domingo, 23 de xuño de 2019

Ombre en Santiago

- Carta a Miguel García -



“Fun apartando
as migallas dos soños
que outros deixan nos papés
onde eu agora estaba quedo,
tal como están  na cama os tolleitos...
i elí quedeime”

( Antón Tovar. Arredores) 



Prezado Miguel:

I

          Hasme perdoar este meu atrevemento de conversar contigo, publicamente, sobre esa íntima  debilidade nosa :  Ombre en Santiago.

           Máis ao pracer da escrita, únese esta afinidade que a moitos humanos nos foi dada; con ela podemos compartir o común goce estético de vilas, pobos e cidades nas que nos tocou vivir ou desenrolar un proxecto vital...

II

            E iso empeza no convite permanente que teño contigo.

Visitar Compostela.

            No niño da nosa amizade, tes un feixe de razóns para face-la escapada santiaguesa: dende esas exposicións de pintura que tanto che gustan, ata o Camiño Francés, que fixeches con disciplina espartana e que tanto te marcou...

            Así que hoxe engadirei outro novo descubrimento  que, de seguro, reforzará os meus argumentos para que esa visita demorada, pausada, tranquila, a esta cidade na que habito, se cumpra.

           Fágoo apoiado en dous chanzos: a imaxinación -“a tola da casa “ que dicía santa Teresa-  e  a humildade dunha igrexa compostelá.


III

           A  igrexa é a de San Fructuoso. Ou das Angustias de Abaixo.

        A parroquia de San Fructuoso ten unha intensa vida relixiosa pois acolle a unha importante poboación que habita nos arredores: Hortas, San Clemente,Trinidade, Pombal...

          A igrexa ten sona polo éxito, entre a xente, da súa espectacular fachada, coroada pola representación das catro virtudes cardinais: prudencia, xustiza, fortaleza e temperanza.

          Naturalmente o pobo, sempre tan sabio, atopoulles outros nomes e parecidos; e así, calquera compostelán non deixará que abandones a Praza do Obradoiro, sen ollar desde o miradoiro de Raxoi, os catro paos da baralla: ouros , copas, espadas e bastos...

          Esa é unha atracción típica que enche moito aos turistas.

Mais, ¡ canto pode haber detrás dunha fachada barroca !

          Non lembro cando foi, máis recordo que me quedou gravado o nome do arquitecto, autor  do proxecto de San Fructuoso: Lucas Ferro Caaveiro.

          Xa entendes por qué.

Ese apelido, tan familiar pola nosa bisbarra, espertou a miña curiosidade.

          E, cando quixen profundar, volvín  a Pontedeume e, por que non?, a Ombre...


IV

          Procurando a biografía de don  Lucas Antonio Ferro Caaveiro nos libros, e mesmo na “arañeira”, poucas cousas atopei, pero foron tan valiosas que fixaron o segundo chanzo desta carta, e ceibaron a fantasía que me permitíu  soñar, voar,descubrir e andar polos camiños máxicos dun artista único,quizais o último xenio de Ombre.

( E cando digo artista, xenio, falo – como sabes- dese concepto renacentista da Arte, no que o creador,poñamos arquitecto, domina tódolos oficios relacionados: carpinteiro, tallista, escultor, pintor, debuxante...)

V

         Do Arcebispo Raxoi (1690 -1772) din os libros que naceu en Covés – Pontedeume.

         De Ferro Caaveiro (1699-1770)  só anotan que naceu en Pontedeume.

        Así que eu empezo a soñar, e vexo a Lucas Antonio camiñando polos escuros camiños do Casquido e as Pontellas, cara a Vila, onde vai estudiar na Cátedra de Latinidade.

       Véxoo como un xove arquitecto talentoso que fai o edificio do Concello de Lugo(1735 )- lembra que en Lugo estivera, uns anos antes, o cóengo doutoral Don Bartolomé Raxoi.

       Imaxínoo como disciplinado número dous de Fernando  Casas Novoa rematando a fachada do Obradoiro: Morto Don Fernando (1749) foi nomeado Mestre –interino- de Obras da Catedral.

       Estouno vendo, ceando con Raxoi, nas estancias catedralicias, cando éste é nomeado Arcebispo de Santiago, aló pola festa do Espírito Santo do 1751.

       Atópoo alporizado, cando o lume devora a Sala Capitular e do Tesouro, da Catedral que tanto amaba, no agosto daquel memorable 1751.

       Levoulle sete anos. Pero fixo unha obra admirable.

Paredes e teitos restaurados dan fe dun tardo barroco elegante, único e chamativo; tanto que, aínda hoxe, é unha anécdota recorrente en moitas guías o plafón do teito da Sala Capitular, descuberto da súa capa de estuco e pintura para mostrarlle - a un incrédulo  Afonso XIII- a beleza núa do granito galego, do cal está feita toda a estancia.

      Pensa... haberá pedras da canteira da Camposa na Catedral de Santiago ?

     Síntome libre para atenuar calquera erro, cando vexo a Ferro Caaveiro  viaxando cara a Covés, onde  reside temporalmente - naquel verán de 1758- o seu paisano, amigo, cómplice e protector Arcebispo Raxoi.

      Lucas Antonio leva - feliz e orgulloso- os novos planos da Fachada Norte da Catedral, tamén chamada da Acibechería.

      Está no cumio. Hai dous anos que é, oficialmente, Mestre de Obras da Catedral. Gaña máis de 1.000 reais  de prata ó ano, e desborda talento nunha madurez arquitectónica excepcional.

      Parece que estou vendo aqueles dous homes camiñando, paseniño, por Figueirido, polo Silvar,  baixando pola Graña, cara a Esteiro e Pontedeume.

      Van falando de columnas, fustes, capiteis, frisos, estatuas, apóstolos...
Arte, en definitiva.

      Qué pasaría, para que cinco anos despois, no 1763, sen  apenas pegadas  da súa obra na devandita Fachada -cando veñas,haste de fixar: o corpo inferior  é diferente dos outros dous- fose apartado fulminantemente do Proxecto e das Obras?

      Os libros falan do empuxe das novas tendencias.
O Neoclásico imponse na edificación de igrexas e monumentos. Xa non queda ningún artista. Todos son rutineiros arquitectos que levan a cabo as directrices da Academia de Madrid.

     Ventura Rodríguez, Domingo Lois Monteagudo, fan a Fachada Norte da Catedral,   mentres don Bartolomé consigue que o Cabido lle pague, de por vida, 2.090 reais de prata a Lucas Antonio Ferro Caaveiro.

  Morreu en 1770. Tiña 69 anos.
Non sei onde está enterrado.
E se está en Ombre ?.
Ou en Nogueirosa ?
Ou en Esteiro ?
Ou en Covés ?

VI
  
 Matino niso, baixando pola Inmaculada, camiño do Obradoiro.

 Quero ollar, outra vez, a fachada de San Fructuoso.   

As virtudes cardinais,e o  inmenso escudo real.

 As ánimas do Purgatorio, mais tamén o fermoso alzado da planta de cruz grega.

     E reflexiono sobre a audacia intelectual de Ferro Caaveiro, atrevéndose a facer a única igrexa compostelá cos catro brazos iguais - fuxindo da cruz latina- lembrando aos catro elementos honrados polos antigos: aire, auga, lume, terra...    


E sei, seguro, que nalgún deles está Ombre, en Santiago, agardándote.

Nos arredores do san Xoán.2019