venres, 17 de maio de 2024

Unha pequena xoia, tan necesaria... !

 

Como vou esquecer a miña lingua, 
se esa foi a herdanza de meu pai e mais miña nai!

Resposta que lle deu un emigrante de Vimianzo en Montevideo
 –o ferreiro Ramón de Castromil– cando o
entrevistador da TVG se estrañaba de
que conservase tan ben o seu idioma
 despois de 40 anos emigrado(px.5)
 



Non sabedes canta alegría sentín, cando lin nos xornais que un novo libro galego foi presentado, simultaneamente, en cincuenta e cinco sitios distintos do mundo.
Efectivamente, o venres día 4 de febreiro de 2010, apareceu publicamente o que debe ser o noso libro de cabeceira do galego :



A primeira virtude xa foi ese detalle tan orixinal: aproveitar as redes sociais de internet, para conectarse e facer o mesmo acto en sitios tan dispares como Melide, Wisconsin, Bos Aires ou Moaña...
(Coa primeira virtude, a primeira reflexión: non estamos solos: Canta xente entusiasta ama ó galego !)
Naturalmente faltoume tempo para ir a mercalo - oito euros : prezo accesible - e engulilo nun par de horas, que saben a pouco.


Esa é a segunda virtude: a facilidade de lectura. É un libro tan grato e ameno, que non es quen de deixalo, ata rematar.
( Segunda virtude, segunda reflexión : que bos profesionais temos ! Xente do colectivo Prolingua que lle dan xeito escrito – sen faltar a verdade – a cousas de sentido común, pero que os inimigos do idioma non atenden nin respectan )
Non me resisto a transcribir un par de textos do limiar, px. 7


“Non sabe vostede, ou se cadra si, o difícil que resulta para o profesorado de Lingua galega no exterior –Tubinga, Toronto, Varsovia ...- dar explicado a un universitario alemán, ou a unha alumna canadense que certa xente, censada neste noso país, dedica moito tempo a combater a existencia plena, culta e oficialmente recoñecida do seu propio idioma.
Un amor elemental á humanidade fainos crer que tal cousa non é posible “... “Chamámoslle actitude a predisposición a avaliar favorable ou desfavorablemente un obxecto, persoa ou situación ( unha lingua, no caso das actitudes lingüísticas ) e a actuar de acordo con esa avaliación.
Os prexuízos nacen das actitudes.
Un prexuízo é unha idea preconcibida, que ten a súa orixe nun erro – deliberado ou non – na categorización da realidade.” . px. 9


Esa é a terceira virtude: ser didácticos; claridade , facilidade de
exposición, razoamentos comprensibles.
( Terceira reflexión : definir un prexuízo : cantos saben o que é ?. Como non vai seducirnos este libro ? )
Xa vedes, estaría destripando o libro para todos vos ; é un texto que se deixa querer e que conforta as persoas.


Aínda así, remato coa cuarta virtude : clarividencia nas 55 mentiras – ver índice, px. 79 –
Nese afán pedagóxico, que impregna o libro - afán que leva implícita a veracidade, os datos contrastados, a evidencia histórica - está a súa eficacia: é un libro que te persuade definitivamente: o galego é unha lingua e o resto son 55 trolas baseadas en prexuízos.


Aquí vai unha delas ( px. 51 )

Falacia : “Temos dereito a que toda a sinalética e a documentación oficial –toponimia, administración, escolas, hospitais, etc. –estea nas dúas linguas”
Razoamento: Unha persoa normal , que acabe de chegar a Galicia e nunca tivese contacto co galego, entende ben o galego en menos dun mes, e pode falalo en menos dun ano, dada a proximidade estrutural entre galego e castelán.
....-En Galicia, di non entender galego o 1% da poboación . Ese 1% seica non entende sinais como “urxencias”, “tocoloxía”, “escola “, “pavillón de deportes”, “consellaría de traballo” , etc. porque o galego seica é complicadísimo ! -


En fin, compañeiros e veciños, anímovos á lectura pracenteira desta
pequena alfaia e , logo , darlle pulo para compartila coa xente de ben, pois - “queremos a nosa lingua como queremos os nosos pais ou os nosos fillos: porque son nosos; e abonda”- px.6



Texto publicado, hai 14 anos!, na revista veciñal O Pichel.

  

xoves, 16 de maio de 2024

As palabras ingrávidas

 

(Luisa Villalta. 1957-2004) 


I

As palabras ingrávidas
flutúan ás voltas da cabeza
formando unha poalla
sen existencia.
Se eu estou lá
é por darlle cabida.
A un aceno meu,
ante a miña insistencia,
o frémito do ar
levará as mais fermosas,
as necesarias
cairán ao chan
atraídas polo
significado.

SORRINDO

10 fevereiro


II



Fico abraiado coa fortuna de ter esta edición facsímile, do derradeiro poemario de Luisa Villalta.

Xa imaxinades por onde vou:
    a) Alguén prezado sorpréndete, calquera sábado de andainas, cun agasallo inesperado
    b) Catro anos despois celebramos o dia das Letras Galegas, dedicado a Luisa Villalta....

é ou non é grandioso ?

Eu -entregado - releo, valoro e comparto.
Paga a pena.


Maio 2024