martes, 28 de abril de 2020

Unha lendaria viaxe


Onte, os amigos de GCiencia ( Xornalismo + Divulgación) publicaron o documental máis fermoso que vin no que vai de século!

E non, non esaxero.

Preso sempre desta miña subxectividade, van as dúas razóns que xustifican tan contundente afirmación.


Primeira:
Eses azares misteriosos que confortan o espírito. Xa sabedes que é unha vella teima desta bitácora. Ese alimento espiritual feito de descubrimentos, achados, sorpresas...

Emocióname ler e ollar o nome da admirable Ruth Matilda Anderson... que foi a miña primeira publicación, deste bisesto 2020!


Segunda:
O impresionante traballo da Asociación Cultural Dous Punto Oito autores dunha alfaia transcendental:  A Viaxe de Ruth
Son 53 minutos marabillosos.



Xosé Reigosa -encántame a súa devoción por Ruth e a tranquilidade coa que fala con todos (mesmo con nós)-  percorre  Galicia, hoxe, procurando as pegadas dunha viaxe  lendaria (1924-1926).

E conversa coa xente que sabe e coñece daquela vida, mesmo descendentes dos protagonistas das fotos  (Por exemplo, o entrañable Aparicio Añón Caamaño, oleiro de Buño. Minuto 33)


O engado, fascinante, é a técnica cinematográfica.
Recrean episodios e fotos... nun branco e negro engaiolante.
   - Esa conmovedora despedida na aldea: minuto  19.
  - A historia de Ramón Caamaño, o noso grande fotógrafo da Costa da Morte, que –con 16 anos– preséntase a Ruth! (Minuto 10)

A maxia comeza na chegada a Vigo  (17-08-24). 


Alí descubrimos a don Alfredo Anderson. O pai.
Escribe un diario que, nunha fascinante recreación, dálle pulo á epopea da súa filla.
(Ao fío do relato: no hotel Suizo –lembrades ?, minuto 16, revelando fotos).


Todo é perfecto nese Documento excepcional:
-A gradación ascendente do guión (sabia mestura do  presente e do pasado, viaxando no tempo)
-A realización técnica (cunha coherencia extraordinaria: emoción contida cando aparecen (minuto 38) os traxes galegos... en cor !  (Lembrade, estamos en 1925)
-A colaboración, coidadosa e con xeito, dos expertos –amenos que explican a valía e importancia desa viaxe ( Manuel Sendón, M.A.Seixas, Pegerto Saavedra... )
-A música, orixinal e  acaída, de Arturo Vaquero.


E, sí, esa íntima complicidade de saber que, case cen anos despois, valoramos e reivindicamos o compromiso de Ruth Matilda Anderson.
(Ollade as fotos novamente: vistas hoxe, son unha homenaxe ao traballo das nosas devanceiras)



Desfrutade.
Paga a pena !

 Rematando abril, neste bisesto raro e ruín