miércoles, 30 de septiembre de 2015

Unha Flor Nacional (II)



Coa miña teima da flor nacional, tiña redactados un par de folios razoando a valía e importancia dunha flor representativa do país...

(e falando da miña favorita, of course!)

Máis - logo da entrada de agosto - houbo varias mensaxes (que agradezo moito) nas que, amén de compartir a ledicia por eses pequenos detalles de honrar unha flor, aproveitaban para responder a miña pregunta retórica de se pode haber, algún día, unha flor nacional de Galicia. E case todos botáronse a nomear cadansúa candidata!

De xeito que, grazas a este invento tan moderno que se chama internet, puiden coñecer esa enerxía positiva da nosa xente; como aínda hai persoas que se implican en cousas - que poden semellar miúdas ou pouco importantes - pero que son unha mostra de que, en tempos coma estes, tan feroces co mundo vexetal, non está todo perdido. Por tanto, benqueridos lectores, abordarei neste artigo un par de cuestións, digamos previas, para poder nomear a nosa flor coas debidas garantías de consenso.

En primeiro lugar, cómpre establecer unhas bases de traballo; unhas regras de xogo que nos permitan acadar a maior fiabilidade posíbel na elección.

Coido que todos estamos dacordo en que a cousa non consiste en ollar arredor noso e dicir: “pois a min gústame a azalea”; “eu prefiro os xasmíns”, “o rododendro si que é bonito”, etc, etc.

A Flor Nacional de Galicia ten que ter unha dignidade, uns alicerces solidamente construídos e temos que ser nós (o pobo) quén llos facilitemos.

Así que, por exemplo, habería que consensuar unha Comisión científico-técnico-cultural (composta por expertos, técnicos e profesores de recoñecido prestixio botánico). Esta Comisión sería a encargada de facilitarnos unha listaxe de árbores, arbustos e plantas que entrarían na elección.

Deberían explicarnos os criterios básicos da selección ou da exclusión.

Outro exemplo: Non entrarían na selección as plantas, árbores ou arbustos, alóctonos ou invasores; fixando un criterio cronolóxico do que se entende por autóctono ou alóctono.

Non entrarían tampouco, na selección, aquelas plantas ou variedades obtidas en Laboratorio, como se da en moitos casos de plantas de xardín, de cores rechamantes e fermosos de seu...

En fin, definidos os criterios, chegaríamos a unha listaxe de candidatas que, incluso, se podería agrupar nestes catro apartados:


1) Flores de árbores (desde a flor da cerdeira... ata a flor do bidueiro...)

2) Flores de arbustos (desde a flor da xesta....ata a flor do érbedo... )

3) Flores de xardín (desde a flor da camelia.... ata a flor da magnolia....)

4) Flores das nosas terras agrícolas (desde a flor da pataca, ata a flor do millo...)

 
O segundo e derradeiro punto, - importante ó meu ver -, é determinar os electores e o método de votación. Se buscamos as máximas garantías para que a flor electa sexa realmente representativa de Galicia, debemos artellar un corpo electoral amplo e seguro. E por suposto, nel debe entrar o maior número posíbel de persoas; os nenos e xoves de escolas, institutos e universidades, en primeiro lugar.

Habería que potenciar as votacións por sectores, comarcas, profesións ou actividades.... de xeito que, como xa se fai para elixir libros, películas, cadros... súmanse as porcentaxes de cada segmento. Esa adición é a que nos da, a flor gañadora. Sen complicarnos moito, habería un corpo electoral semellante a:


-25% : Rapaces de Escolas, Colexios, Institutos, Universidades...

-25% : Colectivos veciñais, Asociacións varias , Viveiros...

-30% : Expertos en Botánica (Universidade, Paisaxistas, Xardíns históricos...)

-20% : Votantes en internet (debidamente identificados)


Son ideas e suxestións que se poden mellorar e perfeccionar. Xa digo, non temos presa... é a nosa flor, meréceo!!




Polo San Cosme de 2015

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario