Chamábase José Gabino Espiñeira Marcos.
Cando me decatei da súa existencia, andaría polos oitenta.
Mamá asegura que estivo xantando con nós, na Festa do Patrón no Seixo.
(Xusto no ano que eu estaba en Almería, facendo a “mili”)
Di que estivo moi falangueiro, desfrutando feliz da compaña de Antonio e Maruja -seus sobriños- fillos de Consuelo súa irmá.
O cariño e cercanía de Carmen e Juan –filla e xenro- con nós, naqueles noventa convulsos, espertaron definitivamente a miña curiosidade e interese por un Patrucio nonaxenario.
Así que preguntáballe a mamá : Como vai o tío José ?
E procuraba ir ao Castelo, alomenos unha vez ao ano, lembras Carmen ?
E naquelas tardes sabatinas inquiría pola súa existencia vital :
o primeiro pola chave do Castelo ....como é que él era o garda daquela Torre dos Andrade en ruínas e chea de toxos e silvas...?
e souben, coñecín a guerra de África, o desastre de Annual (1921)
“a min feríronme nunha escaramuza, dous días antes: mandáronme para a casa e salvei a vida”
“cantos morreron, dios mío”
...................
E despois a nosa infausta guerra incivil.
A terrible posguerra : fame, supervivencia, medo ....
O tío José non tiña problemas económicos... máis sí sociais e represivos; foi levado algunhas veces ao Cuartelillo de Pontedeume, acusado de axudar e colaborar cos “escapados”.
Don José sempre foi xeneroso : un bolo de pan, un saco de patacas, un becerro, unha vaca vella...nunca lle fallou a ninguén. Na bisbarra, nas feiras todos o coñecían e todos o apreciaban.
....................
O tempo foi pasando: os fillos de Pedro Espiñeira Blanco e Paula Marcos Prado: Andrés, Consuelo, Antonio, Manuel, María, Elvira, María Antonia, -seus irmás- foron marchando. Lei de vida.
O Tío José converteuse no Patriarca da familia.
O Castelo era o o remate da peregrinaxe tribal.
Cando comecei a levar a Paula –bautizada co nome da tataravoa, sen
sabelo!- por alí (lembras Juan ?) sempre había xente.
Que si os de Ferrol, que si os de Vilachá, que si os do Casal, que si os de san Cibrao....
A calquera hora, parentes, amigos, veciños e mesmo os curiosos visitantes do Castelo paraban na casa –núm.1 do Castelo de Andrade-.
E sempre eramos atendidos coa xenerosidade,amizade e agarimo de Carmen e Juan: os anfitrións perfectos, acolledores sempre.
.....................
Cada 28 de decembro eu procuraba enviarlle unha felicitación:
cumpreanos, Nadal...
Hoxe, cando nos deixou, as súas fillas Carmen e Fina, decatáronse que cumprira 106 anos.
Naceu o sete de novembro de 1898.
Tres séculos: 1898 -2004
Inmenso don José!
.....................
Cando falamos do enterro –mañá día 22-, miña nai (súa sobriña ) díxome:
“Vai levar moitísima xente! -tiña o cariño de todos- ....como lle querían!”
.................
Ningún comentario:
Publicar un comentario