mércores, 11 de maio de 2016

Abruñeiro

 
Éche boa verdade iso de que o bosque non che deixa ver as árbores!
(ou era ao revés?)
O caso é que a min pásame, decote.
Xa volo contei nalgunha ocasión: excitado e impaciente por ollar e extasiarme diante dalgunhas xoias impoñentes (ginkgos, sobreiras, faias, cerquiños...) ía pasadío e nin miraba para outras especies, abondosas, pero moito máis discretas no seu porte.

Por eses azares misteriosos, que nos conectan co descoñecido - pero valioso para o noso espírito -, descubrín o abruñeiro (prunus spinosa) o día que Marilar Aleixandre plantou un exemplar, na homenaxe que lle fixeron en Santiago.
Vaia, pensei, qué grande Marilar! .
E chegou o inverno.
E, rematando febreiro, diversas árbores empezaron o ciclo marabilloso da floración anual.

Eu tiña asumida, por rutineira, a presenza dos pexegueiros, das ameixeiras, das cerdeiras..sen nunca pararme a ollar o seu vistoso espertar floral. Ata este ano que, fose onde fose, brillaban -rechamantes – milleiros de flores brancas en contraste con outras tantas rosáceas, aviñadas, en diferentes exemplares, de porte similar.

No Campus, nos Basquiños, ou polo Ensanche...de súpeto, en calquera beirarrúa, ou praza, ou xardín, chamaba –estourando nunha sinfonía floral- a primavera. E claro, lembrei as cerdeiras da miña aldea, os pexegueiros da nosa casa familiar, as ameixeiras da infancia...

E foi cando acudín ós libros, novamente.
(Xa vos dixen: canto precisemos para o noso espírito, estará nos libros)
Neles, nesa letra pequena tan valiosa -agora doume conta-, atopei as semellanzas e diferenzas destas arboriñas que florean tan cedo, que se parecen tanto, que cada ano nunca fallan na súa aparición estacional...
Así que, antes de que se vaian definitivamente -ata o vindeiro ano-, deixo escrita a miña admiración, fascinación e devoción por unhas árbores, tan humildes, próximas e habituais que non apreciamos a súa importancia, fermosura e valía.
  • Abruñeiro ( Prunus spinosa )
  • Cerdeira dos xardíns ( Prunus pissardii ) 
  • Cerdeira do Xapón  (Prunus serrulata )
  • Cerdeira común ( Prunus avium )
  • Guindeira  ( Prunus cerasus )
  • Pexegueiro ( Prunus pérsica )
  • Ameixeira  ( Prunus doméstica )
  • Amendoeira ( Prunus dulcis )
Deixo para outra ocasión , o comentario sobre algúns parentes destas especies, que comparten con elas veciñanza, beleza e fartura ( marmeleiros, nespereiras ...). Agora vou mercar un par de litros de anís: Neles, antes do solsticio de verán, poñerei a amolecer 200 gramos de níxaros – dos abruñeiros que xa agroman, aló polas terras do Eume –
Poida que, polo San Martiño, haxa un “patxarán” caseiro coma o que se fai en Navarra!

Xa vos contarei.