lunes, 30 de septiembre de 2019

Vou de camiño !

Miñas donas, meus señores:

Hoxe vou camiñar cara a Compostela, polo Camiño de Inverno.

Cando recibín o convite dos Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela  anoteime ipso facto

Coa súa autorización, of course, vai  o  decálogo de razóns que me engaiolaron  para camiñar desde Ponferrada ata Compostela.


( Gostei moito da número V. Galicia. Non sabía dese cumio.... ten que ser unha marabilla ! )


As dez razóns para camiñar a Compostela, polo Camiño de Inverno: 


I.-  Os Ríos. Omnipresentes. O Camiño de Inverno a Compostela é o único que vai acompañado polos tres grandes ríos galaicos: O maxestoso Sil, o vello pai Miño, o impoñente Ulla.... cuns secundarios de luxo:  Lor, Cabe,Toxa, Deza...

II.- A Paisaxe. Única. Nunha beleza chea de contrastes. Desde as louseiras de Valdeorras, ata os socalcos da Ribeira Sacra, pasando por soutos, nogueirais, cortiñas, erbedeiros... asombrosos. E, no Saviñao, o Cabo do mundo!

III.- Os Romanos. Non só  As Médulas –valioso patrimonio da humanidade -. Tamén Montefurado –incrible traballo de enxeñería na procura do ouro –. Ou a Calzada pola que baixamos,nunha fraga acolledora, ata Belesar.

IV.- A riqueza  etnográfica. Por exemplo : no Camiño de Inverno hai unha abondosa presenza dos Petos de ánimas. Tesouros  de pedra en camiños, adros e prazas, que nos sorprenden, asombran, conmoven.

V.- Galicia. Toda a terra é nosa. Nunha ollada. No Camiño de Inverno está o único cumio desde o cal ollamos as catro provincias. Mesmo co ceo  anubrado. Éxtase!

VI.- Vilas (A Galicia interior ). É outro mundo. Tan acolledor. Próximo. Xeneroso.  Grande pracer chegar a Quiroga,  Monforte, Chantada, Rodeiro...
e mesmo, impagable. Entrar na Pobra de Brollón, cruzando o Rubín –que non ten ponte-!

VII.- Románico. Exuberante. Desde os mosteiros escondidos na maleza dos outeiros, ata ás máis humildes igrexas... San Lourenzo de Fión, San Paio de Diomondi...

VIII.- Xentes. De Ponferrada a Compostela, en cada etapa sempre haberá unha persoa, unha conversa, unha historia: A aceiteira de Bendilló, a taberneira de Penasillás, o piñeiro da Pobra- esa revolta  dos Guímaros -!

IX.-  Esforzo. Non hai. Convertemos ás nove etapas oficiais, en trece levadeiras andainas. Só teremos que  madrugar nas dúas primeiras etapas. Saímos ás 8 de Compostela. Levamos comida, por se acaso. ( Axuntamos calendario  -últimos sábados de cada mes -)

X.- Síndrome de Stendhal. Abraiados pola sorpresa da descuberta e o pracer do vivido... Iso será o que nos pase, de volta en Compostela, rematado o Camiño de Inverno.
Paga a pena !


Xa vos contarei, 

Setembro 2019




No hay comentarios:

Publicar un comentario