venres, 19 de xuño de 2015

Asseconia


Onte estiven en Asseconia!

Foi grazas ó entusiasmo de Margariña, que nos levou a todos a unha viaxe marabillosa.

Todos, en realidade, eramos unha ducia.

(a cifra máxima autorizada para esta excursión).

Cóntovos: Viaxar a Asseconia non é doado.

En realidade, non está ó alcance do común dos mortais...


a) So hai unha única saída, as catro da tarde, de luns a venres, para doce persoas, máximo!

b) Non se viaxa en sábados, domingos e festivos (ou vésperas)

c) Non podedes tirar fotos, nin vídeos... e hai certas incomodidades físicas....

d) Así que, imaxinade con canta antelación hai que reservar!

e) (A cegas): reservas e pagas con outros nomes, digamos máis convencionais...


Por iso ten tanto mérito Margariña, a guía que estaba de garda  e que que nos trasladou,  coa súa sabedoría, chea de emoción cómplice, a Asseconia:

Unha mansio (parada) que aló polo século III d.C, formaba parte da XIX Vía Romana: aquela  que comunicaba “Bracara”  (Braga) e “Asturica” (Astorga).

Así foi como empezou a contarnos, conmovida, a historia daqueles restos arqueolóxicos que estaban soterrados na Catedral de Santiago.

Escavacións, catacumbas, sartegos... eran os nomes convencionais.

Que aparecen nos folletos, nas reservas, na web do arcebispado.

Máis nós, afortunada ducia de mortais!, entramos a Asseconia polo brazo do cruceiro de Praterías, en fila india, guiados por Margariña, sempre convincente!. E  alí quedamos, de pé - todos xuntos - abraiados diante da mansio que ela nos mostraba, coa súa descrición demorada, culta e apaixonada. Onde nós víamos catro pedras acomodadas, ela ensinounos unha tumba sinxela , de xente corrente. Onde nos ollábamos un curioso balado, ela mostrounos a quenlla interior por onde corría a  auga...

Levounos, paseniño, pola nave central, cara o Pórtico (pensaba eu). Máis non..! Estabamos diante da cara oeste da muralla  primixenia...

“Ollade esta formación de esquistos  no balado, tan ben conservada, aínda”

“Fixádevos no foxo central...é un pozo de auga, naquel tempo tan valiosa”... E de seguido, enfiaba unha cumprida explicación da función da muralla, ou da eficacia organizativa no reparto da auga...
E ti sentías que formabas parte daquela comunidade romana, perdida nun cruce de camiños.

(A valía de Asseconia era a súa estratéxica situación: alí chegaba a vía marítima de Iria Flavia, por exemplo... e desde alí saían, entre outros, os camiños cara  a Brigantium, ou Finisterrae...)

Así que cando apareceu a necrópole – na planta central da Catedral, moi preto do sepulcro apostólico -  e vimos os diferentes sartegos de pedra (que ela se esforzou – pacientemente - en diferenciarnos por época e civilizacións; no é o mesmo a tumba sueva que a romana, ou a medieval) ... eu xa me propuxera - fascinado - : 

1)  Saber máis de celtas, suevos, romanos, sarcófagos, exhumacións, laxas, foxos....

2)  Voltar a San Paio de Antealtares, e alí pescudar porqué unha ara romana (s.I) - que falaba da rapaza Viria, neta de Atia -, e que formaba parte imprescindible  do mausoleo Arcis Marmoricis – Locus Iacobus -, foi  manipulada e modificada no século XVII...

3)  Compartir e difundir  a existencia de Asseconia. 


O entusiasmo de Margariña contaxioume!. 

Pensade: quén pode viaxar a un  pasado tan valioso, desde un  presente tan destemido?.

Isto que comparto sucedeu  nos idus do mes sexto, transcorrendo o décimo quinto ano do presente século en Asseconia (hoxe Compostela)



Antón da Sobreira

Ningún comentario:

Publicar un comentario