martes, 26 de febrero de 2019

PODEROSA HERMAFRODITA


      Coa Tipuana (Tipuana tipu –Benth. , Kuntze - ) pásame unha cousa moi curiosa.
Sempre a vexo espida.
        Vaia , tampouco debo esaxerar !
En realidade só a vin dúas veces.
        A primeira, foi no seu país de orixe : Arxentina.
Era agosto e, naturalmente, inverno austral.
        Aínda que non lle prestei moita atención – os afeccionados, cando empezamos, só ollamos o verde perdurable-, si lembro que preguntei por aqueles centos de exemplares que, espidos, inzaban as grandes avenidas de evocadores nomes: “Ribadavia “, “Maio”,  “9 de xullo”...

- A  Tipa ? ...tes que vela floreada !. Non se coñece a cidade, inundada de flores amarelas !  -dixérame xente querida.
       Como tantas lembranzas máxicas, o marelo imaxinario da Tipuana quedou durmindo no limbo, mentres eu trataba de contarvos porque a chorima debe ser a  nosa flor nacional, ou de achegarvos o valor das  nosas senlleiras.
....

     Aló polo xaneiro, decátome de que na nosa cidade hai un exemplar de Tipuana.
Faltoume tempo para ir a recoñecelo !
      Chovía, estaba o ceo cuberto, ía frío...e non tardei nada en chegar o Parque.
Está  perto de onde vivo. En realidade, é moi céntrico.
      E atopeina.
Permanecía  espida, como se non pasaran os anos ,  desde a primeira vez  no pasado século.
    Lóxico.
       Era o inverno  setentrional.
 ( O noso )
.....

     E alí estaban. Si. Plural. Porque hai dous exemplares novos de Tipuana.
Non era necesario, para a súa supervivencia, poñer dúas árbores.
     A Tipuana é unha poderosa hermafrodita  - lembrade : na mesma flor, ten o androceo e o xineceo - que soporta calquera inclemencia,  aguanta tódalas eivas...tódolos anos.
      Sen desfalecer : ollo con ela !.
 Nesa resistencia é  superior as súas irmáns  – pertence a familia das Leguminosae-  : ( mimosas, sóforas, acacias...)

      Chovía, estaba o ceo cuberto, o regato ía moi cheo - camiño do seu pai milenario-.
Era un día  cincento : perfecto para combinar coa color da Tipuana
     Núa.
Coa cortiza gris –parda, case escura.
Coa copa  apuntando xa, unhas formas redondeadas.
         Adaptándose  e disimulando coas compañeiras, de folla caduca, que alí están : moreira, bidueiro, sófora.
( Ninguén diría - pola súa integración - que na orixe, apareceu alá por Catamarca/ Arxentina-).
...


        E aquí me tedes: agardando, ansioso , a chegada de abril, ou maio...
Antes de rematar xuño as dúas  Tipuanas  de Santiago, estarán cheas de flores  dun amarelo intenso, que voarán, inundarán o céspede verde, flotarán no regato, e ata poida que cheguen a rúa  que , non moi lonxe do parque, foi  dedicada a don  Isaac Díaz Pardo.

        Así que , nesa espera para vela  - por fin ! - vestida de follas e flores, sigo alimentándome coas fotos - fermosas-, que, en valiosos libros botánicos, outra xente amiga das árbores, ten a xentileza de publicar.

         En Compostela, camiño do entroido, no 2019








Bibliografía :
    1.- Guía Verde de Santiago de Compostela, coordenada por María Isabel Fraga . Concellaría de Medio Ambiente, Parques e Xardíns. Editorial Alvarellos. Santiago de Compostela. 2010

 2.-  El nuevo libro del árbol. (tomo I ).  Edición de Francisco Erize. Celulosa Argentina S.A. Editorial  El Ateneo. Buenos Aires. 2000

No hay comentarios:

Publicar un comentario