luns, 31 de agosto de 2026

Eu tamén fun coas vacas

.... construíamos fornos nos valados/..../ E muíños de auga nas
fervenciñas dos regos e presas,con bolecos nas aspas para que
xirasen máis depresa/..../
E cacerías de tiopas, botándolles a auga para que saísen fóra e
estando horas se cadra caladiños coma defuntos” (Afonso Eiré ) 


I
A orixe


Neses azares misteriosos que tanto nos reconfortan, antonte atopei unha alfaia que xa daba por perdida (con grande dor de corazón).

Eu tamén fun coas vacas.
Afonso Eiré. Narrativa.Edicións Espiral
Maior S.L.
A Coruña. 2000

Este libro apareceu no 2001 e faltoume tempo para mercalo (Follas Novas, of course).
Inmenso pracer identificarme co protagonista - sei do que fala!-.
Entusiasmado, partillei e prestei a amigos e familia.
E nunca máis souben del.


II
Onte


Foi onte, preparando mudanza, cando mesturado con libros descartados –outro día fálovos desa tortura –recupero esta alfaia, que releo con devoción e curiosidade... e fico abraiado!


III
Hoxe

Son 116 páxinas que volvín a ler... nunha hora!
-E quedei fascinado co excepcional vocabulario, ao que non lle prestara atención naquela primeira lectura :

.......................................
Co Amador encendiamos o lume aínda que chovese e sen mistos nin mecheiro.Chegaba un chisqueiro ou un seixo branco e unha bosta de vaca ben sequiña ou desfiañar o forro da zamarra.
Co Manolo da Dosinda iamos aos niños.
Souben coñecer os paxaros,saber porque o merlo mete o cu na silveira,porque o gavián se queda parado, porque cheira a bubela e a curuxa colle sapos....

-E descubrín novamente as terras de Chantada, polas que -tantos anos despois- camiñei feliz e colmado:

“Historias de xitanos ,de aparicións, de ruxir de pratos na tenda de Penasillás a altas horas. Da Compaña paseando polo cruceiro de Vilanova e como non se lle podía mirar de frente e menos coller a cruz....
.......
Esmoriz era a capital das Veigas.
Dez casas e cinco cantinas nas que matar as noites de inverno por detrás dos mesados da cociña entre grolos de viño e cafés de pota ...
( En Esmoriz acababa a estrada e comezaba o mundo )
..........


IV
A vaca galega 


“As vacas, constitución aparte e fóra a alma, son coma os humanos.
Aquelas vacas posuían entendemento e nomes axeitados,adaptados ao seu físico e ao seu comportamento,que había que saber entender desde cuxiñas.....

A Linda debía ser bonita, ben feita e proporcionada.
A Cachorra: forte, valente, rebeza, machota.
A Paloma: chuliña, feituca e con bastante clase.
As Garridas: vacas de moita comida e poder (anchas de peitoril e dos cadrís )
As Marelas: eran rubias e esvaídas.
As Estrelas: tiñan na fronte algo branco.
As Touras: non eran moi boas de leite e case non posuían ubre.
As Xatas: Eran moi semellantes as touras; tiñan máis de touros que de vacas.
As Tarabelas: Eran as que non tiñan paradura, sendo esta a característica que as distinguía.
As Negras: Xa o seu nome o indica.
As Rubias: que tiñan a color máis forte que as demáis da súa caste.
As Ratiñas: eran as pequerrechas, e sempre se lle poñía a algunha que non fose propia do país.
As Viaxeiras: tamén eran as que viñan de fóra.
As Moritas: eran as rubias tirando a negras
As Pintas: as pintas eran as pintas. As pintas daquelas non eran as de despois”



V
Memoria


O señor Xesús falábame de como se amaña un burro vello para vendelo por máis novo,e das sopas de Cabalo Canso...
....................
O tío Xosé collía varas de castiñeiro, frotábaas co mango de pao da súa navalla, sacáballes o pao e deixaba a casca; alí metía a palleta,o resto da vara retorneábaa segundo o instrumento que quixera facer...
................
E o meu avó, o Xastre, tentou, sobre todo, que tivese paciencia ( ao pouco de estar coas vacas xa me daba o teo e quería voltar para a casa)
........................


San Antonio gharda o ghado.
San Ramón as ovellas.
E tamén gharda as costureiras
que andan por portas alleas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario