- Carta a Miguel García -
“Fun apartando
as migallas dos soños
que outros deixan nos papés
onde eu agora estaba quedo,
tal como están na cama os tolleitos...
i elí quedeime”
( Antón Tovar. Arredores)
Prezado Miguel:
I
Hasme perdoar este meu atrevemento de conversar
contigo, publicamente, sobre esa íntima debilidade nosa : Ombre en
Santiago.
Máis ao pracer da escrita, únese
esta afinidade que a moitos humanos nos foi dada; con ela podemos compartir o
común goce estético de vilas, pobos e cidades nas que nos tocou vivir ou
desenrolar un proxecto vital...
II
E iso empeza no convite permanente
que teño contigo.
Visitar Compostela.
No niño da nosa amizade, tes un
feixe de razóns para face-la escapada santiaguesa: dende esas exposicións de
pintura que tanto che gustan, ata o Camiño Francés, que fixeches con disciplina
espartana e que tanto te marcou...
Así que hoxe engadirei outro novo
descubrimento que, de seguro, reforzará
os meus argumentos para que esa visita demorada, pausada, tranquila, a esta cidade
na que habito, se cumpra.
Fágoo apoiado en dous chanzos: a imaxinación -“a
tola da casa “ que dicía santa Teresa- e a
humildade dunha igrexa compostelá.
III
A
igrexa é a de San Fructuoso. Ou das Angustias de Abaixo.
A parroquia de San Fructuoso ten unha intensa
vida relixiosa pois acolle a unha importante poboación que habita nos
arredores: Hortas, San Clemente,Trinidade, Pombal...
A igrexa ten sona polo éxito,
entre a xente, da súa espectacular fachada, coroada pola representación das
catro virtudes cardinais: prudencia, xustiza, fortaleza e temperanza.
Naturalmente o pobo, sempre tan
sabio, atopoulles outros nomes e parecidos; e así, calquera compostelán non
deixará que abandones a Praza do Obradoiro, sen ollar desde o miradoiro de
Raxoi, os catro paos da baralla: ouros , copas, espadas e bastos...
Esa é unha atracción típica que enche
moito aos turistas.
Mais, ¡ canto pode haber detrás dunha
fachada barroca !
Non lembro cando foi, máis recordo
que me quedou gravado o nome do arquitecto, autor do proxecto de San Fructuoso: Lucas Ferro
Caaveiro.
Xa entendes por qué.
Ese apelido, tan familiar pola nosa
bisbarra, espertou a miña curiosidade.
E, cando quixen profundar, volvín a Pontedeume e, por que non?, a Ombre...
IV
Procurando a biografía de don Lucas Antonio Ferro Caaveiro nos libros, e
mesmo na “arañeira”, poucas cousas atopei, pero foron tan valiosas que fixaron
o segundo chanzo desta carta, e ceibaron a fantasía que me permitíu soñar, voar,descubrir e andar polos camiños
máxicos dun artista único,quizais o último xenio de Ombre.
( E cando digo artista, xenio, falo –
como sabes- dese concepto renacentista da Arte, no que o creador,poñamos
arquitecto, domina tódolos oficios relacionados: carpinteiro, tallista,
escultor, pintor, debuxante...)
V
Do Arcebispo Raxoi (1690 -1772) din os
libros que naceu en Covés – Pontedeume.
De Ferro Caaveiro (1699-1770) só anotan que naceu en Pontedeume.
Así que eu empezo a soñar, e vexo
a Lucas Antonio camiñando polos escuros camiños do Casquido e as Pontellas,
cara a Vila, onde vai estudiar na Cátedra de Latinidade.
Véxoo como un xove arquitecto talentoso que
fai o edificio do Concello de Lugo(1735 )- lembra que en Lugo estivera, uns
anos antes, o cóengo doutoral Don Bartolomé Raxoi.
Imaxínoo como disciplinado número
dous de Fernando Casas Novoa rematando a
fachada do Obradoiro: Morto Don Fernando (1749) foi nomeado Mestre –interino-
de Obras da Catedral.
Estouno vendo, ceando con Raxoi, nas estancias catedralicias, cando éste
é nomeado Arcebispo de Santiago, aló pola festa do Espírito Santo do 1751.
Atópoo alporizado, cando o
lume devora a Sala Capitular e do Tesouro, da Catedral que tanto amaba, no
agosto daquel memorable 1751.
Levoulle sete anos. Pero fixo unha obra admirable.
Paredes e teitos restaurados dan fe dun
tardo barroco elegante, único e chamativo; tanto que, aínda hoxe, é unha
anécdota recorrente en moitas guías o plafón do teito da Sala Capitular, descuberto
da súa capa de estuco e pintura para mostrarlle - a un incrédulo Afonso
XIII- a beleza núa do granito galego, do cal está feita toda a estancia.
Pensa... haberá pedras da canteira da Camposa na Catedral de Santiago ?
Síntome libre para atenuar calquera erro, cando vexo a Ferro Caaveiro viaxando cara a Covés, onde reside temporalmente - naquel verán de 1758-
o seu paisano, amigo, cómplice e protector Arcebispo Raxoi.
Lucas Antonio leva - feliz e orgulloso- os novos planos da Fachada Norte
da Catedral, tamén chamada da Acibechería.
Está no cumio. Hai dous anos que é, oficialmente, Mestre de Obras da
Catedral. Gaña máis de 1.000 reais de
prata ó ano, e desborda talento nunha madurez arquitectónica excepcional.
Parece que estou vendo aqueles dous homes camiñando, paseniño, por
Figueirido, polo Silvar, baixando pola
Graña, cara a Esteiro e Pontedeume.
Van falando de columnas, fustes, capiteis, frisos, estatuas, apóstolos...
Arte, en definitiva.
Qué
pasaría, para que cinco anos despois, no 1763, sen apenas pegadas da súa obra na devandita Fachada -cando
veñas,haste de fixar: o corpo inferior é
diferente dos outros dous- fose apartado fulminantemente do Proxecto e das
Obras?
Os libros falan do empuxe das novas tendencias.
O Neoclásico imponse na edificación de
igrexas e monumentos. Xa non queda ningún artista. Todos son rutineiros
arquitectos que levan a cabo as directrices da Academia de Madrid.
Ventura Rodríguez, Domingo Lois Monteagudo, fan a Fachada Norte da
Catedral, mentres don Bartolomé
consigue que o Cabido lle pague, de por vida, 2.090 reais de prata a Lucas
Antonio Ferro Caaveiro.
Morreu en 1770. Tiña 69 anos.
Non sei onde está enterrado.
E se está en Ombre ?.
Ou en Nogueirosa ?
Ou en Esteiro ?
Ou en Covés ?
VI
Matino niso, baixando pola Inmaculada, camiño
do Obradoiro.
Quero ollar, outra vez, a fachada de San
Fructuoso.
As virtudes cardinais,e o inmenso escudo real.
As ánimas do Purgatorio, mais tamén o fermoso
alzado da planta de cruz grega.
E reflexiono sobre a audacia
intelectual de Ferro Caaveiro, atrevéndose a facer a única igrexa compostelá
cos catro brazos iguais - fuxindo da cruz latina- lembrando aos catro elementos
honrados polos antigos: aire, auga, lume, terra...
E sei, seguro, que nalgún deles está
Ombre, en Santiago, agardándote.
Nos arredores do
san Xoán.2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario