente, moralmente...) o escritor fai unha obra mestra na defensa de valores  que, ou ben están esquecidos, ou ben están desfasados. 

Eu fiquei   emocionado, co alento  moral que nos transmite o autor.

Hai  unha percepción moi clara do ben e do mal. Do bó e do malo.

Ramiro Fonte -como xa dixen antes-  cunha técnica literaria axeitada ó caso, transmítenos a coraxe dos vencidos; a superviviencia digna da xente que, sen comelo nen bebelo, atopouse nunha posguerra famenta, pobre, pechada no labirinto sen saída dunha pequena vila...

E,  na miña lectura, relocen, moi por  riba das demais personaxes, ós pais do neno... e Pancho, o “escapado”.

A nai é debuxada o longo da obra, como esa nai ideal que todos quixemos ter...

Unha muller sensible, delicada, prudente, incomprendida, con moi boas dotes para o canto e a escritura ( ¡esas libretiñas gardadas!).

Será a nai a que fará do seu fillo, un escritor.

O retrato do pai é impresionante:  unha persoa xusta, firme, equilibrada, honesta, traballadora, curiosa...

Entrou moi novo, de aprendiz, en Bazán (Ferrol) e iso dalle unha aura de seriedade, prestixio e sabedoría, que serán decisivos no futuro intelectual do neno.

É o pai quen -nunha Noiteboa- fala  coa familia, da historia de “Pancho”.

E, nun xogo literario de primeiro nivel, o novelista cóntanos toda a historia.

Dun xeito tan profundo e cercano, que sentimos o arrepío da inxustiza.

O narrador -hoxe- , marcado por aquela lenda infantil relatada polo proxenitor, investiga, pescuda...

 Aquel neno dos anos sesenta- hoxe suposto escritor, polas pistas que nos vai dando - debúllase na historia de “Pancho”.

O narrador convértese en documentalista.

Nun biógrafo aséptico.

Viaxa, investiga, atopa, e móstranos un relato estremecedor dun home que loitou, ¡ nada menos!, polos seus ideais.

Por un mundo mellor, mais igoal para todos.

Un home, cada vez máis só, contra toda unha dictadura....

Outra grandeza do libro. 

Coa meticulosidade dun científico, o autor relata a historia de “Pancho”.

Pero utiliza, a perfección, as armas dos literatos.

A palabra.

A verba.

En catro páxinas,  lévanos a profundidade da derrota.

Á   beleza do ben.  Á inxenuidade da bondade.

A  traxedia dunha guerra incivil...

E converte catro páxinas memorables, nunha homenaxe ós loitadores da liberdade, nunha reivindicación contundente e, ó tempo, sensible, da memoria destes homes e daqueles feitos....

........Fun a Ombre cando rematei a lectura...e sentinme reconfortado ó pasar  pola Fonte da Bufarda, moi perto de onde nacera  Francisco Martínez Leira: ”Pancho, o escapado”

E repetín, alí, grazas a Ramiro Fonte, as verbas  escritas por Pancho: ...peleamos, peleamos.”

 

 Publicado no Libro da Festa das Peras en Pontedeume, 2005

luns, 30 de novembro de 2015

Seis suites para violoncello

                                                                                           
                                                                                               I

                                                                                         Prólogo


En 1967, os británicos Procul Harum acadaron un éxito mundial coa súa canción “A Whiter Shade of pale” (traducida ó castelán “con su blanca palidez”). Venderon millóns de copias: aínda hoxe, é unha composición de culto. Foi, naquela época, un tema de rock progresivo no que destaca un pegadizo solo de órgano. En realidade, a canción é un plaxio da “Aria sobre a cuarta corda” de Johann Sebastian Bach (1685-1750). O triste é que, corenta anos despois, dous membros da banda litigaron polos “royalties” da canción (o teclista demandou ó vocalista, pedindo a metade dos ingresos).

Grazas o traballo de Eric Siblin souben da (intra) historia, desa cantiga -mítica desde o seu nacemento - que agora valoro... Así que, entusiasmado co pracer dunha das máis valiosas lecturas da miña vida, déixovos as mellores virtudes do libro (non lle atopei defectos!)


                                                                                                II
 
                                                                                          Decálogo

 I.- Sorprendente

Non é ensaio, nin novela, nin biografía, nin tratado musical, nin libro de memorias, nin de viaxes...pero ten todo iso, e máis !

 II.- Ameno

Cunha redacción atractiva, mesturando a cronoloxía sabiamente, faisenos grato, entretido, agradable.

III.- Engaiolante

Desde a primeira páxina, cando nos conta a idea primixenia da obra (no 2000 - en Toronto - Canadá) ata o remate, páxina 320... o libro é unha excitante intriga - tecida en tres fíos condutores - na que sempre imos avanzando e sabendo máis.

IV.- Erudito

É unha “pasada”!. O autor coñece, sabe, viaxa, descubre, cultívase... (asómbranos!)
V.- Emocionante

 O libro é unha aproximación – e unha homenaxe- a dous músicos excepcionais: Johann Sebastian Bach (1685 - 1750) e Pau Casals (1876 - 1973). E o que nos transmite, sempre, é: cercanía, admiración, cariño, respecto, emoción...

VI.- Divertido

Un humor anglosaxón , cínico , elegante, sarcástico... Moi graciosas as secuencias no retiro das Lauréntidas canadenses, acedo o relato das versións bachianas contemporáneas...

VII.- Profundo

Despois da lectura diaria, cando pechamos o libro, paramos, pensamos, reflexionamos... O autor sabe transmitirnos inquedanzas pola historia, pola música, polas persoas, pola vida...

VIII.- Orixinal

Desde a primeira páxina quedamos prendados do narrador. Adiviñamos unha persoa nova; foi critico musical de musica pop na Gazette - e non soporta a U2-! E ficamos abraiados cando se inscribe nos Coros de Bach, ou cando é quén de tocar o violonchelo, ou cando toma un café con Walter Joachim, transmitíndonos a súa emoción por falar cun grande da música, que coñeceu e tocou con Casals.

IX.- Resplandecente

É tan accesible, que nos facilita as cousas. Hai uns coñecementos teóricos da música, que enchen e completan a nosa formación. Agora sei o que é a harmonía; coñezo a definición exacta dunha melodía; identifico un arpexo dentro duns acordes... unha valiosa axuda para desfrutar mellor da máis excelsa creación humana: a música!

X.- Rigoroso

O libro remata cunha elegancia exacta, precisa, concreta , de consultas, citas, bibliografía, agradecementos...un traballo sólido, impecable, perfecto!


                                                                                             III

                                                                                         Epílogo

 
Case tódolos críticos recomendan escoitar a gravación de Pau Casals das Seis Suites para violonchelo, namentras leemos o libro. É lóxico: Eric Siblin organiza a obra, seguindo a estrutura das seis pezas: preludio, alemanda, courante, zarabanda, minueto, giga... e contándonos as sensacións - de cada unha delas - en cada Suite (impagable!).

Pero non vos precipitedes... recoméndovos ler o libro, escoller algunhas das gravacións que se citan, e logo escoitar demoradamente... paga a pena! No entanto, eiquí está Bach, no século XXI


Esta é a xenial alfaia :

"Las suites para violonchelo". (En busca de Pau Casals, J. S. Bach y una obra maestra). Eric Siblin. Traducción de Julio Fajardo. Turner Música. Madrid. Mayo 2011

mércores, 28 de outubro de 2015

Unha Flor Nacional (III)




                                                       A (miña) flor nacional de Galicia



Na derradeira entrada, falábavos das condicións necesarias - ó meu ver - para poder elixir a flor nacional de Galicia co maior consenso e acordo entre tódolos sectores da poboación galega. Así que - hoxe - para rematar o tema, e atendendo gustoso a curiosidade dalgúns lectores e veciños, farei a miña proposta. Unha proposta baseada nunha evidencia e nunha intuición - como non podía ser menos, cando falamos de cousas etéreas e intanxibles, como son os sentimentos -. A evidencia é que a segunda cor de Galicia é o amarelo. Naturalmente, a primeira é o verde. Identificamos Galicia coa tupida alfombra do verde. I é certo. Curiosamente o verde é das árbores e dos vexetais en xeral; pois ben, o amarelo é a cor das flores máis abondosas - e para min - máis representativas. Fixádevos senón: entre a primavera e o verán, toda Galicia é un atractivo veludo dourado; toxos, xestas, mimosas, castiñeiros, nabos... compiten nunha rechamante escala de amarelos, cada cal máis fermoso. Establecida a evidencia da cor, compre falar da intuición. A intuición forma parte da nosa formación como persoas. Parafraseando a Afonso Eiré, que escribiu “Eu tamén fun cas vacas”..., eu tamén fun ó estrume. No monte, cargando carros de mulime, atopei a flor do toxo. Medrei na súa compaña. Sempre estaba alí. Dura e tenra. Verde e roiba.
 
O Toxo - ulex europaeus - servía para todo: facer esterco, alimentar o gando en invernos longos e duros (o toxo manso ripábase, para picalo e convertelo nunha comida moi completa para os animais, mesturado coa herba -verde ou seca-.) Permitídeme por tanto que, a esa miña intuición íntima - de que a flor do toxo é a nosa flor nacional galega - vos aporte cinco (seguro que hai máis) razóns obxectivas para o seu nomeamento:

 
ulex europaeus
1ª. Autóctona
O toxo forma parte da singularidade de Galicia. Dende tempos inmemoriais acompaña a familia galega. Se hai unha trindade animal que nos distingue como pobo (vaca, porco, galiña), existe unha tríade vexetal propia da nosa identidade: castiñeiro, centeo, toxo.

2ª. Estacional
A existencia de tres tipos de toxo: toxo duro, toxo femia, toxo manso, que se van alternando na súa floración, permite que a flor do toxo estea presente, todo o ano, na xeografía galega. Un milagre, do que moi poucas plantas poden presumir.

3ª. Calidade
Como se di nos prospectos dos medicamentos, a flor do toxo non ten contraindicacións. Ben ó contrario; amén das clásicas aplicacións médicas - fervida en auga -, con ela faise un licor gorentoso que cumpre os requisitos mais esixentes de calquera sibarita.

4ª. Estética
A singular beleza da flor do toxo ven dada polo contraste entre o verde profundo das espiñas e o amarelo dourado dos pétalos, tenaces superviventes durante todo o ano. Hai algunha flor que teña tanto mérito?

5ª. Idioma
Outra singularidade. A flor do toxo ten nome: Chorima. Unha verba única, cálida e rechamante. Pensade: cantas flores (arbóreas) teñen nome propio?. Moi poucas, e si se vos ocorre algunha, tamén é amarela!!. (neste intre, eu só lembro a recandea, flor do castiñeiro...)

En fin, benqueridos amigos, eiquí vos deixo a miña flor nacional galega. O seu nome é chorima. A súa planta é o toxo. E témola, afortunadamente, todo o ano adornando a nosa terra. Que non morra nunca!