Portada do Libro da Festa das Peras de Pontedeume 2005
“A Arte é todo o
contrario das ideas xerais; só describe o individual, só propende ó único. En vez de
clasificar, desclasifica”
Marcel
Schwob
Agardo non revelar ningún secreto, nin destrozar ningún
argumento se lles conto agora, eiquí, as miñas impresións sobre as novelas de Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, “Os ollos da
ponte” (Vidas de Infancia)
- Xerais. Vigo. 2003-2004.
Son dúas reflexións, moi sinxelas,
que emerxen sobre as moitas cualidades positivas que ten o relato.
A) O
escritor fai unha obra de ficción. Polo tanto, Literatura. Ese é gran
mérito, ó meu ver, do libro.
Ramiro Fonte usa
os recursos literarios coa maestría dun escritor consagrado, e así achamos:
·
Punto de vista narrativo: Hai un narrador
protagonista que -situado na actualidade - evoca e lembra a súa infancia.
·
Esa memoria é selectiva, manipuladora. O narrador - hoxe-
coloca adxectivos, aclara conceptos, relata feitos, investiga sucesos... de
tempos e sucedidos da súa infancia.
·
É, polo tanto, unha visión subxectiva. Este feito
literario de escribir e relatar dende a parcialidade que da a intimidade, é o
que, paradoxicamente, nos leva a realidade daqueles anos con:
- os nomes, apelidos e alcumes das
personaxes.
- o minucioso nomenclátor de rúas, lugares, parroquias, sitios...
Curiosamente, todo o mundo vital que rodea ó neno está perfectamente
identificado. Non así el, nen seus pais.
O escritor acada, dese xeito, unha ficción literaria que
nos identifica plenamente co protagonista (o
neno lembrado- hoxe- polo adulto).
Esta estrutura literaria é a que facilita a leitura da obra a calquera
persoa; non fai falla ter nacido en Pontedeume, nen ter coñecido o alcalde
Sarmiento, nen haber tomado as tazas na taberna de Noche....para ler, de
corrido, toda a novela.
· Prosa: O autor, coa sua prosa, moi medida (verbos en
tempo presente, abondante uso da
puntación, substantivos acompañados case sempre de calificativos) lévanos a un
mundo onde predomina un tempo gris,
impreciso, pechado, opresivo... pero moi nidio para o neno que o vive e
o disfruta.
·
Intriga e suspense: O escritor xoga
hábilmente cun mínimo suspense (que lle pasará o neno mais adiante , logo das
peripecias do colexio da Atocha, da probatura primeiriza do leite en pó...) e
cunha intriga pequeniña, baseada na
ocultación sistemática do nome do erudito local ; cando, por terceira vez, leemos “erudito local”, xa agardamos con
impaciencia a súa próxima aparición.
Nuns
tempos tan confusos (ideoloxicamente,
moralmente...) o escritor fai unha obra mestra na defensa de valores que, ou ben están esquecidos, ou ben están
desfasados.
Eu fiquei emocionado, co
alento moral que nos transmite o autor.
Hai unha percepción moi clara do ben
e do mal. Do bó e do malo.
Ramiro Fonte -como xa dixen antes-
cunha técnica literaria axeitada ó caso, transmítenos a coraxe dos
vencidos; a superviviencia digna da xente que, sen comelo nen bebelo, atopouse
nunha posguerra famenta, pobre, pechada no labirinto sen saída dunha pequena
vila...
E, na miña lectura, relocen, moi
por riba das demais personaxes, ós pais
do neno... e Pancho, o “escapado”.
A nai é debuxada o longo da obra, como esa nai ideal que todos quixemos
ter...
Unha muller sensible, delicada, prudente, incomprendida, con moi boas dotes
para o canto e a escritura ( ¡esas libretiñas gardadas!).
Será a nai a que fará do seu fillo, un escritor.
O retrato do pai é impresionante:
unha persoa xusta, firme, equilibrada, honesta, traballadora, curiosa...
Entrou moi novo, de aprendiz, en Bazán (Ferrol) e iso dalle unha aura de
seriedade, prestixio e sabedoría, que serán decisivos no futuro intelectual do
neno.
É o pai quen -nunha Noiteboa- fala
coa familia, da historia de “Pancho”.
E, nun xogo literario de primeiro nivel, o novelista cóntanos toda a
historia.
Dun xeito tan profundo e cercano, que sentimos o arrepío da inxustiza.
O narrador -hoxe- , marcado por aquela lenda infantil relatada polo
proxenitor, investiga, pescuda...
Aquel neno dos anos sesenta- hoxe
suposto escritor, polas pistas que nos vai dando - debúllase na historia de “Pancho”.
O narrador convértese en documentalista.
Nun biógrafo aséptico.
Viaxa, investiga, atopa, e móstranos un relato estremecedor dun home que
loitou, ¡ nada menos!, polos seus ideais.
Por un mundo mellor, mais igoal para todos.
Un home, cada vez máis só, contra toda unha dictadura....
Outra grandeza do libro.
Coa meticulosidade dun
científico, o autor relata a historia de “Pancho”.
Pero utiliza, a perfección, as
armas dos literatos.
A palabra.
A verba.
En catro páxinas, lévanos a
profundidade da derrota.
Á beleza do ben. Á inxenuidade da bondade.
A traxedia dunha guerra incivil...
E converte catro páxinas memorables, nunha homenaxe ós loitadores da
liberdade, nunha reivindicación contundente e, ó tempo, sensible, da memoria
destes homes e daqueles feitos....
........Fun a Ombre cando
rematei a lectura...e sentinme reconfortado ó pasar pola Fonte da Bufarda, moi perto de onde nacera Francisco
Martínez Leira: ”Pancho,
o escapado”
E repetín, alí, grazas a Ramiro
Fonte, as verbas escritas por Pancho: “...peleamos,
peleamos.”
Publicado no Libro da Festa das Peras en Pontedeume, 2005
Ningún comentario:
Publicar un comentario